América Latina reflexiona para avanzar
Teño escrito noutras ocasións sobre o interesante Seminario Internacional que organiza o Partido do Traballo de México desde hai dezaoito anos, un evento que permite tomar o pulso da situación politica e social en América Latina, continente no que se están a construír importantes procesos transformadores que asentan na defensa da soberanía e na mellora das condicións de vida das maiorías. Pero o Seminario non se pecha en América Latina senón que permite tamén coñecer experiencias diversas de loitas no resto de continentes.
O XVIII Seminario celebrouse na última semana de marzo e ao longo de tres días @s máis de 500 persoas que nel participamos, pertencentes a organizacións políticas, sociais, sindicais, etc… de todo o mundo, tivemos oportunidade de falar, escoitar e reflexionar nun marco plural dada a diversidade de culturas nacionais, ideolóxicas e políticas alí presentes; unha diversidade sustentada por un fío condutor común que é o do compromiso de dar os pasos precisos para construír unha nova sociedade partindo da necesidade de articular mecanismos de participación popular. Se xa en edicións anteriores a advertencia de que sen participación popular non hai verdadeiros procesos transformadores estivo moi presente, na edición deste ano ese chamamento foi moito máis protagonista, un protagonismo que compartiu coa análise da crise internacional nos aspectos enerxéticos e de recursos naturais, o balance dos procesos de nación e de integración rexional en América Latina, a redefinición xeoestratéxica e xeopolítica a nivel mundial e os problemas de colonialismo e neocolonialismo que persisten na actualidade.
,Cada un dos temas obxecto de debate e reflexión daría para varios artigos pero quero salientar só un pola súa importancia para a rexión na que se celebra este Seminario internacional, é o o balance dos procesos de nación e de integración rexional en América Latina.
Nas intervencións valoráronse moi positivamente os avances nos procesos transformadores de nación tendo en conta as melloras conseguidas para a vida da poboación dos distintos países, aínda sendo conscientes de que non se ten avanzado o suficiente na creación das condicións precisas para mudar os aspectos referidos ás estruturas económicas e de produción. Tamén foron saudadas as vitorias electorias recentes en Venezuela e en El Salvador, a nova etapa que se abre en Chile cun goberno de Bachelet que presenta un programa de carácter progresista agardando que o seu desempeño de goberno non teña a ver co período 2006-2010 no que tamén ocupou a presidencia do seu país pero apenas adoptou medidas tendentes a mudar a situación do Chile en favor das maiorías. Ademais lembrouse que neste ano celebraranse eleccións presidenciais en Brasil, Bolivia e Uruguay nas que se agarda poder repetir vitorias que afortalen o camiño que tomou a maioría do continente.
Tamén foron considerados moi positivos os avances na integración rexional especialmente cos acordos adoptados pola II Cimeira da Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (CELAC) que se celebrou na Habana a finais do mes de xaneiro, aínda que neste aspecto critícase que as veces non hai unha visión unívoca sobre a importancia que ten esa integración rexional para poder enfrontarse ao imperialismo e proceder á construción dun sistema de relacións entre países de igual a igual.
Pero esta visión positiva non agachou os problemas existentes e que poden influir no futuro inmediato, estes son fundamentalmente tres:
-A contra-ofensiva do imperialismo norteamericano e da dereita crioula que non se conforman cunha situación que os leva a perder cada vez maior presenza na definición das políticas na rexión. Unha contra-ofensiva que non parou despois dos golpes de estado institucionais de 2011 en Honduras e no Paraguay senón que estivo moi presente na suxa campaña do partido da dereita Arena en El Salvador, nas recentes eleccións municipais de Ecuador co acceso da dereita á alcaldía de Quito e de outras importantes cidades, nos ataques a dirixentes sociais, obreiros e campesiños en diversos países, na criminalización de calquer tipo de protesta ou na tentativa de asasinato da candidata presidencial da Unión Patriótica en Colombia.
-A desaparición da figura de Hugo Chávez, que foi o principal impulsor desa unidade latinoamericana nesta etapa histórica tanto na definición de estratexias como na adopción de decisións políticas e económicas que permitiron que Venezuela apoiara de xeito fundamental a outros países na rexión.
-A delicada situación en Venezuela debido á campaña desestabilizadora de sectores opositores asesorados por uns EEUU que teñen necesidade imperiosa de facerse co control directo ou por medio de goberno títere das reservas de hidrocarburos que ten este país, unha necesidade que leva aos EEUU a ter neste momento como obxectivo fundamental da súa política exterior a derrota do proceso revolucionario bolivariano.
Sendo tres os problemas postos enriba da mesa o certo é que o deseño do futuro inmediato na rexión dependerá en moito de como se desenvolvan os acontecementos en Venezuela, unha vitoria da reacción abriría unha fenda na rexión poñendo final a un proceso político que iniciou no seu momento o actual período progresista e transformador que transita América Latina. Sendo esa importancia non só simbólica senón económica pola aportación que fai Venezuela á rexión, e tamén política pois unha hipotética caída de Venezuela pode facer que sectores moderados ou dubitativos doutros países dean pasos atrás diante da constación de que os EEUU fan todo o posíbel para acadar o obxectivo de que nada se mova no “seu patio traseiro”.
Como remate dicir que loxicamente as organizacións que nas súas análises amosaban maior consciencia dos perigos que corre neste momento América Latina foron os que presentaron as propostas de máis calado ideolóxico e intelixencia táctica, que son ademais as únicas que de aplicarse poden impedir que se produza unha derrota en Venezuela que daría paso á caída de outros países como fichas de dominó.
A unidade e a solidariedade activa neste momento con Venezuela e mañá con calquer outro país atacado é básica, sobre todo tendo en conta que o inimigo común só dá marcha atrás cando comproba que os contrincantes se manteñen firmes. Unha unidade e unha solidariedade que neste momento debe deixar de lado críticas as veces fundamentadas ás eivas ou aos erros cometidos.
E as organizacións que pilotan ou participan activamnete dos distintos procesos transformadores deben asumir que só hai avance real se o povo é consciente do que se xoga e asume o protagonismo directo nas políticas que se poñen en marcha para mellorar as súas condicións de vida, de non darse esa circunstancia vai ser moi difícil que en momentos de dificultades, de crise e de agresión o povo estea disposto a sacrificarse e a defender os logros acadados.