Arxentina após morte de Kirchner
Por motivos académicos, chego ao Aeroporto Internacional Ministro Pistarini (Buenos Aires) apenas uns días despois da celebración do sepelio de Néstor Kirchner. O taxista que me traslada ao barrio de «Palermo Viejo» non evita comparar a recente morte do ex-presidente coa de Juan Domingo Perón: «Naquela altura -relátanos en canto conduce a toda velocidade pola avenida Ricchieri- a dor si que foi sincera. Eu era militar e distribuía mate ás moreas de persoas que choraban a súa morte». O discurso, claramente crítico para co kirchnerismo, contrasta coa postura de Matilde, unha ama de casa que ve pasar á tarde na turística praciña Dorrego. Ao carón do seu esposo, o poeta Óscar Lorenzo (máis coñecido como «Sueño Azul»), recoñece terse beneficiado dun dos programas sociais do goberno, o que lle permite desfrutar dunha humilde xubilación. Tamén Luis Alberto, ancián que tece puchos para apoiar a súa escuálida economía, asegura subsistir cunha pensión de tan só 900 pesos mensuais, isto é, arredor de 160 euros.
A chamada «militancia K», que de forma tan efusiva manifestou a súa dor após a noticia do 27 de outubro, promove agora iniciativas de recoñecemento para o desaparecido ex-presidente. A principal arteria de circulación de Río Gallegos, onde Kirchner iniciara a súa carreira política, xa foi rebautizada con improvisados papeis impresos que a designan como «Avenida Pte. Néstor Kirchner». Asemade, as paredes dos predios do centro de Buenos Aires recollen pintadas e carteis que dan a chave dun novo panorama político en que calquera apoio ao goberno é benvido: «¡Fuerza Cristina! Sigamos construyendo una Argentina para todos».
Desde logo, para se perpetuar no poder, a presidenta sabe da urxencia de transmitir á cidadanía sensación de continuidade e fortaleza. Despois dun breve discurso televisado nos inicios da pasada semana, Cristina Fernández aproveita toda a ocasión para sentenciar que desexa continuar adiante, malia os ataques que, cada día que pasa, empezan a se facer máis evidentes. Esfúmanse os días de loito e resulta difícil recompor un sistema político que, desde a sombra, parecía estar minuciosamente controlado por Néstor Kirchner.
O tema xornalístico por excelencia nos diarios son as eleccións de 2011. Se ben o kirchnerismo máis fiel á presidenta xa a proclamou como candidata, expertos politólogos como Julio Blanck sinalan impedimentos formais, xa que dificilmente poderá encabezar o Partido Judicialista (PJ) sen formar parte da súa dirección. Con todo, segundo as opinións dos bonaerenses, son maiores outras das dificultades que Cristina terá de salvar: o descrédito xeneralizado da clase política; cifras de desemprego «maquilladas» que coliden coa realidade que se observa nas rúas; a inutilidade do plan «Argentina trabaja»; casos de corrupción (se ben moito menos evidentes que noutras etapas políticas), diferenzas sociais cada vez máis acentuadas, un incipiente racismo focalizado na poboación boliviana, inseguridade cidadá etc.
Á marxe da pugna polo poder, a sociedade arxentina loita por recuperar o estado de benestar perdido coa grande crise de inicios do século XXI. Por riba do balbordo da fermosísima Buenos Aires voan os versos do poeta de San Telmo. O singularísimo «Sueño azul» canta:
«Tantos años han pasado
Y en las vueltas de la vida
Cuanto sueños esfumados...
¡La ilusión sigue encendida!»