A unidade da esquerda peruana: Un reto histórico
Na miña intervención na reunión anual de partidos comunistas e obreiros do mundo realizada en decembro pasado en Sudáfrica xa sinalara que no Perú, era imprescindíbel a unidade de toda a esquerda para aproveitar a favorábel conxuntura electoral que se presentaba. Así pois como xa o previamos, a dereita preséntase dividida até en cinco partidos o cal repartirá Lima, o seu principal bastión electoral e que representa un terzo do electorado peruano, entre todos eles. Isto dá posibilidades reais de triunfo electoral ás forzas que buscamos a mudanza e a transformación estrutural do estado Peruano.
Pero non só o termos a unha dereita fraccionada nos dá a posibilidade de obter un triunfo, senón que o propio feito de que os peruanos están fartos do neoliberalismo salvaxe e buscan agora unha verdadeira mudanza, ratifica isto. Este rexeitamento á dereita neoliberal demostrouse, cando na capital do Perú, a esquerda obtivo un triunfo no mesmo centro neurálxico do seu poder. Refírome ao triunfo electoral de Fuerza social (FS) e ao de Unidad de las Izquierdas nas últimas eleccións á alcaldía de Lima.
Lamentabelmente non aprendemos dos nosos erros e case botamos pola borda está histórica oportunidade.
Patria Roja, un dos partidos marxistas que existe no Perú e que conta cunha inscrición electoral denominada Nueva Izquierda, nun acto que se consideraba solidario, unitario, consecuente e cunha inmensa capacidade de renuncia, ofreceu a súa inscrición electoral a todo o bloque de esquerda e propuxo que o seu Comité Directivo encabezado polo compañeiro Héctor Béjar se constituíse nun Comité Político, de tal forma que este, desenvolva as coordinacións para chegar a un Acordo Político electoral co Partido Nacionalista Peruano (PNP) de Ollanta Humala que días antes fixera público 10 puntos programáticos cos que o Partido Comunista Peruano e todos os demais partidos de esquerda coincidían.
“Inexplicabelmente”, despois de ter feito este ofrecemento, Patria Roja púxose a negociar unilateralmente tanto con Ollanta Humala como con Fuerza Social (FS) decidindo finalmente, unha alianza con esta última, que xa rexeitara toda posibilidade de formar unha fronte coa Esquerda e con Humala, sinalando ademais, que a súa proposta era de continuidade do neoliberalismo económico.
Sinala Patria Roja na súa defensa, que Ollanta Humala en ningún momento tivo a intención de formar unha alianza electoral e que noutras palabras, ninguneounos ; pero, dando por válida esta escusa e aceptando o feito de que Ollanta na súa formación militar está acostumado á política de ordeno e mando, temos que considerar a seguinte cuestión: Se Patria Roja quería seguir negociando unilateralmente a súa participación nunha alianza con Ollanta Humala ou con Fuerza Social, porque espontaneamente e sen que ninguén llo pida ofreceu a súa inscrición electoral e propuxo que sexa a dirección da Unidad de las Izquierdas a que levara a política de alianzas a nome de todos.
A resposta a esta pregunta só a ten Patria Roja que decidiu aliarse cun novo e pequeno partido como Fuerza Social, que non só sinalou o seu rexeitamento ás propostas da Esquerda senón que se enmarcou dentro da corrente de partidos de dereita que manteñen o liberalismo como inspiración económica.
Pero non só iso, finalmente Fuerza Social (FS) nun evento interno, rexeitou a alianza asinada con Patria Roja, deixando a este desaforado e sen opción de realizar novas alianzas nin conversacións con Humala e a Unidad De Izquierda. Isto significa para Patria Roja perder a inscrición electoral e marxínao de participar nas eleccións de abril deste ano.
Agora ben, coñecido é que desde fai algúns anos, as direccións políticas do Partido Comunista Peruano e de Patria Roja estiveron traballando a reunificación de ambos partidos xa que Patria Roja foi o resultado do fraccionalismo maoísta de fai 40 anos; mesmo o ano pasado constituíron un Comité de Enlace nacional entre ambos partidos que ten como tarefa traballar pola unidade na loita, o cal foi seguido pola formación de varios Comités de Enlace provinciais e incluso en Europa foi constituído un. Por tanto cabe facerse a pregunta: Agora que Patria Roja decidiu autoexcluirse do bloque de esquerda, vaise a continuar coa reunificación de ambos os partidos?
