A tregua, Nafarroa Bai e o nacemento de Sortu
A declaración da tregua permanente, xeral e verificable por parte de ETA foi contestada polo goberno español con varias redadas co fin de provocar unha escisión dentro da esquerda abertzale e tronzar o proceso que esta iniciou. Coa colaboración necesaria de xuíces estrela, exhibindo un gran alarde policial e mediático, encadeou indiscriminadamente a rapaces baixo a acusación de terrorismo e pertencer a banda armada polo mero feito de ser independentistas, ao coincidir nese feito cos militantes de ETA, dicindo para a galería e para sacudirse o acoso do PP, que eles non estaban en tregua. A última delas levouse a cabo dous días antes de que saíra a sentencia de Udalbiltza que non considera punible coincidir ideoloxicamente cos fins de ETA, aínda que ninguén os vai resarcir polo linchamento de que foron obxecto nos medios de comunicación nin dos anos de cadea que padeceron inocentemente.
EA non cede ao chantaxe do PNV
Primeiro o PNV vetou a participación da esquerda abertzale en Nafarroa Bai, coalición electoral formada por este partido, EA, Aralar e os chamados Independentes de Uxue Barkos, que teoricamente ten como fin desbancar do goberno de Nafarroa a dereita rexionalista de UPN. Despois, coa intención de esfarelar a fronte independentista, conxuntamente con Aralar, esixiulle a EA que rompera os acordos Euskal Herria ezkerretik e Lortu Arte subscritos coa esquerda abertzale si quería seguir na coalición, ao que EA contesta que a rotura ou non dos acordos é unha decisión soberana deste partido e pensa que se trata dunha esixencia que lle fixo en Madrid o PSOE ao PNV, lembrándolle que EA non lle esixe que rompa os acordos co goberno español, acordos que inflúen moi negativamente nos intereses dos traballadores vascos como é o seu apoio a reforma laboral e a reforma das pensións. Pénsase que o PNV pactou co PSOE que non haxa cambio de Goberno en Nafarroa para coartar a posibilidade de unificación das dúas autonomías, o que aquí se considera unha actitude zipaia por parte deste partido. Nafarroa Bai tivo un importante éxito electoral debido a ilegalización da esquerda abertzale pero agora, en caso de ser legalizada e ao non ceder EA ao chantaxe dos seus antigos compañeiros de partido pode sufrir un baixón electoral moi importante.
Nace Sortu, nova formación política da esquerda abertzale
O pasado día sete presentouse no pazo Euskalduna de Bilbao a nova formación Sortu que buscará constituír un estado vasco dentro do marco europeo, pero aos españois a democracia solo lle vale se corre a favor dos seus intereses polo que, malia a afirmar que esta nova formación rexeita a violencia de ETA, seguen dicindo que é un paso adiante pero que non abonda, e algún chega a dicir que teñen que desprenderse da ideoloxía arredista, deixando medianamente claro que o que se persegue é a ideoloxía porque temen a verdadeira democracia. Xa hai quen empeza a dicir que Sortu tamén é ETA polo que é moi difícil de entender que ETA rexeite a ETA, pero... doutores ten a santa madre igrexa. Incluso o director dun periódico pide que se lle chame bruxa a unha avogada e que se pinten dianas pola rúa co nome dun coñecido dirixente abertzale, pero non pasa nada xa que por iso non se alporizan os xuíces nin é para eles apoloxía do terrorismo.
Malia que a vista da presentación duns estatutos que segundo o fiscal de Cataluña, José María Mena, son mais impecables que os do resto de partidos, María Dolores de Cospedal dixo o mesmo día sete pola televisión que van esixir ao goberno o cumprimento da lei. É curiosa esta esixencia, porque eu sempre pensei que nunha democracia, ou "estado de dereito" como lle chaman eles, o cumprimento da lei era tarefa encomendada aos xuíces e non ao goberno, pero pensar iso quizás sexa de incautos ou de "utopías trasnoitadas" como din agora os politicamente correctos. Así non me estraña que o secretario de organización do PSN, José Luís Izco, dixera que Otegi está no cárcere como decisión dun goberno socialista, como moitos mais que están na cadea pola mesma decisión nesta caricatura de democracia que herdamos do franquismo. Proba da falta de garantías xurídicas é que o Tribunal Supremo ven de anular o xuízo a Otegi porque segundo dito Tribunal a maxistrada Ánxela Murillo non foi obxectiva ao preguntarlle si condenaba a ETA, pero tanto a ela como ao estado estas prevaricacións e as torturas sáenlles gratis.
Non cabe dubida, como afirmaba un veterano periodista radiofónico no pazo Euskalduna, que a esquerda abertzale rompeulle os esquemas a moitos escépticos coa claridade dos seus compromisos e a solidez dos seus estatutos, pero o que lles preocupa non é a violencia de ETA xa que a desaparición desa violencia déixaos solos ante o seu temor a independencia, sen argumentos e sen razóns para opoñerse pacificamente a vontade do pobo vasco. Son sabedores da febleza das súas razóns e da fortaleza dun pobo decidido a conquistar a súa independencia utilizando exclusivamente medios democráticos, por iso Rubalcaba xa anunciou a paralización da inscrición de Sortu porque segundo el "É evidente que se trata da ilegalizada Batasuna e, polo tanto, hai o que se chama continuidade. É un partido ilegal que ven ao rexistro de partidos políticos para querer ser legal, a través dunhas novas siglas e uns novos estatutos". Todos os partidos que van ao rexistro de partidos pretenden ser legais e son ilegais mentres non os legalizan, pero parece ser que para algúns non existe o dereito a emenda nin a posibilidade de reinserción, aínda que en caso de ser ilegalizada tanto EA como Alternatiba xa anunciaron que farán súas esas propostas e, apoiada entre outros por Mitxel Sarasketa, Anjeles Iztueta, Martxelo Otamendi e Xabier Arzalluz, xa está convocada unha manifestación para o próximo sábado esixindo a legalización que encherá de ansias de democracia as rúas de Bilbao.
Queda claro que nadaban mais cómodos na violencia da que eles teñen o monopolio porque na paz, como moi ben dixo Antonio Álvarez Solís, quedan en coiros ante a liberdade.