A ocupación estadounidense de Afganistán vaise esnaquizando
TRADUCIDO POR ROBERT NEAL BAXTER
Na véspera do que ía ser a maior ofensiva por parte dos EUA e da OTAN en contra do bastión da resistencia en Kandahar, a ocupación que leva xa máis de oito anos está a esfarelarse.
En Kandahar, o Presidente fantoche de Afganistán, Hamid Karzai, prometeu aos líderes locais que cancelaría a operación no caso de estaren demasiado preocupados polas consecuencias. Tamén deixou atónito un parlamentar ao declarar: "Se vós e a comunidade internacional seguen a me facerdes presión, xuro que me unirei aos talibáns" (New York Times, o 4 de abril).
Por outra parte, tamén tiveren que recoñecer as Forzas Especiais estadounidenses seren responsábeis de máis crimes de guerra en Afganistán. Este recoñecemento, como xa vén sendo habitual nestes casos, xurdiu após un grupo de superviventes afgáns acusar as tropas dos EUA de mataren a tiros tres mulleres nunha operación levada a cabo en febreiro, incluíndo dúas mulleres grávida, nais de dez e seis fillas/os respectivamente.
Nun primeiro momento, os feitos foron desmentidos pola instancias militares, que logo tentou achacalo a un incidente de apuñalamento anterior. Mais finalmente os oficiais non puideren seguir a negar que estes militares adestrados para mataren acabasen coa vida das mulleres. As tropas culpábeis mesmo chegaron a arrincar as balas do corpo das súas vítimas, nunha tentativa de ocultaren o seu crime de guerra.
O procedemento habitual consiste en que o comando militar da OTAN negue sistematicamente calquera participación das súas tropas nunha matanza de civís, ao parecer na espera de que o acontecido desaparecer sen máis. Mais cando os propios afgáns ou os xornalista conseguen desenterrar os feitos reais, os oficiais dos EUA e da OTAN vénse obrigados a revelaren a verdade.
Por exemplo, o Xeneral Stanley McChrystal, comprometido publicamente por razóns políticas coa redución de vítimas civís, tivo que pedir desculpar pola matanza de civís durante a ofensiva moi mediatizada que tivo lugar en Marjah no mes de febreiro.
Esta última revelación creou máis problemas para a ocupación. O New York Times resumiu a situación nun artigo publicado o 5 de abril: "A revelación vén no peor momento para o mando militar dos EUA: os oficiais da OTAN están a loitar para mitigar as repercusións dunha serie de diatribas en contra da presenza militar estranxeira por parte do Presidente afgán, Hamid Karzai, que xa cargara contra a matanza de civís polas forzas occidentais."
O 28 de marzo, o Presidente Barack Obama aterrou na tristemente célebre base aérea de Bagram para animar ás tropas estadounidenses con base en Afganistán, ataviado cunha chaqueta de aviador. Tamén se reuniu con Karzai en Kabul, amoestando o mandatario afgán pola súa incapacidade de eliminar a corrupción - ou iso foi, polo menos, a versión pública que se deu a coñecer para explicar os comentarios de Obama. Ambos os presidentes negáronse a falar cos xornalistas tras a reunión..
O fantoche e o titeriteiro
Ao igual que o historial de McChrystal no que se refire ás misións de busca e destrución que encabezaba en Iraq, o historial de Karzai como presidente de Afganistán sob a ocupación tamén contradí o feito de seren as súas inquedanzas humanitarias o motivo que levou ás súas protestas ante a morte de civís. Á luz da longa historia de escándalos que envolve Chicago, resulta pouco probábel que Obama se sorprender ao descubrir un caso de corrupción.
O 30 de marzo, nun artigo publicado no Asia Times, o diplomático indio, M. K. Bhadrakumar, ofreceu unha explicación do que se podía esconder realmente detrás das palabras de Obama. Segundo Bhadrakumar, Karzai estaba a barallar a posibilidade de mellorar as súas relacións con Beijing e Teherán e así Obama lle estaba a dar un toque de atención para se manter á raia. Foi esta idea a que deu pé o artigo público no New York Times cinco días máis tarde. Esta posibilidade, xunto coa declaración do propio Karzai referíndose á posibilidade de se unir aos talibáns levanta dúbidas acerca das relacións entre o goberno fantoche de Afganistán e o titeriteiro, o imperialismo estadounidense.
O certo é que a Presidencia de Karzai veu da man da ocupación estadounidense. Mesmo gozando do pleno apoio das tropas dos EUA e da OTAN, Karzai estaba alcumado de xeito despectivo como 'o alcalde de Kabul'. Até o día de hoxe, a súa influencia nunca chegou máis alá da propia capital e non cabe dúbida de que ficaría apartado - probabelmente polos talibáns - no caso de os EUA e a OTAN se retiraren de golpe. Logrou, no entanto, facer tratos suficientes e exercer poder abondo para amañar as eleccións que tiveron lugar o ano pasado.
Ao parecer, Washington preferiría substituír Karzai como o seu axente en Afganistán. Ao igual que o Imperio británico, ficou claro que o Imperialismo estadounidense non conta con aliados permanentes. Nos anos 1960, Washington orquestrou o asasinato do seu protexido, Rafael Trujillo, ditador da República dominicana e tamén derrocou o réxime de Diem no Vietnam unha vez que estes grupos dirixentes chegasen a ser demasiado impopulares para seren de utilidade. Tamén nos Noventa, por razóns similares, aínda que non tan prementes, Washington estivo detrás da destitución dos ditadores fantoches Mobuto Sésé Seko e Suharto do Zaire (a actual República Democrática do Congo) e da Indonesia respectivamente.
Mais no caso de Afganistán, con quen poderían dar os EUA para substituír Karzai?
Pola súa parte, Karzai sabe que xa non goza do favor de Washington e que a súa presidencia, e talvez mesmo a súa propia vida, se acabarán cando os mestres estadounidenses atoparen unha alternativa, polo que xa estabeleceu negociacións con Irán e coa China para nunha tentativa de conseguir máis apoios exteriores.
Con 100.000 tropas e un número probabelmente similar de "mercenarios", os EUA seguen a levar vantaxe e o Pentágono pode facer moito dano na rexión. Mais, aínda así, fica moi lonxe de exercer un firme control sobre a súa propia fantoche, e moito menos sobre Afganistán.