América Latina (I), facer fronte á desestabilización

América Latina (I), facer fronte á desestabilización

Un ano máis tiven oportunidade de asistir en representación da UPG ao Seminario “Os Partidos e unha nova sociedade” que organizado polo Partido do Traballo de México dedica tres días ao debate sobre a realidade política internacional e os camiños que transitamos aqueles que traballamos na construción dunha nova orde mundial que parta do dereito que ten cada povo a construír o seu propio futuro. Nesta XIX edición do seminario fomos cerca de 600 persoas representando a 132 organizacións políticas, sindicais e sociais de 40 países as que expuxemos a nosa visión sobre to temario proposto pola organización, un temario amplo que xiraba arredor de dous eixos, a intensificación da ofensiva imperialista no último ano e os movementos para socavar a hexemonía e o unipolarismo dominante no planeta desde a caída do Muro de Berlín e a desaparición da Unión Soviética.

Como en todo evento deste tipo tivo grande importancia e exposición feita por cada unha das organizacións participantes no seu relatorio pero non foi menor o interese das conversas e reunións bilaterais e multilaterais realizadas, dado que se ben os relatorios informan dos posicionamentos e análises sobre os temas as reunións formais e informais permitiron afondar nalgunhas cuestións de interese e pulsar con menor formalidade pero con maior acercamento as diversas opinións.

Na edición do pasado ano deste mesmo seminario xa se albiscaban os perigos que corren neste momento os chamados gobernos de nación que coas súas peculiaridades constitúen un todo na articulación da resistencia ao veciño do norte. Naquel momento ese perigo real estaba nos intentos de desestabilizar Venezuela coas protestas coñecidas como das guarimbas que provocaron máis de 40 mortes e centos de persoas feridas.

Pasado un ano todos os actores destes procesos políticos e sociais progresistas consideran unanimemente que a situación empeorou dado que hoxe non é só Venezuela a que sofre os efectos da inxerencia estranxeira si ben é certo que as actuacións máis agresivas por parte dos Estados Unidos van contra o proceso bolivariano, sendo o exemplo máis claro a decisión adoptada o 9 de marzo polo presidente Barack Obama de declarar unha situación de emerxencia nacional polo suposto risco que supón para a seguridade dos EEUU a situación en Venezuela.

Xunto con Venezuela son Brasil e Arxentina os países nos que se puxo en marcha a maquinaria da inxerencia nunha nova estratexia dos EEUU de actuar con forza en varias frontes para así ver de crear unha imaxe de descontrol, descontento e conflitividade que ademais de afectar a eses países concretos puidera ser empregada como propaganda da dereita contra os procesos políticos alternativos que se están a construír no continente latinoamericano e ao tempo permitira empregar esa desestabilización como bandeirín de enganche para provocar protestas noutros países.

Venezuela non é Brasil, Arxentina non é Venezuela e Brasil non é Arxentina; Nicolás Maduro, Dilma Rousseff e Cristina Kirchner son tres president@s que pouco teñen en común en canto a traxectoria e proxecto político, pero deixando a un lado a opinión que poidamos ter sobre o que acontece en cada un deses tres países, sobre se os seus gobernos son revolucionarios, reformistas ou conservadores, ou a visión que teñamos sobre a personalidade de quen ocupan neste momento a presidencia deses tres países, hai un feito incontestábel que os une e que supón o maior perigo para o imperialismo. Ese feito é a aposta dos tres pola construción dunha unidade latinoamericana partindo da defensa da soberanía nacional de cada un dos povos que a conforman, e a agresión contra Venezuela, Brasil e Arxentina é vista como unha agresión a tod@s que precisa da solidariedade e da coordinación de accións de resistencia.

Noutro momento poderemos falar sobre a situación nalgúns destes gobernos e proxectos alternativos pero antes de emitir opinión como ben di nun artigo publicado hai uns días o sociólogo brasileiro Emir Sader debemos “...compreender o caráter nacionalista, antimperialista, popular, dos governos posneoliberais...” sen caer no eurocentrismo daqueles “...que desferem suas analises críticas sobre os governos progressistas latino-americanos, com enorme desenvoltura, dizendo o que esses governos fazem de errado, o que deveriam fazer, o que não deveriam fazer, etc. e tal. Falam como se suas teses tivessem sido confirmadas em algum lugar, sem poder apresentar nenhum exemplo concreto de que suas ideias tenham frutificado e demonstrado assim que se adequariam melhor à realidade do que os caminhos que esses governos seguem...”


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.