América Latina (IV)
Finalmente o candidato preferido dos EEUU foi o gañador da segunda volta das eleccións arxentinas, Mauricio Macri será o próximo inquilino da Casa Rosada de Bos Aires e polo observado estes días semella que non se vai preocupar unicamente por gobernar Arxentina senón que está moi interesado en ter un importante protagonismo a nivel continental como líder da nova dereita e por tanto como peón do imperialismo na súa cruzada contra os gobernos progresistas e nacionalistas da rexión.
Poucos días despois da segunda volta na que se alzou co trunfo Macri xa adiantou posicionamentos en política exterior, a defensa dun Tratado de Libre Comercio Mercosur-Unión Europea ou a súa intención de achegar a Arxentina á Alianza do Pacífico son dous exemplos nos ámbitos económico e comercial que nos presentan a un Mauricio Macri claramente aliñado con aqueles que defenden unha volta ao neoliberalismo puro e duro. E ao anterior podemos sumar as súas repetidas declaracións agresivas para co goberno bolivariano de Venezuela empregando a mesma ladaíña de toda a reacción latinoamericana e mundial, a acusación de falla de democracia e ataque aos dereitos humanos por parte do goberno de Nicolás Maduro.
Non vou entrar no que supón a vitoria da Alianza Cambiemos encabezada por Macri para o pobo arxentino pois non teño neste momento coñecementos suficientes sobre a realidade arxentina e sei ben das múltiples contradicións existentes no chamado kirchnerismo que primeiro con Néstor e despois con Cristina gobernou desde 2003 até agora o país austral, pero reitero o que xa teño escrito noutras ocasións ao respecto da lectura que debemos facer dos procesos políticos latinoamericanos como un todo plural e moi diverso pero unido por un principio común que é o da defensa da soberanía nacional fronte ao imperialismo; defensores de propostas revolucionarias, de esquerda, progresistas ou nacionalistas..., todos coincidiron e coinciden en que só o exercicio da soberanía nacional permite poñer en marcha proxectos para construír sociedades alternativas.
Na xeopolítica de ámbito rexional Arxentina sempre tivo un importante papel, ademais dadas as características propias do kirchnerismo non foi moi doado para o imperialismo argallar unha campaña de desprestixio ou demonización do estilo das que se teñen feito con Evo ou Chávez, presentar o kirchnerismo como parte do eixo do mal ou como cerebro dun movemento subversivo, revolucionario ou terrorista non tería colado; foron outras as caricaturas que se fixeron tanto de Néstor como posteriormente de Cristina dado que o aliñamento de Arxentina a carón de Chávez, Evo ou Lula non sendo os seus dirixentes cadros procedentes dos movementos sociais nin de organizacións de esquerda revolucionaria facíaos moito máis perigosos para os intereses do imperialismo ao ter a súa orixe entre a xente de orde.
Nestes días diversos analistas, amigos e inimigos dos procesos políticos latinoamericanos, presentan o resultado electoral de Arxentina como o principio do fin do chamado ciclo progresista latinoamericano aberto coa chegada de Chávez ao goberno de Venezuela en febreiro de 1999, ciclo que podería recibir un golpe de incalculábeis consecuencias caso de que en Venezuela o vindeiro domingo día 6 a oposición sexa quen de vencer ao Gran Polo Patriótico que agrupa ás organizacións políticas que sosteñen o proceso bolivariano, de producirse ese resultado electoral si que poderíamos estar diante dun punto de inflexión. E non só en Venezuela, toda América Latina sabe do marco complexo no que se celebran as eleccións lexislativas do vindeiro día 6, as máis difíciles tras 16 anos nos que das 19 convocatorias electorais de diverso tipo celebradas os a revolución bolivariana gañou 18.
Son xa coñecidas as campañas desestabilizadoras postas en marcha pola oposición co asesoramento e financiamento de diversas axencias gobernamentais norteamericanas, con máis de 18 millóns de dólares no que levamos de ano e moitas ducias de millóns en anos pasados, o labor intoxicador dos diversos medios de comunicación internacionais cun papel destacado dos medios de maior difusión nos EEUU e o Grupo Prisa no estado español; sabemos tamén da endémica corrupción instalada en importantes segmentos da sociedade e da administración venezolana desde hai decenios e que pese aos moitos intentos non se dá eliminado.
