A Stasi vasca


Con estas verbas alcumaba o outro día Joseba Egibar a EH Bildu para intentar desviar a atención das graves irregularidades que se están detectando en Bidegi, todas elas cometidas na anterior lexislatura cando gobernaba o PNV na Deputación de Gipuzkoa e Markel Olano, que agora volve a ser candidato, era o seu presidente.

Todo empezou pola desaparición de 900.000 metros cúbicos de terra que non están no depósito de sobrantes Basagoiti-2 na localidade de Aretxabaleta, pagando polo transporte que non se levou a cabo 3,4 millóns de euros e que agora está investigando un xulgado de Azpeitia, polo que tamén o xuíz debe pertencer a Stasi vasca. Para facerse unha idea da magnitude deste transporte que non se fixo, os técnicos din que se necesitarían 100.000 camións que farían unha fila de 892 quilómetros, a distancia que hai de Donostia a París.

Por desgracia para o erario público gipuzkoano, este non é o único caso de presunta malversación de fondos nesa era na que gobernaban a Deputación e Eneko Goia era o presidente de Bidegi, pois din que tamén se pagaron outros traballos non realizados e por algúns conceptos incluso seica se chegou a pagar un 8.200% mais do que propoñía a propia dirección da obra.

Outras irregularidades detectadas son pagar por mais metros cúbicos de formigón dos que se utilizaron nos túneles e que solo se colocou fibra de aceiro nun 43% da zona realmente pagada, segundo os análises feitos por Ingeotyc, eses si, encargados polo actual goberno da Deputación. Ademais Bidegi, dependente da Deputación de Guipuzkoa, que solo debería actuar nese territorio, din que pagou tamén un tramo da AP1 en Araba, polo que a presunta malversación supón xa un total de 30,1 millóns de euros.

Ningún destes datos foron negados por Egibar cando increpou a Bildu por intentar destruír a un contrincante político, nin tampouco por Markel Olano ou Eneko Goia, que o acompañaban e nin abriron a boca, porque parece ser que para eles o grave non son os feitos senón que se investiguen e, sobre todo, que o saiba a sociedade. Quizás por iso o deputado Aitor Estéban afeou a Rajoy polo apoio do PP vasco á creación dunha comisión de investigación sobre Bidegi proposta por Bildu botándolle en cara no Congreso dos Deputados que non quixo crear unha sobre Bárcenas. Da a impresión de que entre eles tiñan un acordo de protección: “eu protéxote a ti e ti protéxesme a min”.

Fai pouco tempo afirmaba Urkullu que a corrupción é algo alleo a Euskal Herria; dicía que esa práctica mafiosa solo existe en España porque forma parte do ADN do Lazarillo de Tormes e, agora que lle ve as orellas o lobo, pide que non se traslade a acción política aos tribunais, xa que, segundo el, na maioría dos casos é con fins partidistas, porque a sociedade reclama acordos e non preitos. Sen embargo eu creo que o ADN da corrupción non ven dado por pertencer a unha ou outra nación, senón por defender e querer lucrarse deste sistema neoliberal, corrupto e criminal que protexe aos bancos namentres é capaz de asasinar mediante o suicidio aos que segundo as súas regras non teñen dereito a nada; aos que despois de espoliados e negarlles o traballo non lles queda outro camiño que resignarse a pedir esmola na rúa ou coller o que lles indicaba Baldomera Larra Wetoret as vítimas das súas estafas piramidais: Tirarse do viaduto madrileño, chamado tamén por ese motivo o trampolín dos suicidas e que está ao lado do Pazo Real. Modestamente eu penso que o que reclama a sociedade é transparencia, que non haxa delitos, que os ladróns devolvan o roubado e que todos os delincuentes vaian a cadea despois de pasar polos xulgados, pero si Egibar e o Lehendakari quixeran facer crible as súas verbas farían os deberes que lles corresponde e non seguirían mantendo aos mesmos imputados como candidatos para gobernar a mesma Deputación cando incluso foron repudiados polo resto dos partidos.

Tamén presumía o PNV do bos xestores que son, pero ese “Modelo PNV de xestionar” (como lle chaman eles) queda en moi mal lugar si temos en conta casos como o da planta de tratamento de zurro de Karrantza onde chegaron a pagar por traballos antes de facelos e despois, ao acabarse os cartos, rematou nun fiasco que está sendo investigado polo xulgado de Balmaseda, pois pechouse a obra case sen empezar e despois de ter un custe de mais de 1,4 millóns de euros. Tampouco é de bos xestores mercar un solar na Florida de Hernani para a sociedade Etorlur, dependente da Deputación de Gipuzkoa, por 28,5 millóns de euros sen facer antes taxación algunha, polo que sete anos despois está valorado nun máximo de 12,7, que xunto con outros gastos de mantemento supuxo unha perda de case 20 millóns para as arcas públicas e que segundo os informes das auditorías puxo nun serio perigo a viabilidade da sociedade. Outro caso grave no que os fiscais aprecian seis delitos é no proxecto de construción do prototipo de coche eléctrico “Hiriko”, que tamén quedou en nada despois de gastar 18 millóns de euros.

Podíamos seguir contando casos como o dos 20 millóns que lle perdoou a Iberdrola o anterior alcalde de Bilbao, Iñaki Azkuna, para a construción da caprichosa torre desa multinacional na capital bizkaina e das grandes infraestruturas faraónicas non rendibles nas que non tiveron en conta o impacto ambiental e dilapidaron cantidades inxentes de diñeiro público para darlle saída ao formigón das súas canteiras como é o caso da Supersur, que agora é unha ruína que segue empeñando a todos os bizkainos, ou como o será o día de mañá o suposto Tren de Alta Velocidade para todos os contribuíntes da comunidade autónoma, que seica tardara case dez minutos menos que un autobús en ir de unha a outra das tres capitais do País Vasco pero o billete terá un custe tres veces superior.

Probablemente sexan bos xestores para o 1% da sociedade e critican aos actuais gobernantes gipuzkoanos por crear o Imposto sobre a Riqueza para que paguen mais os que mais teñen, pero non o son para o outro 99% no que precisamente recaen os custes do seu “modelo de xestión”.

Non sei si Egibar será membro da CIA á que si sabemos que pertencía o seu compañeiro de partido Jesús Galíndez, a quen asasinaron e fixeron desaparecer entre os seus propios compañeiros desa organización norteamericana e os esbirros do ditador Trujillo, desaparición pola que nunca protestaron nin el nin o PNV. Dada a súa ideoloxía democristian e polo seu anticomunismo, pódese pensar que por intereses de partido lles perdoaron os feitos ás dúas organizacións terroristas e criminais que actuaron en contra do seu propio compañeiro porque tamén andaban embaratados con eles, pero disto eu non teño probas; sen embargo el, como non pode criticar politicamente a EH Bildu polos seus actos, recorre ao alcume groseiro coa intención de insultar e seguro que bota en falta aqueles tempos de apartheid nos que se acochaban uns aos outros os seus “deslices”, a sabenzas de que non había ninguén que lles levantara as alfombras porque a que el chama “Stasi vasca” estaba ilegalizada.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.