Angola: medre espectacular do PIB e das desigualdades

Angola: medre espectacular do PIB e das desigualdades

Hai uns días os medios de comunicación facíanse eco do informe anual que realiza a Consultoría Mercer referida ao custe da vida para estranxeiros nas principais cidades do mundo. O índice Mercer está baseado na comparación de algo máis de 200 items referidos a aloxamento, restauración, transporte, ocio..., sendo usado polos Gobernos e as empresas multinacionais para fixar as dietas por desprazamento aos enviados a esas cidades. Neste 2010, Luanda, capital de Angola sitúase no primeiro lugar do mundo, por diante de cidades como Moscú (no 4º lugar), Xenebra (5), Zürich (8) ou Copenhague (10). Nos 10 primeiros lugares hai aínda outras dúas capitais africanas, NDjamena (Chad) en 3º lugar e Libreville (Gabón) no 7º.

Angola, viviu en guerra durante case 30 anos. Primeiro contra a potencia colonial, Portugal, e logo xa independente, nunha guerra civil intermitente entre as distintas fraccións que combateran ao ocupante estranxeiro. Durante eses anos, o territorio angolano foi un escenario "privilexiado" da disputa ideolóxica e militar das superpotencias EE.UU e a URSS, pero tamén da China, Cuba e Sudáfrica, aliñándose - alimentándoas política, económica e militarmente - coas distintas organizacións guerrilleiras: FNLA, MPLA e UNITA.

O 11 de novenbro de 1974 o MPLA proclamou a independencia, despois de que o día anterior derrotara, coa axuda do exército cubano, ás forzas do FNLA que apoiadas por soldados zaireños e unidades mercenarias pretendían entrar en Luanda.

A paz chegou de xeito definitivo no ano 2002. Tras os fracasos de 1991 (Acordo de Bicese) e 1994 (Acordo de Lusaka), asínase o Acordo de Paz de Luena en marzo de 2002, un mes despois da morte de Jonas Savimbi, líder da UNITA, poñendo punto final a cerca de 30 anos de guerra. O acordo de paz deu inicio a un período de transición de 6 anos pechado coas eleccións lexislativas de setembro de 1998 nas que o MPLA obtivo o 81,64% dos votos (191 congresistas) e a UNITA o 10,39% (16 congresistas).

José Eduardo dos Santos é nomeado Presidente da República polo MPLA en 1979 tras a morte de Agostinho Neto, primeiro presidente e líder do MPLA. Desde entón continúa a exercer a presidencia de maneira ininterrompida, cargo que tamén ocupa no MPLA desde 1975.

En xaneiro deste ano, o parlamento angolano aprobou un novo texto constitucional na que se recolle, entre outros cambios, un aumento considerábel das xa moi amplas prerrogativas do Presidente da República. Votaron a favor os 191 congresistas do MPLA, mentres que os 16 deputados da UNITA abandonaron a sala sen votar en sinal de protesta pola negativa a someter a referendo a nova constitución. Neses mesmos días, Angola era a sede da Copa Africana de Fútbol, acontecemento que eclipsou por completo a aprobación da nova constitución.

A finalización da guerra, propiciou un medre macroeconómico espectacular: do 2002 ao 2009, o crecemento medio anual do PIB foi do 17,36%, o mais alto do mundo. Este crecemento non só non repercutiu na xeneralidade da poboación que continua inmersa nunha situación de elevada pobreza, senón que incrementou aínda máis as desigualdades internas. Segundo dados do PNUD, Angola pasou de ter un índice de desigualdade do 51% no ano 2001, ao 58,6% no 2009.

O petróleo e os diamantes son os dous elementos sobre os que se está sustentando o despegue de Angola. Porén, é un despegue económico enganoso pois as grandes cifras macroeconómicas non poden esconder a fraxilidade dunha economía que, a grandes rasgos, consiste na exportación de materias primas e na importación de practicamente todos os bens de equipo e de consumo.

Os longos anos de guerra tiveron gravísimas consecuencias que seguen lastrando o desenvolvemento angolano: destrución da maior parte das vías de comunicación xa de por si moi insuficientes, éxodo da poboación rural cara as cidades, millóns de minas antipersonais espalladas polo país... que deron lugar á creación da megalópolis de Luanda (onde se concentra hoxe cerca da metade da poboación da Angola), á práctica desaparición da agricultura e a un elevadísimo nivel de desemprego. As prioridades da política económica do goberno -infraestruturas, construción de vivendas, agricultura e servizos financeiros- pretenden reducir estas eivas ao tempo que xerar un elevado número de postos de traballo.