Ataques e inxerencias menores ás que se levan cometido contra Venezuela teñen provocado cambios de goberno noutros países con procesos políticos progresistas ou que non sendo propiamente progresistas eran contrarios aos intereses do imperialismo; pero até hoxe o pobo venezolano confiou nos seus gobernantes e sobre todo na figura carismática de Hugo Chávez, as clases populares venezolanas eran sabedoras de que a revolución bolivariana lles tiña dado moito en canto a bens materiais e sobre todo lles tiña concedido aos sectores máis desfavorecidos a categoría de persoas.
Pero neste momento hai un novo elemento no taboeiro de xogo da política venezolana, é a crise económica debida fundamentalmente á caída do prezo do petróleo que é fonte fundamental de ingresos do país caribeño; unha caída do prezo do petróleo que ten provocado problemas de abastecemento aproveitados pola oposición e polo empresariado para crear malestar social, chegándose a organizar as guarimbas que en febreiro do pasado ano deixaron un saldo de 48 persoas mortas e máis de 500 feridas.
O asedio continuado, a inxerencia nos asuntos internos de Venezuela coa presenza estelar de Felipe González defendendo ao líder opositor de extrema dereita Leopoldo López e os problemas de abastecemento, reais algúns pero a maioría provocados por actuacións de acaparamento de produtos, son o caldo de cultivo perfecto para que a dereita teña moitas posibilidades de vencer a Maduro paralizando o proceso bolivariano e asestando un duro golpe no conxunto de América latina dado o papel central que neste momento ten Venezuela.
A decisión da oposición agrupada unha vez máis na Mesa da Unidade Democrática-MUD de non asinar un documento proposto por Unasur de recoñecemento e asunción dos resultados das eleccións do vindeiro domingo demostra que no caso de perder están dispostos, como xa fixeron nalgunha ocasión anterior, a iniciar unha campaña de denuncia dun suposto fraude electoral, campaña que iría acompañada de manobras desestabilizadoras e contaría cun importante apoio mediático e políitico internacional.
E dado o interese que ten o imperialismo en cobrarse a peza da revolución bolivariana que ninguén se estrañe se dentro duns meses descubrimos que no asasinato o pasado mércores de Luís Manuel Díaz, dirixente opositor do estado de Guárico están implicados servizos de intelixencia estranxeiros ou grupos de extrema dereita, exemplos temos dabondo na historia contemporánea de América Latina.
A vitoria de Macri na Arxentina é un paso moi importante da chamada dereita do século XXI no enfrontamento que mantén cos procesos progresistas da rexión. Ademais Brasil pasa por unha situación de grande inestabilidade desde hai meses debido ao acoso que sofre unha Dilma Roussef que neste momento é moi impopular asediada por unha campaña mediática que tenta situala no centro dos problemas de corrupción mentres avanza a oposición ultraconservadora. Ademais Dilma non dá recuperado o apoio dunha esquerda e duns movementos sociais e sindicatos que conscientes da campaña montada contra ela e contra o PT tentan articular unha resposta conxunta pero ao tempo non poden deixar de ser moi críticos co seu novo goberno e con algunhas das medidas que ten adoptado, movementos sociais e sindicatos que ademais están debilitados e non posúen nin de lonxe a forza que lles permitiu ser panca para o acceso ao goberno de Lula en 2006. Outro elemento que pode traer consigo aumento da inestabilidade é o anuncio de Rafael Correa hai uns días da súa renuncia a ser candidato ás eleccións presidenciais no Ecuador en 2017.
Todo isto como é lóxico leva á dereita venezolana a encarar a actual campaña electoral con moito optimismo, fan unha lectura do campo de xogo tanto nacional como rexional e conclúen que os últimos movementos son favorábeis ás súas teses. Teñen a certeza de que é o seu momento, e por vías legais ou forzando un colapso do país caso de non obter o trunfo electoral para eles Maduro é xa o pasado.
Restan aínda cinco días para as eleccións en Venezuela e as organizacións do Gran Polo Patriótico están facendo todo o posíbel para dar volta a unhas enquisas que neste momento non lles son moi favorábeis, en cinco días pode pasar calquera cousa e as organizacións políticas e sociais que sosteñen a revolución bolivariana teñen unha grande capacidade de mobilización.
O día sete contaremos cun novo dato fundamental para podermos falar do futuro de Venezuela e de América Latina.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.