Administrar o Euro: misión imposible

Administrar o Euro: misión imposible

Sen estado, non hai diñeiro. Xuntos, un estado e a súa divisa constituín, baixo o sistema capitalista, os medios que administran os intereses xerais do capital, transcendendo os intereses particulares dos segmentos do capital que competen entre si. O dogma actual que imaxina un sistema capitalista dirixido polos"mercados", é dicir, sen o estado (reducido ás súas funcións mínimas de garantir a lei e a orde), non está baseado nin nun entendemento da historia do capitalismo real nin nunha teoría científica capaz de demostrar que a administración da economía polos mercados produce - nin sequer tendencialmente - un equilibrio (a fortiori óptimo).

O euro creouse en ausencia dun estado europeo que remplazase aos estados-nación, cuxa función esencial de administrar os intereses xerais do capital camiñaba cara á súa desaparición. O dogma dunha divisa independente do estado é unha expresión deste absurdo.

Europa non existe politicamente. A pesar da inxenua ilusión que reclama transcender o principio da soberanía estatal, unicamente os estados-nación manteñen a súa lexitimidade.

A madurez política que podería facer que os pobos destes estados aceptasen unha Europa unida por un "voto europeo"aínda non existe. Neste momento, tan só podemos esperar que exista algún día; O caso é que teremos que agardar aínda moito tempo polo xurdimento dunha Europa politicamente lexítima.

O que é peor: "Europa" non existe tampouco nin social nin economicamente. Unha Europa formada por entre vintecinco e trinta estados segue a ser profundamente desigual en termos de desenvolvemento capitalista.. Os oligopolios que controlan a economía da rexión (e ademais a súa política e a súa cultura política) son grupos cuxa "nacionalidade" é determinada pola dos seus executivos principais. Estes grupos son fundamentalmente británicos, alemáns e franceses, e só marxinalmente holandeses, suecos, españois e italianos. Os países da Europa do Leste e de parte da Europa do Sul representan en relación coa Europa setentrional e a Europa central o mesmo que América Latina representa para os Estados Unidos. Nesas circunstancias, Europa é pouco máis ca un mercado común único, de feito, e parte dos mercados globais propios do capitalismo de última xeración de oligopolios xeneralizados, globalizados e financiados. Desde esta perspectiva, como xa escribín anteriormente, Europa é "a rexión máis globalizada" do sistema mundial. Esta situación, reforzada pola imposibilidade dunha Europa politicamente unida, dá como resultado uns niveis diferenciados dos salarios reais, dos sistemas de solidariedade social, e dos réximes fiscais que non poden desaparecer no marco das institucións europeas actualmente existentes.

Xa que logo, a creación do Euro foi un exemplo de "poñer o carro diante dos bois". Os políticos que o crearon, por certo, teñen admitido isto ás veces, asegurando, sen embargo, que a Operación Euro obrigaría a Europa a inventar un estado transnacional, o que poñería os bois diante do carro. Ese milagre non ocorreu. A finais dos noventa, tiven ocasión de expresar as miñas dúbidas sobre esta manobra. Desde entón, a miña expresión de "poñer o carro diante dos bois" foi adoptada por un dos persoeiros de máis alto nivel implicados na creación do Euro, que anteriormente me dixera de maneira ben clara que a miña opinión era inxustificadamente pesimista. Un sistema tan absurdo só podería dar a impresión de funcionar sen maiores problemas, replicara eu daquela, se a conxuntura xeral seguise a ser favorable e sen complicacións. Polo tanto, o que acabou pasando era de esperar. En canto a crise (que nun primeiro momento semellaba ser financeira) sacudiu o sistema, resultou imposible administrar o Euro, o cal non permite respostas coherentes e efectivas.

A crise actual persistirá e mesmo aumentará.Os seus efectos son variados e a miúdo desiguais nos distintos países europeos. As respostas sociais e políticas aos retos que representan para as clases traballadoras, as clases medias e a clase dirixente varían e variarán dun país a outro.

É imposible resolver os conflitos que xurdirán como consecuencia daqueles retos en ausencia dun estado europeo real e lexítimo que posúa un instrumento monetario que permita a súa resolución.

A resposta das institucións europeas (incluído o Banco Central Europeo) ás crises grega e demais, son xa que logo absurdas e destinadas ao fracaso. A tal resposta pódese resumir nunha frase: austeridade para todos en todas partes. E son semellantes ás respostas dos gobernos no 1929/30. E tal como aquela resposta agravou a crise real do ano 30, o que Bruxelas propón hoxe producirá o mesmo resultado.

