A política exterior da Xunta: empresarios e gaitas

A comezos da década dos 90 comentábame un luthier de orixe italiana en Caracas que a Xunta enviara de agasallo unha chea de gaitas ao Exército venezolano. Quedaran nun almacén punteiros e roncóns tirados, separados dos foles, e despois de varios anos en que os roncóns foran utilizados polos recrutas para xogar «pelota» (béisbol), un oficial decidira que tiñan que «unir» todos eses «palos» e desfilar o 5 de xullo (Día da Independencia) cos instrumentos eses. Achegáronse ao luthier non para que fixera uns foles senón para que armara algo vistoso para desfilar... e así desfilou o Exército venezolano coas gaitas da Xunta.
Lonxe, década dos 80, quedou a sentenza do Tribunal Constitucional que prohibía á Xunta facer publicidade turística no exterior (Bos Aires) pois a «política exterior» era competencia exclusiva do Estado central.
Así as cousas, empezouse a viaxar desde o Goberno galego para visitar a emigración e manter contactos cos empresarios galegos ou de orixe galega, a maior parte das veces non para atopar saída aos produtos galegos, senón para que as grandes fortunas galegas de Latinoamérica investisen na Galiza.
Nin o un nin o outro. Nin os produtos galegos atoparon saída no mercado latinoamericano, coa excepción da comunidade galega de Caracas, que bebía whisky con auga Mondariz porque lles sabía mellor, nin as grandes fortunas galegas viron atractivas as condicións que o funcionario de quenda (que sabía de empresa o que aprendera nun libro) lle ofrecía aos galegos millonarios.
Pasaron os anos e cada certo tempo vemos a responsábeis da Xunta reunidos cos empresarios galegos do Exterior. Vendedores retallistas, construtores... uhmmm. O resultado desas reunións é nulo, e a vantaxe comparativa que representa que Galiza teña desde presidentes até ministros en Latinoamérica non significou nunca nada.
Pero a política exterior da Xunta é un proceloso historial de reunións con empresarios, envío de gaitas e tambores a quen o solicite e comidas de empanada e viño cos emigrantes e cos seus descendentes, que xa superan en moitos sitios o 90% en relación cos primeiros.
Oportunidade perdida? Desde logo. Agora que os españois queren facer do seu «país» (Estado) unha marca comercial, nós reducimos a nosa «marca» no exterior á Copa Davis, Cidade da Cultura, Volvo Ocen Race, e o parque temático chamado Xacobeo.
Mentres, os soldados venezolanos desfilan cuns «paus» ao ombro que lles mandaron desde «España» amañados por un luthier italiano en La Candelaria.
Pobre «marca» a nosa.