A nova dereita centroamericana

A nova dereita centroamericana

Fai un ano, as eleccións en Panamá permitiron asentar a dereita na rexión centroamericana, e consolidar no neoliberalismo a xoia da coroa do proxecto bolivariano. Un millonario, dono da distribución de alimentos e da cadea de supermercados máis importante do país, con resultados marxinais nas elección de 2004 creou un novo partido político -Cambio Democrático-, contratou os asesores que conseguiron a reeleción de George W.Bush, un dos cales é hoxe ministro, e cun aporte persoal de dez millóns de dólares só na campaña deu en rachar o bipartidismo no que se movían as elección panameñas desde a invasión norteamericana de 1989.

Aínda que o sistema de goberno outorga moitas prerrogativas ao presidente, conseguiu tamén a maioría na Asamblea Nacional, tras formar unha alianza coas outras forzar de dereita, o Partido Panameñista, e outros partidos de tamaño inferior que naceron coma escisións de este derradeiro.

A que deu en chamarse "Alianza para el cambio" xestouse durante a toma de posesión de Obama, nunha reunión na casa da embaixadora de Estados Unidos entre Ricardo Martinelli -o presidente- e Juan Carlos Varela, vicepresidente e candidato do panameñismo; e deulle máis do sesenta por centos dos votos en detrimento do PRD, o partido herdeiro do réxime militar, que se move na centrodereita.

Um dos factores máis importantes a ter en conta na campaña e no goberno é un dominio case absoluto dos medios de comunicación, o presidente é director xeral da Televisora Nacional, unha das dúas grandes compañías de televisión do país, e conta con presenza accionarial en dous dos tres xornais serios; para afianzar esta postura, o chegares ao poder deu a cada medio un millón de dólares en publicidade estatal; e cos seus asesores de imaxe controla os tempos para apareceren nos medios, dar entrevistas, etc, para o que utiliza a súa canle de televisión; todo isto levouno a ser o terceiro presidente máis popular da rexión, con cotas que oscilan no setenta por cento de aprobación.

De cara a xente, vendeu unha promesa de cambio, querendo desmarcarse dos políticos tradicionais, e facendo especial énfase na súa condición de empresario, gremio que copa os ministerios, con dous licenciados universitarios, o resto son donos de pizzerías, bancos, empresas turísticas, construción, incluso dous presentadores de televisión -só unha ten título de xornalista- dirixen as carteiras de educación e desenrolo social. Para a clase socioeconomicamente máis elevada do país é unha transformación perceptible no senso de que a burguesía tradicional, que aínda mantendo latifundios tornárase na súa maioría urbana e con intereses da man da evolución do sector servizos co canal e o turismo, está sendo substituída por unha burguesía que pola súa inmigración recente até o de agora achábase un anaco por embaixo dos apelidos históricos que fixeron negocio coa independencia.

Nos primeiros meses de goberno a medida estrela foi o programa "100 para los 70", que lles dá cen dólares aos maiores de setenta anos sen ingresos, co propósito de encubrires que non existe ningunha política seria de pensións, isto mantivo a tranquilidade até que o presidente tivo que escoller a dous maxistrados da Corte Suprema. Dixo que era potestade da sociedade civil seleccionar aos mellores aspirantes, creouse unha comisión na que participaron as asociacións de xustiza e fíxose unha preavaliación pública, a resposta de Martinelli foi elixir a dous candidatos descalificados polas irregularidades do proceso de acreditación, que no seu caso se fixo automaticamente e sen cubriren os seus formularios. Un deles, exdirector da Policía Técnico Xudicial, e o outro, antigo director do Departamento de Migración na anterior administración, quen deixou escapar a man panameña do maior fraude piramidal en Latinoamérica, DMG de David Murcia, o suxeito, puido sen problemas sair do país a pesares de estar baixo fianza e con prohibición de abandonares o territorio, supostamente, para desaparecer as probas das doazóns do estafador a campaña presidencial do vitorioso empresario.

Un dos frentes que quixo aclarar o novo goberno desde o primeiro momento era que Panamá non era un paraíso fiscal, nin sequera tendo en conta que se aplicaron as receitas máis liberais para favorece-la inversión estranxeira, por iso, e tentando cumprir coas condicións das organizacións internacionais, deuse en firmar unha morea de tratados para evitar a dobre tributación, e saires así das listas negras; no campo económico, fíxose unha reforma fiscal, con entrada en vigor o 30 de abril pero aplicación retroactiva desde o un de xaneiro, os impostos asociados os bens de consumo pasaron do cinco ao sete por cento, elimínanse a maioría da deducións como dependencia ou o seguro educativo, baixan um cinco por cento os gravames das empresas e unha porcentaxe similar para os que ganhan máis de cincuenta mil dólares, tamén apareceron novas tasas de terras e propiedades que se mantiñan exoneradas.

A imposición deste modelo fiscal, cando máis se ven dun ministro de economía, Alberto Vallarino, o que lle foi permitido non pagar os impostos da venda dun banco por catrocentos millóns de dólares, tivo unha ampla contestación nos sectores máis populares, co SUNTRACS, un sindicato da construción, á cabeza das protestas. Durante dúas semanas, os obreiros, na súa hora de almorzo tiráronse ao medio da rúa, a repartiren panfletos contra a reforma tributaria. O ministro de Goberno e Xustiza, fora de si nun atasco, chamou maleantes e criminais os manifestantes; un día despois detiveron a douscentos setenta obreiros, que retiveron pouco menos dunha semana na cadea.

Para evitar que este tipo de situacións se volvan repetir, a asamblea aprobou prohibir manifestarse na rúa, baixo pena de dous anos de cadea, disque a beirarrúa e único lugar onde se pode facer, nese mesmo bloque de leis -foi un tres en un- recuperaron o record policivo, que permite a todos os empresarios revisar o historial penal de calquera empregado que teñan pensado contratar, tamén incluiron nese mesmo proxecto unha garantía protransfuguismo, que impide na práctica aos partidos revocar o mandato dos seus representantes que marchan ao partido de goberno. A consolidación definitiva do poder do presidente vaise dar a finais de ano, coa fusión anunciada dos pequenos grupos de dereita co Cambio Democrático.

Unha das estratexias máis imprevisíbeis deste goberno é unha nova lei de referendun, que están a piques de aprobar, é dificil, pero coma o estado vaise gardar o dereito de convocaren ou non, e dos temas que a eles lles interese, podería chegar a ser de plebiscito; a pregunta que xa estan filtrando vai ser a aprobación da pena de morte, e abrir a selva do Darién, o pulmón de Panamá, de onde o presidente comentou, pensan extraer petróleo, dunhas supostas vetas que veñen de Colombia.

De cara afora, Panamá esta recuperando a súa posición xeoestratéxica para os intereses norteaméricanos, cando máis con Venezuela tan preto, e cunha influencia moi palpábel debido a cantidade de venezolanos que moven os seus cartos e empresas cara a república centroamericana ante a redistribución, e o modelo económico que se practica no goberno bolivariano. Desde a invasión, os gardacostas eran da mariña norteamericana, e sempre houbo esa presenza, como no intento de implantar o Plan Puebla, e bases "antidrogas" no país, este goberno solucionou todo iso pola vía rápida, anunciando a creación de once bases aeronavais, con presumíbel presenza militar do norte; salta a curiosidade que a pesares da gravidade da situación, deste derradeiro tema é do único do que case nunca falan os medios de comunicación.