Empresas europeas, en especial portuguesas, brasileiras e chinesas levan a maior parte do pastel. Especialmente visíbeis, as empresas da China constrúen enormes cidades dormitorios na periferia de Luanda destinadas, cando menos na teoría, a diminuír a insoportábel presión humana sobre a capital. Empresas chinesas que dan traballo a miles de traballadores ... chineses, traídos directamente da China polas propias empresas.

O pensamento marxista que inspirou o nacemento, a política, as alianzas e a práctica do MPLA desapareceu coa caída do muro de Berlín. O camiño recorrido até hoxe, do marxismo á socialdemocracia nominal, converteu ao MPLA nunha estrutura virada para o usufruto do poder como garante de múltiplos intereses entrelazados entre persoas e grupos económicos. Respectando e recoñecendo que no MPLA aínda hai correntes minoritarias continuadoras dos principios ideolóxicos orixinais, xusto é aseverar que maioritariamente o MPLA representa e defende hoxe os intereses da incipiente burguesía angolana irmandada coas multinacionais de calquera procedencia ou sector económico.

Esta alianza ten o seu reflexo na abondosa corrupción que corroe o poder político e institucional da república angolana. Só por poñer algúns exemplos: O Presidente do Goberno e do MPLA dirixe tamén a FESA - Fundación Eduardo dos Santos, de "carácter privado e interese público" involucrada como beneficiaria en múltiples actividades económicas e empresariais. Pertencen a FESA como directivos ou apoiantes un innúmero de cargos institucionais -ministros, deputados e xenerais incluídos - e a maior parte das grandes multinacionais que operan en Angola. A FESA é obxecto anualmente de incontábeis "doazóns" das multinacionais do petróleo (Total, ExxonMobil, BP), dos diamantes (De Beers), da construción (Odebreht, Soares da costa, MotaEngil, Teixeira Duarte). Ao mesmo tempo, as principais empresas públicas de Angola como Sonangol (petróleo), Endiama (diamantes), TAAG (liñas aéreas), Angola Telecom... fan parte da Asemblea Xeral da FESA. Na mesma liña, o Fiscal Xeral da República é directivo en exercicio dunha morea de empresas privadas e Isabel dos Santos, filla do Presidente, é unha das empresarias máis "exitosas" de Angola.

Angola converteuse no 12º membro da OPEP en 1988. As súas reservas de petróleo sitúanse maioritariamente en Cabinda, enclave angolano no Zaire con crecente actividade política e militar das organizacións independentistas. Co 9,8% das reservas mundiais, Angola subministra hoxe o 11,2% do petróleo que se consume diariamente. É esta a razón última do interese multipolar que os distintos actores mundiais-. EE.UU, China, Brasil, India, UE - teñen por este País. Neste interese está tamén unha das principais razóns dos elevadísimos prezos para os estranxeiros: a insuficiencia de prazas hoteleiras e de espazos gastronómicos e de ocio "solicitados" polas persoas destinadas a este País polas innumerábeis multinacionais que están implantadas, ou queren estalo, no que os xeoestrategas denominan o motor emerxente de África.

Angola é membro fundador da CPLP - Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa, organización internacional creada en 1996 e integrada na súa orixe por Portugal e as súas ex-colonias en Africa, América e Asia. A CPLP realiza unha Cimeira de Xefes de Estado cada dous anos, rotando o País de celebración entre todos os seus integrantes; as diversas institucións e organismos que integran a familia lusófona - nos planos político, sindical, empresarial, mocidade... - pasan entón a ser presididas por unha persoa do País anfitrión ata a celebración de seguinte cimeira política. Luanda, capital de Angola, acolleu esta cimeira hai uns días polo que Angola presidirá a CPLP ate o 2012, ano no que teoricamente, mais improbabelmente, Timor Leste debería coller o relevo.

Luanda foi tamén escenario neste mes de xullo da celebración do V Congreso da CSPLP - Comunidade Sindical dos Países de Lingua Portuguesa, internacional sindical lusófona. Neste congreso introduciuse unha modificación estatutaria para permitir que a CIG, membro da CSPLP desde hai 6 anos, cambie o estatus de observador polo de membro efectivo.