A virxe de occidente
Outra volta se nos mostra a virxe de occidente con todo o seu esplendor, e "veu con todos os seus ungüentos, veu finxindo ser a luz, veu cos seus átomos sanguentos, veu demócrata e con cruz".
Ás súas razóns terá Silvio para non gravar en disco esta canción de denuncia da hipocrisía coa que o imperio se persoa a salvar o planeta, masacrando pobos e expoliando os seus recursos. Quizais sexa que se trata de algo máis que unha canción, parece un laio espontáneo, a rabia do momento que perdería moita da súa expresividade si se enlata. É un arrouto que nada ten que ver cun tratado racional: ou se sente ou non se sente. E hai que recoñecelo. Hai quen xa non senten nada, algúns cantores do "non á guerra" reconvertéronse en gramófonos que repiten o "agora non é o mesmo", ao son dun ZP que só lle falta o bigote para completar a súa metamorfose no seu antecesor.
Mais afortunadamente aínda queda quen sen indigna e clama por algo mellor que Gadafi para Libia e desexa que o seu pobo humille á bota imperialista.
Que pasou no mundo da farándula? Non se pode falar de educación sentimental, tan só insensibilidade e domesticación. No mellor dos casos lograron adestralos para odiar a un novo monstro que disque hai que asasinar. Mais non lles pidades que racionalicen esa xenreira porque acabarían preguntándose: Si é iso do que se trata, matar ao tirano, porque non aproveitaron algunha das moitas cenas privadas que tiveron os que ordenan agora bombardear ao seu pobo. Porque non o eliminaron coas súas mans, espetándolle un garfo no pescozo, en vez de dedicar a velada a amañar os seus negocios e os das empresas que lle teñen reservado un posto no Consello de Administración?
Mais nestes momentos de histeria colectiva é escusado argumentar, desbórdanse as emocións. E coa que está caendo, quen non se apunta a un bombardeo? Quen se atreve a saírse do rabaño? Lograron suscitar ardor guerreiro na poboación. Mais sobre todo lograron gañarse xente coa trapela de que non interveñen por intereses, senón por humanismo. E pode que haxa amor, máis é "amor de Lupanar".
"Veu finxindo ser luz". Europa ilumina cos seus Tomahawk ás noites do terceiro mundo, mais parece que se lle esgotaron as ideas. Semella que xa non ten nada que aportar no plano intelectual. Que foi da ilustración? Adorno e Horkheimer desenmascararon na súa "Dialéctica do Iluminismo" o uso da razón como mito que serviu para forxar un novo racismo baseado nunha superioridade intelectual dun grupo humano sobre outros, até que se lexitima o xenocidio e o holocausto. Logo de Auschwitz era difícil facer filosofía dicía Hannah Arendt, mais a frase exacta de Adorno foi "Escribir poesía despois de Auschwitz é un acto de barbarie".
Usouse daquelas figuras máis senlleiras da ilustración para reforzar a idea da historia como progreso continuo e a superioridade occidental como faro que guiaría a humanidade. Europa axudouse desa apelación á súa autoridade e do acompañamento dos seus egrexios apelidos para crerse xustificada para dicirlle aos demais pobos como arranxar os seus asuntos. Auschwitz tan só foi unha cura de humildade. E houbo quen lle botou a culpa aos filósofos das luces.
W. Benjamín desmonta o oportunismo europeísta socialdemócrata e a súa idea de progreso, que considera parteira do nazismo, e atrévese a dicir aquilo tan brutalmente sangrante de "Non hai un acto de cultura que non sexa ao mesmo tempo de barbarie", máis da lectura das súas teses da filosofía da historia non se conclúe un renegar dos filósofos do XVIII. Ao contrario, do que se trata é de volver sobre os propios pasos e repetir os seus intentos de pensar a liberdade até conseguir lograr rectificar a historia (en expresión feliz de Carvalho Calero).
Compre volver a Rousseau, saber da súa vida de exiliado, proscrito e perseguido. Da súa dignidade sen concesións. W. Benjamin distinguía a tradición dos oprimidos da tradición dos opresores. E Luckacs, no seu "Asalto á Razón", rastrexou a historia das ideas que desembocaron no holocausto mais tamén das que se lle opuxeron e que trataron de impedilo. Non se debe meter a todos no mesmo saco.
,Despois de Auschwitz non se pode cantar? non se pode pensar? Ao contrario, compre máis que nunca poetas como Silvio, pensadores como Rousseau. É certo que sobran todos os demais, non só son prescindíbeis, ademais resultan obscenos. Mais o autor do "Contrato Social" non merece ser manipulado para avalar a "grandeur" do Estado que deu cabida ao chamado do "cumio para o apoio ao pobo Libio" de onde arrincou a agresión colonial. Abonda con léelo para demostrar que a cidade da luz nunca o cegou, e tiña ben calado -xa daquela- a estes occidentais que se dan de civilizados e universalistas: "Digan o que queiran xa non hai franceses, alemáns, españois, nin tampouco ingleses: non hai máis que europeos. Todos teñen os mesmos gostos, as mesmas paixóns, mediante institucións propias, unha forma nacional. Nas mesmas circunstancias todos farán as mesmas cousas; todos se dirán desinteresados e serán ladróns; todos falarán do ben público e só pensarán en si mesmos; todos enxalzarán a condición media e quererán ser uns crasos; a súa única ambición é o luxo, a súa sola paixón, o ouro. Convencidos de obter con el todo o que lles tenta, todos se venderán ao mellor ofertante que queira compralos. Que lles importan a que dono obedecen, de que Estado cumpren as leis? Con tal de atopar diñeiro que roubar e mulleres que corromper calquera país é o seu".
Demoledor.