A política internacional do «obamanato»

Sempre haberá alguén que fale ben de Obama, antes, agora e mañá. Sucesor do presidente con máis baixa aprobación entre a poboación dos Estados Unidos, George Bush, Obama e a súa muller, Michelle, levan varias semanas despedíndose entre bágoas, autolouvanzas e autorecoñecemento de erros.
É precisamente neste último punto no que é difícil «condecorar» a Obama. Mentres el declarou a Fox News que o principal erro do seu mandato foi a invasión a Libia, hai unanimidade entre certa opinión pública estadounidense de que o seu principal erro foi Siria.
Nicholas Kristof, columnista de The New York Times, aseguraba que o peor erro do presidente Obama foi a non intervención (directa) na guerra civil siria «ensombrecendo o legado do seu goberno». O ronsel de máis de 500.000 mortos e millóns de desprazados e milleiros de desaparecidos da guerra siria combínase coa multiplicación de ataques mediante os drons do Joint Special Operations Command da CIA en Níxer, Libia, Somalia, Iemen e Paquistán.
,Estados Unidos é incapaz de recoñecer entre os belixerantes sirios algunha facción que puidese ser considerada «amiga» para un hipotético goberno sirio futuro… e deste xeito é difícil «implicarse» (militarmente) no país, pero este pecado de omisión é tan culpábel coma o pecado de acción da guerra de Irak.
Pecado de acción de Obama (e do Estado español) foi a agresión militar en Libia e o caos posterior, unha vez asasinado Gadafi.
O xornalista libio Mustafá Fetouri, nun artigo que dá conta da Libia após Gadafi, entrevistaba un ex líder rebelde que aseguraba que o asasinato de Gadafi non era o que eles querían, pero que entende que o seu asasinato foi debido a todo o que el sabía e que, se o dixera, crearía serios problemas a líderes políticos, principalmente europeos.
En Libia non hai goberno, ou hai varios que se autodefinen como gobernos, pero ningún verdadeiramente do gusto occidental. Bengasi, a vila na que comezou a guerra en febreiro de 2011, e segunda en tamaño do país, está totalmente destruída debido á guerra entre o exército do goberno recoñecido internacionalmente, situado en El Bayada, e distintas faccións xihadistas situadas ao norte da vila. Trípoli, a capital, baixo o control dun goberno non recoñecido por ningún outro Estado, soportou unha intensa batalla entre distintas faccións libias que perderon os membros do goberno «lexítimo» sirio, que tiveron que abandonar a capital cara ao leste.
O resultado final da política internacional de Obama é negativo. Nin o acordo con Irán, nin o restabelecemento das relacións diplomáticas con Cuba poden agochar que Estados Unidos non respecta nin os dereitos humanos nin o Tribunal Penal Internacional.
A súa impunidade é total e oscila entre «pinchar» todas as comunicacións dos gobernos «amigos» até o asasinato selectivo, en calquera parte do mundo, daqueles que eles consideren inimigos. Non é casualidade que o principal asesor de Obama en materia de seguranza sexa John Brennan, o ideólogo da guerra «limpa» dos drons, quen chegou a asegurar verbo a práctica continuada e habitual da tortura por parte da CIA: «Non sei cal é a verdade» (I do not know what the truth is).
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.