A propósito das eleccións no Reino Unido

A propósito das eleccións no Reino Unido

A semana pasada tiveron lugar as eleccións na Gran Bretaña á aínda hoxe denominada Cámara dos Comúns, da que sairá o futuro goberno como corresponde nun sistema político parlamentar, que non presidencialista, aínda que ás veces o pareza por imperativo xornalístico e dos/as opiniadores/as oficiais. Despois de varias semanas de campaña electoral e de supostas incertezas sobre os resultados, o Partido Conservador volveu gañar despois de 13 anos de goberno laborista e o Partido Liberal non conseguiu converterse na revelación, tal e como afirmaban os medios. Así e todo, este partido ten a "chave" do novo goberno e tamén unha capacidade de negociación importante para conseguir un dos seus obxectivos: a reforma do sistema electoral de maioría simple.

A verdade é que o sistema político británico ten as súas peculiaridades entre as que destaca a ausencia dunha Constitución escrita (incodificada), algo que pode xenerar, no meu caso así é, curiosidade, alomenos de primeiras. Esta ausencia non significa, para nada, que exista un baleiro legal, senón máis ben todo o contrario, pois penso que é máis complexo cambiar un costume que unha lei. O conto é que o xogo ten regras que son asumidas pola maioría.

Malia que poderiamos darlle voltas á suposta idiosincrasia dos británicos, quixera centrar a nosa atención nalgunhas cuestións interesantes que xorden a propósito do proceso electoral.

En primeiro lugar, as eleccións debuxaron un escenario parlamentar dominado claramente polos grandes partidos de ámbito estatal que concentran o 95,7% dos escanos, pero no que tamén van ter o seu espazo partidos nacionalistas como o Scottish National Party, o Sinn Fein e o Plaid Cymru, reflectindo o carácter plurinacional do Estado británico.

En segundo lugar, os líderes Brown, Cameron e Clegg concorreron a este proceso como os candidatos a primeiro ministro (outra reminiscencia histórica da época dourada da monarquía), mais todos eles tiveron que enfrontar a súa campaña particular na circunscripción correspondente, todos sairon elixidos pero ningún deles acadou a porcentaxe do histórico líder do Sinn Fein, Gerry Adams, pois lonxe do 71,1% deste último quedan o 64,5% de Brown, o 58,8% de Cameron e o 53,4% de Clegg.

En terceiro lugar, ningún dos partidos concorrentes acadou maioría absoluta, un feito que semella raro nun sistema electoral maioritario, aínda que se o pensamos non debería ser tan "raro" en tanto que combina a lóxica da competición entre partidos a nivel estatal e a lóxica do/a candidato/a como representante de cada circunscripción. A ausencia dunha maioría absoluta vai implicar inexorabelmente a traída a primeiro plano da "cultura da coalición", non ausente na actualidade na Gran Bretaña pois hai que recordar que en Escocia o SNP non dispón de maioría absoluta no Parlamento escocés, e, ao mellor, asistimos á conformación dun "bipartito", ou dun goberno baseado nunha maioría cuatripartita, utilizando o simil das cores (igual que no futbol) traduciríase nunha maioría "arco da vella" (!).

Neste contexto, os liberais convertéronse na "chave" para a conformación dunha maioría parlamentar sobre a que sustentar o futuro goberno, do que probabelmente vai formar parte. A posición do Partido Liberal como peza indispensábel outórgalle un poder negociador que supera amplamente o 23% dos votos que recibiu, malia que algúns opinadores consideran que a perda de 5 escanos supón unha merma da capacidade de negociación. Esta centralidade vai situar o partido ante disxuntivas complexas, nomedamente no que ten a ver cos equilibrios entre as demandas e os constrinximentos das bases e as condicións nas que se vai celebrar o futuro acordo de goberno.

Así as cousas, e en consonancia coa necesidade de marcar posicións e coas proclamas lanzadas na campaña electoral, mais tamén coa pretensión de mellorar a súa posición de cara a futuros procesos, unha das apostas fundamentais do Partido Liberal é a reforma do sistema electoral co propósito de reducir as disonancias entre votos e representantes. O certo é que os liberais co 23% dos votos só obtiveron o 8% dos escanos. Se dividimos o número de votos recibidos polo número de escanos conseguido observamos que a relación é de case 120.000 votos por cada escano para o PL, de 35.000 votos para os conservadores e de 33.350 para os laboristas. Con estas cifras calquera entende a posición do partido a respecto da necesidade da reforma electoral.

Agora ben, non fai falla esperar polas eleccións británicas nin quedar abraiados cos sistemas electorais de maioría simple para constatar desviacións a partir de operacións deste tipo, pois nas xerais de 2008 cada deputado do PSOE e do PP representaban en torno a 66.800 votos, mentras que cada deputado do BNG correspondía a 106.270 votos. E non falemos do sistema electoral do Senado no que o partido máis votado, con menos do 50% dos votos, pode acadar as tres cuartas partes dos senadores nunha circunscripción.

A proposta de reforma electoral dos liberais é a día de hoxe unha incógnita e iso demostra que existen incertezas importantes nunha cultura política tradicionalmente bipartidista e habituada a conformar gobernos fundamentados en maiorías parlamentares. As propostas de reforma electoral realízanse en base a supostos futuros que parten dunha situación pasada, dos datos dun proceso anterior. Os efectos mecánicos dun sistema son sinxelos de calcular: tantos votos, tantos escanos; mais non teñen en conta os denominados efectos sicolóxicos no comportamento do electorado. Desta maneira supoñamos que se instaura un sistema proporcional e o electorado británico configura un Parlamento no que ningunha forza obtén máis do 30% dos votos, a maiores a formación de goberno complexifícase e a lexislatura defínese pola inestabilidade. No seguinte proceso electoral, e xa coa experiencia pasada, o resultado probabelmente sería moi diferente, outorgándolle a un dos partidos unha porcentaxe superior aos restantes e entraría en escena a lóxica bipartidista do sistema. Xa que logo, a reforma do sistema electoral non é a panacea, nomeadamente nas sociedades mediáticas actuais nas que os medios de comunicación "de masas" son parte interesada.

En definitiva, os ingleses, galeses, escoces e irlandeses do norte teñen un "Parlamento colgado" (en fin), e agora haberá que "descolgalo". Din que en Ferraz están agardando que sexa un goberno laborista-liberal por iso de romper as costumes, que aquí tamén as hai, e como din os nosos maiores "fan leis".