Angola: o penúltimo rei de Escocia
A muller máis rica e poderosa de Portugal é unha estranxeira: a angolana Isabel dos Santos. Hai xente rica que non é poderosa, pero Isabel dos Santos, nada de nai rusa no exilio soviético (Bakú) do seu pai, o expresidente angolano José Eduardo dos Santos (1979-2017), combina ámbolos dous factores de poder. «Isabel dos Santos é a mulher de negócios com mais sucesso em Angola, a consecuencia do apoio irrestrito do pai» ( telegrama da embaixada dos Estados Unidos em 2009). Para o xornalista angolano Rafael Marques, «os grandes negocios de Isabel dos Santos son amañados de dúas formas: participando dunha empresa estranxeira que precisa de licenzas para abrir camiño en Angola ou por medio dunha concesionaria, creada ad hoc por decreto presidencial do seu pai».
Alcumada en Angola como a «princesa» (desprezativamente), esta muller de negocios é, ademais, a muller máis rica de África. Nomeada polo seu pai para rescatar a estatal petroleira Sonangol, vén de ser destituída polo sucesor do seu pai na presidencia, o presidente João Lourenzo. Na lista de novos cargos en postos de importancia están tamén despedidos os outros dous fillos, na TPA2 e na Televisión Angola Pública Internacional, Tchizé dos Santos e Coréon Dú (pseudónimo de Paulino dos Santos). Polo momento, só se mantén no posto José Filomeno dos Santos, terceiro dos fillos, á fronte do Fundo Soberano de Angola.
O golpe máis forte nesta sucesión e transmisión pacífica do poder, por un sucesor elixido polo propio ex presidente dos Santos, é a destitución de Isabel dos Santos que, ademais de ser destituída, foi substituída por Carlos Saturnino, un técnico que, cando Isabel dos Santos asumira a dirección da empresa Sonangol, fora destituído por «desvíos financeiros».
Aínda así, a dimisión de Isabel dos Santos, segundo expertos en política angolana, non é cento por cento un desexo de borrar a familia Dos Santos das empresas públicas angolanas senón mais ben un conflito de intereses entre o que sae e o que entra. Así, a nebulosa que envolve o acceso inmoral dos fillos do expresidente a estes cargos públicos sería a principal causa da súa remoción dentro dun tento de moralización da vida económica angolana.
,
A imaxe de empresaria de éxito de Isabel dos Santos nun país como Angola en que impera un capitalismo coma o exercido no Partido Popular nos lugares nos que manda (capitalismo de amiguetes, crony capitalism para os anglosaxóns) deixa no ar a súa verdadeira capacidade e a súa actuación na empresa que significa a maior fonte de ingresos para Angola, malia que a deposta Isabel dos Santos presentou un relatorio en que sinala que «en 2015 a Sonangol tiña un resultado operativo negativo de 859 millóns de dólares, reducíndose a perda a 256 millóns en 2016 e no 2017 obterase un resultado positivo de 100 millóns de dólares».
Pero alén dos datos das empresas e do nepotismo angolano, un informe do Índice de desenvolvemento da Fundación Bertelsmann sobre a economía angolana sinala que son desfavorábeis para a poboación as condicións materias de vida: pobreza e fame, democracia limitada (malia as liberdades garantidas pola Constitución da República), elevado desemprego (25%), réxime internacionalmente considerado autoritario, elevados niveis de corrupción e de falla de transparencia, do que resultan diferenzas significativas no acceso ás oportunidades (de estudar, de dereito á vivenda, de crear riqueza, de innovar) e na escala social entre quen todo o ten (varias vivendas, automóbiles, capacidade de consumo…) e quen nada ten».
O drama de moitos Estados africanos que pasaron da escravitude do colonialismo á depredación por parte daqueles movementos de liberación que os liberaran… está presente na actualidade no empobrecido e valoroso pobo de Angola.