A verdade que ofrece o tempo

A verdade que ofrece o tempo

Máis dun ano despois de asumir a presidencia de República, Ricardo
Martinelli e o seu goberno enfróntanse ao despertar dun pobo que mira coma o Panamá de hoxe achégase sen miramentos os anos máis escuros da ditadura militar.

Tarefa nada doada, ao percibiren os movementos que en todos os ámbitos está facendo o executivo para dominar até o derradeiro mecanismo do estado, ademáis nun país cunha taxa de pobreza de case o 50%, dos que a metade atópanse en pobreza extrema, nunha situación por debaixo dasubsistencia.

Nese contexto, é preciso lembrar que Martinelli, un dos homes máis
ricos do istmo controla en accións a maioría das radios e televisión,
atando por medio da publicidade as emisoras que non posúe, dando
concesións dun millón de dólares por empresa xornalística só no
primeiro mes do seu mandato.
Os únicos elementos que aínda manteñen certa independencia son os medios escritos, reflexado no conato de represión que a policía
desenvolve contra xornalistas e reporteiros gráficos, case valorando a resposta pública; aquí pódese incluír a violencia contra varios fotógrafos de Panamá Amarica, un dos cales foi espido na comisaría e o outro detido sen cargos, a un xornalista xubilado, metérono 30 días nunha cela de máxima seguridade, por un condena por calumnias de fai 11 anos que nunca lle foi notificada (tivo a ousadía de escribir como a construción de hidroeléctricas afectaba aos labregos e indíxenas que moraban nesa zona), para rematar, no caso de Paco Gómez Nadal, articulista no diario La Prensa e antigo compoñente da redacción de El País, amenazárono que se marchaba non podería volver a Panamá, despois impedíronlle saír do país e deixárono sen pasaporte, aducindo a posteriori desde o servizo de migración unha suposta débeda, -que se demostrou inexistente- e calando dende entón coa esperanza de que o asunto se dilúa no tempo.

Seguindo o fío da lexislatura, o executivo envía o 70% das leis que se aproban, asentou a súa maioría na Corte Suprema, a contable do partido oficialista e a Contralora -encargada de fiscalizar todo o gasto do estado-, Esta semana conseguiu expulsar definitivamente da Procuradoría da Nación -cabeza do Ministerio Público- a Ana Matilde Gómez, que aínda tiña 5 anos de mandato legal, a través dun xuízo arranxado que bateu tódalas marcas de velocidade, nun país, claro está cheo de xulgados ateigados de causas por resolver; o único estamento que aínda non controla e o Tribunas de Contas, cando menos até o mes que ven.

Neste marco incomparable, mentres continúa a construción de bases
aeronavais para "defensa" e manifestarse na rúa pode conlevar 2 anos de cadea, o goberno quixo aproveitar a efervescencia do Mundial de fútbol, para xerar un proxecto de lei con tantas arestas como nomes, lei chourizo, lei golazo, lei langosta, lei 9 en 1..., que a mediados de xuño cumpriu cos tres debates e foi aprobada polos lexisladores e sancionada polo presidente en menos dunha semana.
Ao igual que a lei en si, a metodoloxía do ministro ao cargo, José
Raúl Mulino, semellante a da avestruz, xerou unha queixa xeral, o
presentaren o 7 de xuño no pleno un proxecto de lei de aviación
comercial -que por certo beneficiaba a COPA-; so as pesquisas dos
xornalistas acharon que anexo a proposta de lei 30 aparecían as
modificacións a tres códigos (penal, laboral e xudicial) e a seis
leis, incluíndo as de carácter orgánico como a que rexe a Policía ou a
Lei Xeral do Ambiente.

Aprobouse que caso de folga, a policía debe intervir para garantir o
benestar da maquinaria e o empresario, que automaticamente os
contratos quedan suspensos, e que a empresa pode contratar a xente que precisa para seguir coa actividade; desde agora, un policía que estea sendo investigado por calqueir delito -asasinato incluído- ocorrido na súa quenda de traballo non poderá ser detido de forma provisional, podendo continuar coa súa xornada laboral. Os avances de 12 anos de lexislación medioambiental tamén quedaron en entre dito, o eliminarse a necesidade de Estudo de Impacto Ambiental, e seren sustituídas por unhas Guías de Boas Prácticas Ambientais, obviamente sen regulación ou obriga de implemento, abrindo o terreo as relación mineiras que o goberno está a establecer con Canadá e Corea do Sur, que pretenden -entre outros- furar Barro Colorado, residencia ancestral dos Ngöbe Buglé, e un dos sitios arqueolóxicos máis importante de Panamá; completaron o paquete o endurecemento dalgunhas penas de falsificación e a eliminación do desconto obrigatorio da cota sindical.

As marchas pola cidade de sindicatos e agrupacións de todo tipo non moveron nin un ápice a posición do estado, que viu como a posibilidade dunha folga xeral íase facendo cada vez máis real; entón, o 5 de xullo, a situación rachou pola beira máis feble, na provincia de Bocas del Toro, fronteiriza a Costa Rica, refuxio de turistas e grazas aos herdeiros da United Fruit enmarcado no monocultivo -e ao monopolio que deste se deriva- do plátano, ademais dunha importante poboación indíxena.

As protestas polos manexos irregulares e a restrición ilegal de parte
do soldo dos traballadores, uniuse ás reivindicacións indíxenas para
non perder a autonomía sobre as súas terras e o descontento que
provocou a aprobación da lei 30, e ante os primeiros indicios de
represión policial desatouse unha onda de violencia, que selou ate o
13 de xullo todas vías de comunicación.

A chegada de continxentes policiais non preparados para esas
situación, e con gatillo suave, a absurda resposta do executivo,
cualificando os manifestantes de indios borrachos e negando ate a
irresponsabilidade a negociación, deixou medio centenar de cegos, os disparos dos perdigóns esmagáronlles os ollos, un sen número de feridos, e a penas tres mortos oficiais, aos que habería que sumar polos testemuños dos poboadores, a decena dos que cheos de perdigóns e mouratóns se lles remitiu unha partida de morte natural.

A resposta non se fixo esperar, sedes de ministerios, organismos do
estado, bancos e caixas, ate comisarias, foron queimadas; 5 policías
foron retidos varios días polos manifestantes, mentres nos
informativos fomentaban os laidos dos turistas que polo peche estaban quedando sen comida; a fin de contas, paseniño o Estado baixou a testa, e aceptou suspender durante 90 días a aplicación de varios artigos da lei 30 -aínda que se pide a derrogación integra- para que estes puideran ser debatidos coas organización sociais.
Como non podía ser doutra forma, as demoras do goberno para suspender a primeira parte do texto legal, e os nulos avances que se deprenden das reunións convocadas están acelerando a preparación de mobilizacións por parte de sindicatos e asociacións para o remate dos 90 días, a aprobación do presidente reduciuse nun ano do 80 ao 40%, a pesares de contar cunha millonaria campaña publicitaria constante e co dominio da maioría dos medios de comunicación, e a polarización que xera este e outros proxectos similares vanse abrindo camiño as condicións subxectivas para unha necesaria transformación e redistribución nun dos países -en números absolutos- máis ricos do continente.