O camiño a emprender nos 1990 debía ter sido definido dentro do marco do estabelecemento dunha "serpe monetaria europea"): cada estado europeo, preservando a súa soberanía "de facto", administraría a súa economía e a súa divisa segundo as súas propias necesidades e capacidades, aínda que limitadas polas esixencias do mercado (o mercado común). A interdependencia tería sido institucionalizada por esta "serpe monetaria": as divisas nacionais cambiaríanse a unha taxa fixa (ou relativamente fixa) revisada de cando en vez mediante axustes negociados (desvalorizacións e revalorizacións)

A posibilidade - a longo prazo- de endurecer a "serpe" (quizais como preparación para a adoción dunha divisa común) quedaría aberta. O progreso nesa dirección mediríase pola lenta e gradual converxencia dos niveis de eficiencia dos sistemas de producción,dos salarios reais, e das prestacións sociais. Noutras palabras: a"serpe"tería facilitado, non obstaculizado, un progreso potencial mediante a converxencia de abaixo-arriba. Iso requiriría que os países participantes aceptasen ese obxectivos e directrices para, entre outras cousas, controlar os movementos de capital, o que implica o rexeitamento do absurdo sistema de integración financeira desregulada e sen fronteiras.

A crise actual do Euro podería representar unha oportunidade para abandonar o absurdo sistema posto en marcha para a administración desta divisa ilusoria e para substituílo por unha "serpe monetaria europea"adaptada ás capacidades reais dos países implicados.

Grecia e España poderían comezar o proceso decidindo: 1) saír (provisionalmente) do Euro; 2): desvalorizar as súas divisas; e 3): establecer mecanismos de control do cambio de divisas, polo menos no referente aos movementos de capital. Estes países estarían daquela nunha posición de forza para renegociar as súas débedas e despois das correspondentes auditorías, para repudiar as débedas asociadas á corrupción e á especulación (nas que os oligopolios foráneos participaron e das que se beneficiaron considerablemente.) O exemplo destes países, estou convencido disto, tería seguidores. Por desgracia, as posibilidades de superar a crise adoptando esas medidas son pouco menos ca inexistentes.

A decisión de administrar o Euro "independentemente dos estados" e o sacrosanto respecto pola lei dos mercados financeiros non son o produto dunha absurda especulación teórica. Son instrumentos perfectos para manter os oligopolios no posto de mando. Forman parte do deseño global europeo, concibido co único obxectivo básico de excluír calquer desafío ao poder económico e político exercido polos oligopolios no seu propio proveito.

Nunha " Carta aberta de G. Papandreu a A.Merkel, "publicada en moitos sitios Web, os autores gregos desta carta imaxinaria comparan o pasado de Alemaña coa súa arrogancia actual.

En dúas ocasións no presente século, a clase dirixente de Alemaña agarimou o quimérico proxecto de modelar Europa por medios militares, cuxo poder foi sobreestimado en ambas as dúas ocasións. Non estará o seu obxectivo actual de hexemonía sobre Europa, designado "a zona marco", a súa vez, baseado nunha sobreestimación semellante da economía alemana, cuxa forza é relativa e de feito fráxil?

Non será posible superar a crise senón e ata que unha esquerda radical se atreva a tomar a iniciativa política e a construír bloques históricos alternativos antioligárquicos. Ou Europa se sitúa á esquerda, ou non haberá Europa, como xa teño escrito. A esquerda electoral europea, mobilizada arredor da idea de que "é mellor que haxa unha Europa tal como é hoxe en día que non haxa Europa "imposibilita saír do punto morto no que nos atopamos, para o que se require a reconstrución das institucións e tratados da Europa actual. De non ser así, o sistema do Euro, e a Europa que está detrás del, mergullaranse nun caos cuxo resultado é imposible prever. Todos os escenarios son posibles, incluíndo o que eles din que pretenden evitar: O rexurdimento da extrema dereita. Nestas condicións, aos Estados Unidos pouco máis lle vai ter que a Unión Europea sobreviva como unha entidade sen ningún poder ou que se desfaga en anacos. A idea dunha Europa unida e poderosa que obrigue a Washington a ter en conta os seus intereses e puntos de vista é unha mera ilusión hoxe por hoxe.

Fixen estas reflexións de forma concisa, para evitar volver dicir as mesmas cousas, despois de ter comentado os distintos aspectos da situación de punto morto na que se atopa Europa nos meus anteriores traballos:

- O hexemonismo dos Estados Unidos e a crise do proxecto europeo, sección 2, 2000

-O capitalismo obsoleto, capítulo 6, 2003

-O virus liberal, capítulo 5, 2003

-Por un mundo multipolar, capítulo 1, 2005

-A crise, saírmos da crise do capitalismo ou saírmos do capitalismo en crise?, capítulo 1, 2008

17 de Xuño de 2010