Amnesia e medo. A guerra do futuro

Amnesia e medo. A guerra do futuro

Esquecer o pasado e ollar cara o futuro. Esta é a palabra de orde máis repetida. Repítena constantemente dá igual que sexan dirixentes nacionais, desde Feixóo a Obama, que xornalistas, tertulianos ou alcaldes. E vale para todo para falar de Galiza, do Iraque, da chamada transición española, ou dos mundiais de futebol.

Convídasenos constantemente a deixar atrás o pasado e ollar cara o futuro. E disfrazan esta consigna de grande descubrimento, como se houbera realmente algún xeito de vivir no pasado.

Para que todo permaneza como está, queren que nos esquezamos de que os cambios son parte da humanidade e da súa historia e de que nin eles nin o sistema que defenden é permanente. Queren provocar un estado de amnesia colectiva que neutralice a busca dun futuro diferente do que xa eles teñen establecido. Cren que ningunha mudanza virá se logran que esquezamos que o pasado está feito de transformacións.

O curioso é que sempre son os mesmos os que teñen que esquecer e sempre os mesmos os que se reservan o dereito a teren memoria. Todo polo ben dun futuro que nunca saberemos como vai ser, e que se o podemos intuír será sempre polo coñecemento do pasado.

Os que repiten unha e outra vez que hai que esquecer o pasado son sempre os que teñen que ocultar nel e os que, por se alguén non os quer escoitar, utilizan a mentira e a manipulación como armas de guerra.

Así son capaces de corromper o significado das palabras. Se o nacionalismo naceu como defensa das aspiracións de liberdade e democracia para os pobos, os seus inimigos non teñen reparo en cambiar o significado para darlle contido pexorativo á defensa da liberdade das nacións. Se os demócratas foron sempre profundamente revolucionarios e de esquerdas, agora vístense de demócratas os que defenden o poder dos demos dos bancos e alentan o imperialismo e os xenocidios en moi diferentes lugares do planeta, e perverten a democracia converténdoa en patrimonio exclusivo da dereita, que só persegue manter os privilexios da minoría: sexa coa defensa da España una, da invasión do Iraque e o Afganistán, ou da legalización da rapina do diñeiro público.

O estado de amnesia produce tal desorientación que o medo se converte nunha ferramenta de supervivencia. Medo e esquecemento son armas que o imperialismo está a axitar constantemente, na busca dun inimigo ao que desviar e concentrar a atención

Aproveitando o esquecemento inoculado e co consentimento implícito ou explícito de moita progresía desnortada, andan agora a meternos o medo no corpo ante a posibilidade de que Irán ou Corea do Norte teñan a intención de construíren armas nucleares ou de que xa as teñan construídas. E o medo no corpo méteno pondo por diante a bandeira da paz, converténdose en adalides do pacifismo.

E cal sería a diferenza entre que as armas nucleares as teñan uns ou outros? Prefeririamos que ninguén as tivera, mais facendo algo de memoria da arrepíos pensar que os defensores da paz, os EEUU son a masacre e o xenocidio feita estado. Exterminaron aos nativos americanos do seu propio territorio. Foron os primeiros en asasinar a traizón a miles de persoas ao mesmo tempo cunha bomba nuclear, sen xustificación defensiva de ningunha clase, e simplesmente como medida propagandística perante un inimigo xa derrotado. Nin Irán nin Corea do Norte pertencen ao clube mundial do imperialismo e a agresión liderado polos EEUU. Isto é un feito contrastábel á marxe das diferenzas ideolóxicas con estes países.

Os EEUU e os seus lacaios levan utilizado contra os seus inimigos todo tipo de armamento, for químico, bacteriolóxico, nuclear... e habería que matizar que os seu inimigos soen ser gobernos lexítimos aínda que incómodos e especialmente civís de todas as idades e xéneros.

E non esquecemos que as indagacións estadounidenses, cando se trata de buscar armas en países que non se axeonllan aos seus pés, non se teñen demostrado moi eficaces, nin as súas alternativas de futuro. Onde están as armas iraquianas? Hainas semellantes nalgún arsenal ao leste de Colorado River. Onde está a paz e a prosperidade que prometeran a afgáns e iraquianos? Nos cemiterios, cando non caen enriba bombas de fragmetación.

Non queremos xustificar a posesión de armas nucleares por parte de ninguén, mais non se pode practicar tanto cinismo contra estados que nunca agrediron a ninguén e que mesmo fan da non agresión e do antiimperialismo elementos fundamentais da súa ideoloxía, e menos por quen practicou e practica a agresión sistematicamente.

Agardemos que non nos fagan posicionarnos nunha vindeira guerra contra inocentes. Mais se finalmente deciden atacar Irán ou Corea, non miraremos a cor da pel dos presidentes dos países en conflito, nin se teñen os ollos máis ou menos rasgados, nin o sistema político ou electoral duns ou outros. Posicionarémonos coas vítimas e non cos verdugos. Se finalmente hai guerra posicionarémonos cos principios do nacionalismo: os do pacifismo, do antiimperialimo, do anticolonialismo, do antimonopolismo, da democracia, do poder popular. Principios que na Galiza teñen o nome do Bloque Nacionalista Galego, que teñen pasado e futuro e que son os únicos válidos para defender un mundo de pobos libres e en paz. Os que farán que cando vexamos as primeiras imaxes da masacre en horario de máxima audiencia, nos botemos ás rúas pensando no caro que sae o expolio para as miles de persoas asasinadas.