A verdadeira independencia boliviana

Cinco anos despois de terse convertido no primeiro presidente indíxena
de Bolivia, Evo Morales continúa a facer realidade as bases da vía
boliviana ao socialismo, con altas e baixas cabe salientar, pero o
líder aimara consolida día tras día o Estado Plurinacional.
Nado o 22 de xaneiro de 2010, o novo estado comezou este segundo
exercicio con tres novos ministros, nun dos poucos gabinetes a nivel
mundial que conta co mesmo número de homes e mulleres, se ben é certo
que os programas de axuda social e os beneficio que o povo ve
revertidos pola xestión estatal desactivan cada vez máis calquer
pulsión de secesionismo económico, aínda medran os pantasmas pola
crise desatada pola subida dos derivados do petróleo, xerando un clima
de desconfianza que fai máis lento e traballoso o troco de mentalidade
e a implantación de novas medidas.
Neste proceso moitos estereotipos deixáronse atrás, as consabidas
virtudes da venda dos recursos naturais do país, que enchían as mans
duns poucos, deron paso trala súa nacionalización a uns ingresos para
a patria andina que no final do primeiro mandato de Morales
acadaron até 2.000 millóns de dólares, contra os 200 que se recadou un
ano antes de que o estado tomara o control do sector.
En só un lustro, o nivel de exportación dobrouse, reservas
internacionais que non pasaran de 2.000 millóns de dólares, hoxe
superan os 9.000 millóns; este crecemento económico por primeira vez
reflexouse nos servizos sociais que o povo recibía, o pulo na
educación, unido coas becas "Juancito Pinto" reduciu até un 2% a
deserción escolar, por se iso fora pouco, tres anos despois de chegar
ao Palacio Quemado, Bolivia foi declarado o terceiro país de
Latinoamérica libre de analfabetismo.
A causa indíxena tamén foi reivindicada, amen de descentralizar
diversas competencias para que eles poidan ter a derradeira palabra
nas eleccións que máis lles afectan, coma os encoros, sen
discriminar a dotación de infraestruturas que eses povos precisan, a
autonomía polas que loitaron tantos anos xa está garantida, permitindo
que desenvovan o modo de vida que desexen.
Na práctica, esta dignificación non só das crenzas, senón das
particulares formas de organización -moitas veces máis democráticas
que as occidentais- e da interacción coa natureza que teñen estas
comunidades, indispensábel na práctica, para poder desenhar plans de
desenrolo sustentables, que so formalizan o que eses povos levan
facendo séculos por senso común.
Os indíxenas sempre constituíron a maioría do 60% de bolivianos que
vive por embaixo do limiar da pobreza, a integración destas etnias
marxinadas da sociedade, vítimas do sometemento da súa cultura, e da
homoxeneización progresiva das súas costumes e linguas, sufriu
asimesmo un troco radical, convertíndose as verbas antes humilladas,
nas linguaxes oficiais de até tres universidades, que por certo ten
coma requisito para entregar a titulación presentar un plan de
emprendemento produtivo.
Sen embargo, e sen empañar as transformacións que o país emprendeu cara
a democracia participativa, que devolve o poder ás maiorías
bolivianas, determinados elementos ameazan por ralentizar o empurre do
presidente cara as próximas eleccións presidencias.
A inflación é un deles, xerada por un encarecemento especulativo dos
prezos por parte da clase empresarial ao percibir o acceso cada vez
maior da poboación a bens de consumo, esta confusión no quefacer
económico diario e os movementos alcistas do mercado, tamén fomenta
unha corrupción xa enquistada dende moito antes de que Morales tomase
o control do estado.
Este segundo punto, reflectido no inxente contrabando aos países
veciños, foi o principal motivo que levou a subida dun 71% do prezo
dos hidrocarburos, anunciada por Morales o 26 de decembro pasado. Esta
medida, tomada polas fortes subvencións que recebe ese sector, para
manter un valor ao público artificialmente baixo, leva a que este sexa
revendido nas nacións americanas por varias veces este custo,
incidindo eses 150 millóns de dólares que saíron baixo palio de
Bolivia, segundo o vicepresidente, Álvaro García Linera, cada vez máis
na débeda boliviana. Cabe resaltar que coas novas táboas de prezos, o
litro de calquer dos combustíbeis oscilaría en torno a un dólar.
Probablemente, neste caso, a falta de explicacións previas ao povo,
xunto co inoportuno da data e tal vez certa falta de madurez das
repercusión socias deste novo tempo, provocaron unha reacción popular
que tivo que botar atrás a norma, sen que, pola coherencia do progreso
socioeconómico do país, se poida renunciar a ela antes ou despois, se
cadra cun enfoque máis progresivo.
Outra das bandeiras políticas de Morales, é acadar unha saída o mar,
que Bolivia perdeu en 1884, por medio dumha guerra alentada pola
cobiza británica dos inmensos depósitos de sal cos que conta a zona,
foi así como Antofagasta e a rexión indíxena de Atacama pasaron a mans
chilenas, condeando a Bolivia a umha permanente mediterraniedade.
Unha vez que Perú, outra das partes daquel conflito, renunciou a
interferir nunhas hipotéticas negociacións entre Chile e Bolivia,
estanse dando os primeiros movementos para que esta saída sexa
posibles. O tema xa fora mencionado nun memorandum de entendemento
entre Morales e a presidenta Michelle Bachelet, pero conxelouse coa
chegada de Sebastián Piñera ao Palacio da Moeda.
Ante este estancamento, Morales acudiu a unha solución provisional,
comprometéndose Perú a permitir a construción dun porto en Ilo para
ser usado como saída o mar boliviana, sen renunciar a continuar a
loita pola terra lexítima que lles foi arrebatada fai máis dun século.
Esta situación tensou o longo de todo o século XX e o que levamos do
XXI as relacións entre Chile e Bolivia, que nunca voltaron a
normalidade.