As protestas están encabezadas pola nación indíxena Ngäbe Bugle

As protestas están encabezadas pola nación indíxena Ngäbe Bugle

Unha vez máis, despois do acaecido en Bocas del Toro o pasado ano, o
pobo panameño volve erguerse para impedir que o goberno venda o
territorio nacional as grandes compañías mineiras, as protestas, que
están sendo reprimidas nestes intres, están encabezadas pola nación
indíxena Ngäbe Bugle.

Nas terras que despois de cinco séculos os Ngäbes conseguiron en 1997 que lles garantiran o ser nomeado como comarca, outorgandolles certa autonomía, atópase un dos xacementos de cobre máis importante do mundo, na montaña chamada Cerro Colorado, que amais ocupa un lugar sagrado para esa cultura indíxena.

Hai que mencionar asemade, que o 44% da xeografía panameña xa están en proceso de concesión para extraccións mineiras, a meirande parte, no Corredor Biolóxico Meso americano, un dos lugares do mundo con maior biodiversidade, no que gracias ao traballo de conservación intuitivo que levan a cabo os pobos indíxenas manteñense amplas zonas de selva virxe, cun valor monetario incalculábel debido as miles de aplicacións que ofrecen estes bosques, dende os créditos de carbono aos principios activos de medicinas naturais, plantas que os indíxenas usan dende fai miles de anos.

Excepto tal vez dous ou tres nomes, cabe salientar que as explotacións
mineiras en Panamá so poden ser levadas a cabo por empresas
multinacionais, o non ter a oligarquía panameña capacidade económica
dabondo para executar proxectos de tal envergadura, centrando a
burguesía nacional os seus esforzos nas empresas hidroeléctricas,
gastos que si poden asumir.

Neste caso foi Corea do Sul a que solicitou o ano pasado ao presidente
de Panamá, Ricardo Martinelli, que se modificara a lei para permitiren
que os estados estranxeiros puideran acometer directamente estas
iniciativas mineiras.

Dito e feito, o 11 de febreiro sancionouse a lei 8 que modifica o
Código Mineiro, actualizando ate certo punto as regalías que van para
o estado e que aínda cun lixeiro aumento, continuarían sendo
marxinais, o non pasaren do 5% dos beneficios netos e con importantes
exencións para estas empresas, e como non, permitiuse que mentres sexa baixo personalidade xurídica, calquera estado poida adicarse a
minería en Panamá.

Por se quedaba algunha dúbida, a axencia EFE publicou catro días máis
tarde o contido da chamada que Martinelli fixo a Lee Myung-bak, o seu
homólogo sulcoreano, na que este presumía da súa satisfacción polos
cambios na lexislación panameña, e predicía o aumento na participación da república asiática en proxectos mineiros e de infraestrutura. De igual forma, o goberno panameño recoñeceu as negociacións con varias compañías para explotaren Cerro Colorado.

En resposta, miles de indíxenas baixaron da montañas en percorridos
que poden durar ate tres días para se xuntar en máis dunha ducia de
puntos na estrada Interamericana, única vía que cruza case
completamente a república panameña e fonte vital de interconexion
tanto con centroamerica, como coas zonas do Caribe, onde destaca as
bananeiras en Bocas del Toro e a explotación mineira de Petaquilla,
funesto exemplo das consecuencias da minería metálica a ceo aberto,
que deu en contaminar áreas fluviais enteiras -a base da mina esta
situada onde conflúen tres ríos- amais da deforestación provocada,
nunha zona teoricamente protexida polas instancias internacionais pola
súa riqueza biolóxica.

Ante os primeiros cortes de rúas o día 16 de febreiro, o goberno
defendeu que non se ía lanza-la policía contra os manifestantes,
iniciando unha ofensiva para compra-las autoridades indíxenas,
chamados Caciques, aproveitándose dunhas eleccións comarcais
fraudulentas que o mesmo goberno fixo o pasado ano, e que foron
rexeitadas por máis do 80% dos censados. Tras transixir dous ou tres líderes, anunciaron un acordo así como a execución dun decreto que prohibía durante este período de goberno a concesión de minas no territorio comarcal.

Sen embargo, tendo en conta tamén que a situación de indefensión que
creou, fai seis meses, a transferencia das competencias no tocante aos
recursos naturais da comarca indíxena o estado panameño, a maioría dos pobo indíxena ignorou o acordado polo goberno, e dende o día 24,
manteñen barricadas nunha decena de puntos do país pedindo a
derrogación da lei 8 coma un primeiros paso, sen perderen de vista o
obxectivo final, a prohibición da minería metálica en todo o país.

Unha vez minimizado o impacto, grazas o control de boa parte dos
medios de comunicación, desta nova marcha, a tarde do 26 as unidades
antimotins dirixíronse cara o interior do pais co obxectivo de abrir
as vías, botando artefactos lacrimóxenos contra os manifestantes, no
que se inclúen un bo número de nenos, chegando a afectar a unha
meniña de dous meses que tivo que ser hospitalizada.

A resposta dos indíxenas, que xunto a grupos de obreiros pecharan a
estrada, foron vidros, pedras e todo co que podían contar neses
momento, sen ver unha solución o conflito, os primeiros datos falan de
12 feridos por perdigóns, así coma 15 policías e varias ducias de
detidos.

Esta represión non conseguiu aminorar o ánimo dos que baixaron das
montañas, que nos poucos casos onde foron derrotados, refacían
rapidamente as barricadas.

Na cidade capital repetíronse as detencións, incluíndo a do xornalista
español Paco Gómez Nadal e doutras 15 persoas pertencentes a Human Rights Everywhere, que se preparaban para manifestarse.