Os peruanos teñen dereito a contar cun único e poderoso Partido Comunista, ese é o grandioso legado que nos deixara José Carlos Mariátegui fundador do PCP, e desde a militancia de bases que con moito entusiasmo recibiron das súas direccións as tarefas de reunificación partidaria e puxéronse a constituír os Comités de Ligazóns, deberían seguir traballando e fortalecendo a unidade dos comunistas ao tempo que fan unha profunda e realista análise para esixir ás súas direccións as debidas responsabilidades e maior compromiso con esta histórica tarefa.
A UNIDADE DE ESQUERDA CON GANA PERÚ
A pesar de todo, a Izquierda Peruana, integrada polo Partido Comunista Peruano, Partido Socialista do Perú, o Partido Socialista Revolucionario, o Movimiento Político Lima Para Todos, o Movimiento Político Voz Socialista, dirixentes populares e do movemento sindical, social, de movementos xuvenís, así como numerosas mulleres e homes independentes e de esquerda, intelectuais, comunicadores, personaxes do mundo da cultura e a arte; tiveron a capacidade de entenderse e conformaron un gran bloque denominado UNIDAD DE LA IZQUIERDA co que subscribiron un acordo político e de goberno co PNP de Ollanta Humala denominado GANA PERÚ co que, tendo ao Comandante Ollanta Humala como candidato á Presidencia, participarán nas eleccións de abril de 2011.
Desta forma GANA PERÚ constitúese na única alternativa de esquerda para o verdadeiro cambio que o Perú necesita fronte a unha dereita dividida e que só busca manter o neoliberalismo económico, que o único que trouxo foi pobreza e uns niveis altísimos de corrupción que ten as súas raíces nas altas esferas do goberno do Partido Aprista, o cal non presentará candidato á presidencia da república senón unicamente unha lista ao congreso debido á corrupción, á aguda crise interna que dividiu as súas filas e ao rexeitamento da poboación que chega ao 70 %.
A crise interna que vive o APRA inclinará a unha parte da súa militancia, que bota en falta o antiimperialismo co que supostamente se fundou e que desde fai moito tempo se deixou de lado, a inclinarse polas posicións que a esquerda sostén e isto significará un importante apoio á candidatura de GANA PERÚ.
O Acordo Político entre a Unidad de las Izquierdas e O Partido Nacionalista Peruano está baseado nos 10 puntos programáticos que Ollanta Humala propuxera a finais do 2010. Entre eles podemos sinalar a necesidade de convocar unha Asemblea Constituínte para mudar a Constitución fujimorista por unha nova que permita ao Perú renegociar en mellores condicións a explotación de todos os seus recursos e obter maiores beneficios permitindo desenvolver unha redistribución máis xusta das ganancias e aplicar políticas de desenvolvemento social en saúde pública, educación, vías de comunicación, etc. Igualmente, considera necesario impulsar a industrialización de tal forma que o Perú deixe de ser un país primario exportador e que permita darlle valor engadido ás nosas materias primas, obtendo desta forma maiores beneficios, creación de emprego e por conseguinte unha explotación regulada e controlada que coide e protexa o medio ambiente.
A nova Constitución debe instaurar no Perú un estado con democracia participativa, plurinacional e descentralista, así como garantir a soberanía nacional no que atinxe ao usufruto dos nosos recursos naturais e estratéxicos.
Así pois, unha gran contenda electoral aproxímase; a dereita e os poderes fácticos farán uso de todos os medios incluídos os ilegais, non éticos e inmorais para impedir o triunfo de GANA PERÚ e a instauración dun novo goberno que se encadre na corrente antiimperialista de profundas mudanzas revolucionarios que se están a realizar en toda América Latina. A resposta do pobo debe ser contundente: GANA PERÚ é a única posibilidade de mudanza e a única alternativa que o pobo ten.
[Tradución de Esther Vázquez Vázquez]