Agora só resta a súa violencia

Algúns, como Rubalcaba, afirman que esta é a primeira vez que en Euskal Herria se fan unhas eleccións sen violencia e sen ameazas, pero a cousa non é así nin moito menos. En Iruñea, nada máis empezar a campaña electoral, segundo denunciou Joseba Compains, candidato ao Senado por Amaiur, cando pegaba carteis foi golpeado e insultado por policías españois e ameazado con que tiñan unha bala para el e para cada un dos que o acompañaban, despois de pegarlle tres puñazos e dicirlle que si non se ía para a casa deixaríanlle marcado na face o número da placa policial. Mentres o agredían berrábanlle: isto é brutalidade policial!. Pero esta non foi a única violencia que tivo lugar durante a campaña electoral, xa que o pasado día cinco un rapaz puxo unha denuncia por agresión de unha patrulla da Ertzaintza cando pasaba xunto a eles por unha rúa de Gasteiz, tendo que ser atendido no hospital de Txagorritxu de varias contusións na face e no tórax. O motivo sei que era o de berrar "Gora ETA" -cousa que el nega- e que non pararon de pegarlle até que, obrigado polos golpes, tivo que dicir que si.
Compre dicir que estas agresións non tiveron eco nos medios de comunicación nin as esixencias de condena dos organismos oficiais e partidos políticos como si foran feitas a unionistas ou a xentes do seu entorno. O caso é que a violencia segue sendo o pan noso de cada día. Iso si; agora esa violencia solo a exercen os que sempre reclamaron para si ese monopolio, xa fora legal, ilegal ou "incontrolada".
Ademais desas intimidacións existen tamén outros tipos de violencias que non por mais sutís ou menos visibles deixan de selo: Seguen condenando en base a informes policiais; xuíces parciais que destilan odio, vulnerando a presunción de inocencia cando teñen o deber de preservala; insultando aos acusados, como fixo a Maxistrada Ángela Murillo, e insultando tamén a nosa intelixencia ao afirmar despois que a súa imparcialidade obxectiva non está en dubida. Dá a casualidade que polo mesmo caso que se xulgaba a Francisco Javier García Gaztelu e aos outros tres insultados xa foran xulgados outros cinco rapaces do Val de Baztan que pasaron dous anos en prisión preventiva ao confesarse culpables ante a policía e que despois quedaron libres por falta de probas. Que tormentos non sufrirían nas comisarias eses rapaces para declararse autores dun crime que nunca cometeron?
,Dá a impresión de que as autoridades toman estas vulneracións de dereitos como algo natural xa que a Delegada do Goberno en Nafarroa, despois da denuncia de Joseba Compains, dixo que ía facer unha investigación, pero que a policía está para facer cumprir a lei incluso en campaña electoral, que mais ven se pode entender que a policía pode violentar a lei incluso en campaña electoral, porque non entendo a súa negativa a un careo nin que delito pode haber en pegar carteis dunha coalición legal en campaña electoral.
O imperialismo español sabe que está en horas baixas, que a renuncia de ETA deixouno contra as cordas da democracia que nunca aceitou e da que sempre fuxiu. Están nerviosos porque a coalición Amaiur pode ser a primeira forza no sur de Euskal Herria, porque non se atopan cómodos na nova situación que se deu tras a declaración de ETA do 20 de outubro, pero moito mais incómodos se van atopar despois dos resultados do 20N. Non se cansan de dicir nos seus medios que ETA foi derrotada, que eles gañaron a batalla, pero dan a sensación de que os derrotados son eles polo cabreo que amosan, mentres aos presuntamente vencidos véselles ilusionados co proceso iniciado. Aínda así, o importante non é quen gañou ou perdeu, o importante e cicatrizar as feridas é solucionar un conflito que empezou precisamente en Amaiur no ano 1522, pero a súa doenza ven porque saben que se lles acabou o chollo de botarlle a culpa de todo a violencia de ETA, que vivían moi cómodos e que se divertiron moito co terrorismo como afirmou o filósofo Fernando Savater, ao que lle deu quince ou mais anos de xuventude. Eu síntoo moito por el, pero alédame moito que non poida seguir acumulando anos de xuventude dese xeito tan miserable.
A falta de outros argumentos políticos utilizan como reclamo electoral as vítimas de ETA e para xustificar o seu inmobilismo. Seguen na súa teima de que aquí non existe un conflito político, que é un problema de orden público, que ETA ten que disolverse, entregar as armas, pedir perdón as vítimas, etc. Sen embargo non queren recoñecer que neste tempo tamén a violencia do estado provocou vítimas as que, ao igual que as outras, hai que resarcir e recoñecer.
Si a organización armada cumpriu o primeiro punto da declaración da Conferencia Internacional de Donostia eles non cumpren co segundo e co terceiro, que instan aos gobernos español e francés a iniciar conversacións para tratar as consecuencias do conflito e que adopten pasos profundos para avanzar na reconciliación, recoñecemento e reparación de todas as vítimas. En vez de actuar coa sensatez que require este momento histórico tachan aos membros de dita Conferencia de amigos de ETA e de facerlle o caldo gordo aos terroristas e aos independentistas. Si son capaces de dicir sen rubor que Kofi Annan, Bertie Ahern, Gro Harlem Brundtland, Pierre Joxe e Jonathan Powell son amigos de ETA creo que debían facer que algún especialista lles mirara o seu problema para ver se aínda ten cura.
Esas mentiras tan absurdas non callan aquí en Euskal Herria, pero non cabe dúbida de que do rio Ebro para abaixo converten-se en verdades absolutas, dan moitos votos a quen as utiliza porque contaminan mentes violando a súa inocencia a base de repetilas mil veces nos seus medios de intoxicación, algúns dos cales incluso insinuaron que non deberan deixalos entrar ou que deberían ser detidos cando chegaron a Donostia.
Espero que tampouco na Galiza se crean esas mentiras e as falsas promesas coas que nos queren engaiolar unha vez máis e que o próximo domingo voten ao equipo da casa: o único equipo que defenderá en Madrid os intereses dos galegos e galegas, o único que tivo a valentía de votar contra as guerras imperialistas no Parlamento español e polo dereito a resolver os conflitos internos de cada pobo sen inxerencias externas. Agardo poder celebrar desde Euskal Herria, na noite do 20N, uns bos resultados para o BNG. Sería unha mala noticia para Rajoy, Rubalcaba e compañía, pero moi boa para o idioma galego, a ensinanza e a saúde pública; para os nosos sectores produtivos e para todos os que amamos e cremos nesa terra que nos veu nacer.