A obrigada diglosia dos emberá
O "tapón" do Darién é unha fronteira natural entre Panamá e Colombia, esta inmensa extensión selvática prevé dende o paso -teórico- de inmigrantes ilegais, guerrilleiros e paramilitares até a extensión da febre aftosa a Centroamérica.
En Panamá, o que pertence a maioría do territorio do Darién, este confórmase como unha provincia que chega os 12 mil quilómetros cadrados, durante anos existiu -e aínda segue latente- un forte debate sobre se abrir o denominado "tapón" e rematar a construción dos 87 quilómetros de estrada que rematarían a Panamericana, unindo o continente.
Como non podía ser doutra forma, aínda máis despois de case un século de presencia militar, os norteamericanos, interesados en dificultala emigración ilegal dende Sudamérica e impedir que as mercadorías dese subcontinente - máis baratas- puideran adquirirse en Centroamérica, determinaron as influencias esóxenas que xeran unha ampla negativa a rachalo "tapón" entre o pobo e os orgaos de poder.
Entre ese xogo de intereses, no interior da provincia de Darién, sitúase a comarca Emberá-Wounaan, creada en 1983 gracias a presión exercida por eses pobos e a unha perspectiva histórico-social máis coherente da man de Omar Torrijos.
Sen embargo, as 410 mil hectáreas cadradas que outorgou o Estado non correspondían o territorio natural dos indíxenas, como mínimo toda a provincia; amais, os terreos foron divididos en dúas rexións, Chepigana e Pinogana, sen nexo territorial e pegadas, unha ao Caribe, e a outra ao Pacífico, co fin de dificultar a organización das institucións indíxenas, que por fortuna, enchen cada punto da provincia máis aló das división territoriais.
Isto dotou de certa autonomía as comunidades indíxenas, permitindo que -con limitacións- desenrolaran órganos de goberno baseados na democracia participativa, que empeza na comunidade e se estende aos caciques rexionais e xerais, onde calquera maior de 15 anos pode intervir; a elección do cacique xeral faise por fila india, só téndose que por o votante diante daquel que quere apoiar.
Até fai 40 anos, tanto Emberás e Wounaan vivían en núcleos familiares a beira dos ríos, separando quilómetros as vivendas entre si; alí, co cultivo de millo, arroz, plátano, ñame, yuca e algunhas especias coma culantro ou ourego máis as presas de caza, abundantes naquel entón, cubrían ás necesidades de alimentación; achegábanse a selva por calquera cousa que precisaran, dende os arbustos e a madeira para as vivendas ou a roupa, até o barro preciso para facer os utensilios de cociña.
Tamén posuían unha rica vida cultural, coordinada polos jaibaná, que tiñan como función a de exercer coma médicos botánicos e nalgúns casos, servir de ponte entre o mundo espiritual e o visíbel, o papel dos jaibaná sufriu unha pronunciada decadencia ate a actualidade.
O troco na súa forma de organización chegou entre as décadas do 60 e 70 do século pasado, cando, a presión dos colonizadores do interior do país, que deforestaron case toda a área non indíxena da provincia, levounos a formar comunidades máis grandes, para ser máis efectivos a hora de defende-la súa terra, en cada núcleo moran entre 500 e 1000 persoas.
,
As escolas chegaron coas comunidades, constituíndose na case totalidade dos casos na única edificación de cemento coa que contan, dende o primeiro, a escolarización foi aceptada polos 10 mil integrantes da comarca, que querían, sen renunciar a súa cultural, que os seus fillos tivesen acceso a unhas condicións mínimas as que eles non puideran aspirar, como por exemplo auga potábel, pois toda a comarca consume aínda hoxe auga sen tratar, o que provoca múltiples casos de diarrea, vómitos e enfermidades asociadas, asemade como un aumento da mortalidade entre os menores de 14 anos.
Cando pasaron xa máis de tres décadas da chegada de profesores castelanfalantes na súa totalidade as comunidades da comarca, replícase un fenómeno sufrido polo galego, a xeneralización da diglosia e os primeiros casos de descoñecemento da lingua propia, neste caso, o emberá.
Os casos máis radicais do analfabetismo funcional na lingua nai son moi reducidos, coma se pode apreciar na comunidade de Marragantí, localizada a 9 horas da capital, incluíndo 3 horas río arriba en piragua subindo os ríos Chucunaque, Tuqueza e Marragantí, xa en zona de bosque primario.
E unha comunidade tipo de 516 persoas, no corazón da comarca, cara o Caribe; case todos son emberás, e dúas familias wounaan, a metade da poboación son nenos que asisten a escola; o impacto do castelán focalízase nun posto do servizo de fronteiras dende fai unha década e a escola que chegou na metade da década dos 70, cando todos interactuaban en emberá e poucos coñecían o castelán coma segunda lingua, para comunicarse coa xente de fora da comarca.
Apenas existen unha ou dúas persoas adultas na comunidade que non saben falalo emberá, pero que o din comprender, as súas idades delimítanse entre os trinta e corenta anos.
A lingua de comunicación intracomunitaria e outro dos factores que variou neste tempo, chegando a estas alturas máis da metade dos habitantes a relacionarse en castelán, aínda sendo ámbolos falantes indíxenas.
O maior problema atópase no sector infantil, onde poucos nenos falan emberá, pero unha porcentaxe importante enténdeo a partir de certa idade; na comunidade hai un concepto xeneralizado que di que é na mocidade cando os rapaces aprenden a falar o emberá.
Se ben, un 60 ou 70 % dan este patrón, cos restantes xurden as primeiras familias nas que non se fala emberá, o que, dado que toda a comunidade a tódalas idades fala e comprende o castelán, fai que este se estenda cada vez máis.
Na outra banda, o emberá segue presente nos fogares, sobre todo da man das nais, pois os homes están perdendo rapidamente os súas sinais de identidade e occidentalizando a súa conduta, amais nos congresos a lingua usada en congresos e cerimonias tamén é o emberá en exclusiva.
As autoridades da comarca percibiron esta problemática, e asinaron o ano pasado co Banco Mundial un plan para introducir o ensino bilingüe nas escolas da Comarca Emberá Wounaan e da Comarca Ngöbe Bugle, co financiamento garantido.
Pero, co cambio de goberno, acaecido nesas datas, que converteu a Ricardo Martinelli en presidente, as cousas mudaron nun instante; a nova ministra, unha xornalista que traballaba no canal de Martinelli, negou a autorización o proxecto, alegando que calquera fondo tiña que ser adicado a infraestruturas, moito máis recoñecíbeis para os medios de comunicación.
Isto so ven a reincidir na marxinación dos pobos orixinarios a mans don gobernos neoliberais, que impiden a estas comunidades avanzar e contextualizar a súa existencia sen abandonar a herdanza dos seus avós.
Os emberás considéranse protectores da selva, por iso, o seu razoamento e conduta parte da afirmación da simbiose entre terra e home, como se aplica isto a realidade explícao Betanio Chiquidama, Cacique Xeral da Comarca, "non queremos ser millonarios, nin ter coches nin morar en rañaceos; só queremos vivir ben, con educación, con sanidade e con opción de futuro, mantendo a nosa selva, iso si".