A independencia de Escocia xa non é unha brincadeira
Cando hai tres anos Angus Robertson presentou ante un puñado de reporteiros londinenses a súa tese para a independencia de Escocia, obtivo sobre todo unha cousa: risos. Na Cámara Baixa, os que se portaban ben co líder do grupo parlamentario do Partido Nacionalista Escocés (SNP) só sorrían cortesmente. O resto facíao con desprezo e até de forma maliciosa.
Agora, o político de 44 anos reborda de confianza en si mesmo. Estou convencido de que o resultado será un si", dixo a DPA. "Estamos en auxe, cunha mensaxe moi positiva, e somos unha organización forte en todos os recantos de Escocia". O optimismo é o seu traballo, pois o elocuente Robertson é tamén o cerebro da campaña do SNP en torno ao seu secretario xeral, o ministro principal escocés Alex Salmond.
Con todo, o certo é que ten motivos para mostrarse confiado. Todo Westminster treme ante Salmond, Robertson e a súa xente, pois cando os escoceses voten en referendo o 18 de setembro xa non se descarta a vitoria dos nacionalistas. A última enquisa do Instituto Panelbase revela que os independentistas están máis perto que nunca do seu obxectivo: un 47% respondería "si" á pergunta de se Escocia debería ser un país independente.
Non obstante, malia todo o optimismo que envolve ao movemento independentista, até a data ningunha das moitas sondaxes levadas a cabo deu como triunfador ao "si". Para Reino Unido, a separación desta rexión situada ao norte de Inglaterra supoñería un terremoto político. E, ademais, tería un enorme peso simbólico ante outras rexións europeas con aspiracións similares, como Cataluña e o País Vasco no Estado español.
O ministro británico para Escocia, Alistair Carmichael, teme que Reino Unido se durma coa cuestión da independencia escocesa. Neste sentido, o comediante escocés Rory Bremner deu no cravo na súa descrición dos ánimos: "Actualmente en Escocia é máis doado saír do armario que defender a unión co Reino Unido".
Por iso, non sorprende que en Westminster aumente o nervosismo. O primeiro ministro David Cameron sinalou que loitará "con todas as febras do seu corpo" para que Reino Unido se manteña como até agora. Pero o seu nervosismo fíxose patente cando mudou ao seu -até entón- ministro para Escocia, Michael Moore, polo afiado Carmichael. Non obstante, iso non impediu que a súa campaña contra a independencia caese nun erro grave tras outro.
Primeiro, o ministro de Finanzas, George Osborne, ameazou con que retiraría a libra escocesa como divisa para Escocia se esta se independiza. Pero, segundo "The Financial Times", os efectos da súa ameaza nos votantes xeraron unha "impresión significativamente fallida". Pouco máis tarde, un membro do goberno murmuraba que non había que ver as cousas así: os escoceses quizais poderían manter a libra se se mostrasen dispostos a tolerar un tempo máis as armas nucleares británicas.
Pode que as súas declaracións non estivesen tan lonxe da verdade, pois a reacción de Downing Street foi rotunda: "buscarían ao seu autor e cravaríano ao próximo farol", viñan dicir. A Angus Robertson e o SNP veulles de marabilla. "Os escoceses reaccionaron cunha mestura de enfado e diversión, así de tocado está o 'non' ", explica. A "imaxe apocalíptica" que auguran os detractores da independencia só pon de manifesto o premidos que están, engade.
O certo é que a independencia de Escocia tería máis consecuencias para o resto de Reino Unido que para a propia Escocia. Os británicos non só terían que buscar unha nova localización para o seu arsenal nuclear -con custos probabelmente millonarios pois todo se encontra até o momento en Escocia- senón que ademais habería que reformar amplas partes do Exército e perderían numerosos ingresos fiscais e dúas das súas principais exportacións: o petróleo do mar do Norte e o whisky escocés.
Texto publicado en Rionegro.com.ar