A súa democracia é a lei do embude
O Departamento de Cultura do Goberno Vasco, presidido por Patxi López do PSE co apoio do PP, segue convocando os premios literarios que xa convocaba o Goberno anterior, parece ser que utilizando as mesmas bases que fan públicas antes de cada convocatoria. O que igual non fan público é que na letra pequena desas bases está escrito que o premio será entregado ou non dependendo de si quen o gana é amigo ou inimigo, si lle cae ben ou non ao Lehendakari e ao seu socio Basagoiti.
O caso é que este ano, un xurado elixido por eles, ven de concederlle, por unanimidade dos seus membros, o premio de ensaio en éuscaro a obra Moroak gara behelaino artean?, ¿Somos mouros entre brumas?, do escritor e filólogo vasco Joseba Sarrionandia, pero o Goberno Vasco, aínda que respecta o fallo, dí que non está disposto a entregarlle o premio a quen se escapou da cadea donostiarra de Martutene o 7 de xullo de 1985 nun altofalante, xunto a Iñaki Pikabea, aproveitando un concerto que o cantante vasco Imanol deu nese centro penitenciario, cando estaba condenado a vinte e dous anos de cadea e atoparse fugado no dia de hoxe. Di o Lenhendakari, erixíndose en xuíz, que non lle dan o importe do premio até que non regularice a súa situación coa xustiza española.
,Parece ser que estes socialistas e os seus compañeiros do PP están afeitos a tomar a xustiza pola súa man, ou ir incluso mais alá dela, ditándolles sen ningún rubor aos xuíces o que teñen que facer. ¡Que razón tiña José Luís Izco, secretario de Organización do PSN, cando dicía que Otegi está no cárcere como decisión do goberno socialista! O grave é que cando din iso é porque se senten fortes, impunes e protexidos. Dá a impresión que controlan aos xuíces como os señoritos aos xornaleiros nas súas fincas e teñen patente de corso para facer e desfacer ao seu antollo. Eles son os que din quen debe ser condenado, despois son os fiscais os que elaboran as imputacións correspondentes, para o que sempre poden botar man do invento de Garzón de que todo é ETA, motivo de abondo para que se dite a correspondente sentencia condenatoria.
Pode ser que non cuestionen a calidade da obra pero pretenden censurar o que nela se reflexa. Quizás non están de acordo con que a aventura colonial española é imprescindible para entender a guerra do 36 debido a que os colonialistas españois, xa afeitos a facer carnicerías en Marrocos, mantiveron intacto ese espírito carniceiro e seguiron masacrando na península cando os votaron de alí, e menos que se diga nun ensaio premiado por eles.
Non cabe dúbida que é de agradecer a sinceridade de explicarnos como entenden a democracia, a literatura e os méritos requiridos para dar os premios, estes unionistas. E gratificante que nolo plasme tan didacticamente o portavoz socialista no Parlamento Vasco, José Antonio Pastor, cando afirmou con arrogancia, que si el fora membro do xurado xamais se lle houbera concedido o premio a Sarrionandia. ¡Medo me dá pensar nos criterios que utilizaría este home para aprobar ou suspender aos alumnos cando estaba de profesor en Ortuella! Eu son mal pensado por natureza e pola experiencia que dá a idade, pero tamén pode ser que o dixera porque non entende ren de literatura e menos si non está en cristián, que é como a el lle gustaría, pero creo que el solo premiaría aos da súa ideoloxía, e Sarri, por sorte para as literaturas tanto vasca como universal, é un home comprometido co seu pobo, coa súa cultura e respectuoso coas dos demais. Eles politízano todo e éncheselles a boca dicindo que son os nacionalistas os que fan limpeza ideolóxica e que dividen a sociedade. Despois son outros os que politizan as festas, o deporte e incluso o ir de viños en cuadrilla é para eles unha orxía nacionalista.
O avogado Kepa Landa, que defendeu a Sarrionandía en 1980, dixo que Lakua non ten dereito a reter nada si ningún tribunal o require, pero claro; xa estamos acostumados a que primeiro actúan eles e despois pídenlles aos xuíces que vistan o santo xuridicamente para que abale as súas decisións. Tamén dixo o letrado que soamente se podería facer iso si aparecera na sentencia do tribunal que o xulgou algunha reparación económica, que non é o caso, e que esa reparación extinguiríase aos quince anos. Aínda que non prescribira sería ese tribunal quen o tiña que requirir. Afirma que hoxe Sarri non ten ningunha responsabilidade por esas penas, nin tampouco de tipo económico.
Joseba Sarrionandia, licenciado en filoloxía vasca, naceu en Iurreta (Bizkaia) o 13 de abril de 1958. Ten unha extensa obra literaria e dunha gran calidade. Algunhas das súas obras foron traducidas a varios idiomas, entre eles ao español, alemán e italiano. Ao galego a ferrolán Tereixa Hernández Adeba verteu Atabala eta euria, Chuvia e tamboril, e Ainhoaren gutunak, Cartas a Ainhoa, que aínda non foron publicadas. Gran coñecedor das literaturas portuguesa e galega, así como de ambos idiomas, fixo unha breve escolma da poesía galega que el mesmo traduciu ao éuscaro e que, coa colaboración das Asociacións culturais galegas Rosalía Castro de Barakaldo e o Fato Cultural Daniel Castelao de Trintxerpe, publicouse en galego e en éuscaro na editorial Susa de Donostia o Día das Letras Galegas de 1991 co nome de Galegoz heldutako poemak, Poemas náufragos. Nela aparecen poemas de Manuel Antonio, Luís Amado Carballo, Álvaro Cunqueiro, Aquilino Iglesia Alvariño, Luís Pimentel, Luís Seoane, Celso Emilio Ferreiro e Manuel María. Dada a diversidade ideolóxica dos poetas escollidos podemos afirmar que el non utiliza os mesmos criterios que os seus represores para valorar a poesía ou calquera outro xénero literario.
Xa que son capaces de dicir esas frases e facer esas irregularidades sen ruborizarse, para o ano que ven podían poñer nas bases o credo político que ten que ter o ganador. Quedarían retratados aínda mais nitidamente si cabe, eles e a súa catadura democrática.