A loita dos nasos


Os derradeiros cincocentos anos, o pobo Naso ven soportando as agresión de diferentes entidades imperiais ou estatais, sen embargo, é no século XXI cando se ven despoxados directamente do seu ben máis prezado, a terra; téndose que recluír lonxe do río Ter-ji, na provincia de Bocas del Toro, xusto na fronteira con Costa Rica, o seu sustento dende que esta comunidade chegou aos marxes da vía fluvial, sendo os primeiros habitantes do actual Panamá.

Fai un ano, o 30 de marzo, a comunidade de San San foi desaloxada por efectivos militarizados da Policía Nacional, cargados con equipo antidisturbios para botar a labregos de subsistencia, estes destruíron todo o asentamento, as casas dos indíxenas, a escola, e até a igrexa, a única estrutura que permaneceu en pé foi a casa comunal, tomada coma cuartel polos efectivos armados; a orde partiu da Corrixiduría (distritos policiais) de Teribe, dirixida por Aracelis Sánchez.

Cando os expulsados de San San acomodábanse fora do perímetro que protexían os uniformados, na que dúas semas atrás era o seu fogar, o 14 de abril outra comunidade próxima, San San Drui, sufriu unha operación similar, deixando sen posesión de ningún tipo a máis de 600 familias, de novo por orde da corrixidora, que non avisara en ningunha ocasión aos membros das aldeas.

O primeiro, os medios de comunicación pasaron por alto o asunto, destapándose o acontecido por un artigo de opinión dun sociólogo no Panamá América, trala denuncia, transcendeu que o motivo da orde de desaloxo foi unha reclamación de terras feita pola Ganadera Bocas, unha empresa adicada a crianza de cebú, unha vaca para aproveitamento cárnico, de propietarios colombianos.

A compañía gandeira adquirira as terras ao Estado no ano 82, durante décadas, os nasos pediran o denominación de Comarca Indíxena, o que lles permitiría xestionar e decidiren os proxectos nos seus territorios, pero o estado negoulles en reiteradas ocasións as súas demandas e nomeouno corriximento, co que no entrampado legal panameño o goberno gardábase a potestade de decidiren polas leiras.

En poucos días, tanto a Defensoría do Pobo como o Relator da ONU para América Latina levaron unha queixa o goberno e as instancias internacionais, aclarando que se estaba a violalo debido proceso incluso o desaloxalos, amais da Carta dos Dereitos Indíxenas, da que Panamá e asinataria, pasando por riba dos dereitos individuais e colectivos do pobo Naso.

As peticións da Defensoría foron desestimadas moi pronto, pois o achegárense as eleccións de maio non quería que se fixera unha utilización política do conflito que afectara os intereses do partido que o puxo nese cargo.

O organismo dependente da ONU convocou varias reunións cos nasos, e serviu como mediador co goberno antes de que este rexeitara calquera proposta do pobo indíxena; pouco tempo antes das elección, un grupo de 40 nasos con nenos incluídos, fixeron do palco da música da Praza Catedral -a 500 metros da Presidencia- e de a penas 7 ou 8 metros cadrados, a súa residencia.

Cunha evidente masificación, o grupo, liderado por Eliseo Vargas, aguantou durante semanas co apoio da igrexa católica e do Fronte Nacional por Los Derechos Sociales y Económicos (FRENADESO), un conxunto de sindicatos e movementos de esquerda.

O goberno do PRD ignorou a problemática dos nasos, e a pesares de terse creado unha mesa de diálogo, polo anterior gabinete Severino Mejía e Rafael Mezquita, e neste Jorge Fábrega e Raúl Mulino, hoxe en día ministro de seguridade, nunca houbo acordos nin posición do estado máis alá das consabidas e repetidas manifestacións de que a propiedade privada e o único que cabe conservar.

Cun novo presidente -Martinelli- apoderándose dos poderes do estado, o interese para os medios do problema naso foi diminuíndo, sen que se deixaran de organizar actos de apoio e até un festival musical e artístico o redor do palco musical onde vivían, asemade seguiron as protestas con manifestacións e encadeamentos as zonas históricas do barrio, para acadar maior visibilidade.

Cando levaban tres meses na cidade, a forza do cansazo e a fame -cabe lembrar que nas comarcas indíxenas existe unha situación económica de pobreza extrema case crónica, cando menos en termos capitalistas- a maioría das familias decidiron volver e tentar instalarse de novo aínda noutro lugar, pensando tamén nos nenos, que perderan case dous meses de escola.

Doutra banda, a poboación que ficara en San San e San San Drui, construíu un pequeno campamento, todo baixo a atenta mirada da Policía, que vixiaba a propiedade gandeira, e impedía que os indíxenas recolleran algunha das -ate fai pouco- súas posesións. A tensións deu lugar a choques, nos que chegaron a realizarse disparos das dúas partes, sen chegar a haber feridos de gravidade.

De novo en cidade de Panamá, o grupo que se mantivo a protesta na Praza Catedral, foi denunciado polo director de Política Indíxena, e desaloxados novamente para ser confinados nunha comisaría durante dous días, sen terse presentado ningunha acusación e reiterar as autoridades que non estaban retidos.

Este constituíu o derradeiro episodio público desta problemática, gardándose os acontecementos vindeiros para outras vías de información, un conxunto de grupos alternativos, de caste new age, rastafaris e hindús, organizou unha festa de 3 meses denominada Rainbow, no territorio naso; cando menos, concienciando a xente e xerando unha mínima riqueza que permitira reestruturar a comunidade.

Cando os botaron das súas terras ancestrais, a decena de vilas nasos que teñen contacto co río, levaran a cabo diferentes iniciativas para multiplica-lo turismo, como o paseo do río dende un barco; estes proxectos fixéronse só con cartos dos habitantes, sen que o Estado aportará nada, nin compensara os afectados.

Probablemente, o estado panameño será xulgado, e con moitas probabilidades condenado, máis o chegar a tres condenas de instancias internacionais que o estado ignora e sigue ignorando, e no mellor dos casos boa parte das terras do pobo Naso nunca serán as mesmas, e calquera reclamación consumirase nun mar de delimitacións e catastros de peso (polo prezo, non o valor), que os condena a vivir lonxe do río Ter-ji.