A independencia de Catalunya sob unha perspectiva de clase

Os Estados non son estruturas neutras. Certamente nelas incide a correlación de forzas, do punto de vista social e político, e, xa que logo, a súa tradución institucional, mais non deixan de ser expresión dun determinado modo de produción, o capitalista, e a loita de clases intrínseca a este. Explicou Marx que sob o capitalismo o Estado non pasa apenas de ser o “consello de administración” da clase dominante. Tamén cando este adopta fórmulas de apariencia democrática. A súa función represiva, ao servizo --claro-- dos intereses da burguesía, ten sido debullada con rigor científico pola teoría leninista, precisamente atendendo a importancia central do problema do Estado --como instrumento para exercer o Poder-- para quen aspira(mos) a unha transformación revolucionaria da realidade.
A resposta do Estado español diante do procés independentista na Catalunya é unha confirmación concreta e contemporánea desa caracterización. O problema non é (só) o goberno de Mariano Rajoy, por mais que en efecto sexa un factor relevante na súa dirección. O problema é estrutural, atinxe o deseño mesmo do réxime político español nacido da mal chamada Transición, do pacto social e político entre a dereita posfranquista, a socialdemocracia sistémica e o eurocomunismo. O Estado axe con violencia desbocada contra o pobo catalán porque a súa independencia supón abrir a porta á ruptura democrática que aquel pacto inviabilizou no 78, e tamén porque ameaza a unidade de mercado e, o que é máis importante, a unidade política de España como proxecto histórico da oligarquía española. Un desafío que o grande capital monopolista, por máis internacionalizado e globalizado que estea (que o está), non está en condicións de permitir, toda vez os Estados, como estrutura, non teñen sido inda superados historicamente como instrumento de dominación.
Para alén dos planos identitario ou democrático, ambos os dous moi importantes, no conflito España-Catalunya subxace tamén un conflito de clase. Difuso, si. Complexo e alambicado, tamén. Pero de analizarmos con certo detemento o suxeito de cada extremo da pugna, esa perspectiva de clase faise máis perceptíbel. Dunha banda, na Catalunya desenvólvese un proceso soberanista que malia a súa composición interclasista, e a participación de sectores de pequena e mediana burguesía (sobre todo na cabeza), ten un forte enraizamento popular, cun protagonismo claro das clases traballadoras e populares, sen as que a causa da independencia non tería avanzado nunca até este punto. En fronte, todo o aparello de Estado de España, que para alén da intermediación institucional das forzas do españolismo, está dirixido ao servizo e ditado do IBEX 35. Non há unha confrontación entre “pobos”. Há un intento deliberado dun Estado por esmagar a posibilidade dunha nación oprimida de se liberar e gobernar por si propia, para evitar o desgaxamento ademais dun 20% do seu PIB e un dos seus principais motores produtivos, comerciais e financeiros. Tanto para o capital privado como para a administración pública española. Cómpre lembrar que o Estado español ingresa de Catalunya o 21% do total da recadación impositiva, 70.300 millóns de euros por ano. Catalunya é, pois, tamén un grande negocio para España. Unha inxente fonte de plusvalía para a oligarquía española.
O proceso independentista que proclamou a República Catalá que está por se constituír non é un proceso revolucionario nin anticapitalista. É un proceso democrático, radicalmente democrático, e de liberación nacional, que aliás abre un innegábel espazo de oportunidade para o pobo traballador catalán exercer a soberanía que até hoxe lle furta a oligarquía española. Nese sentido, a reacción furibunda e brutal do Estado español, confirma que a vía do reclamo soberanista das nacións que o integran pola forza representa nesta altura o maior desafío –e infelizmente o único-- ao statu quo imperante. A independencia de Catalunya non vai rachar con todas as cadeas dun Estado español deseñado ao servizo do grande capital e do imperialismo. Mais está xa en condicións de abrir un dos seus elos. E xa sabemos que a fortaleza dunha cadea está na súa integridade. Batamos tamén nós nela até a tronzarmos. Non facelo é tanto como apuntalar este réxime de dominación.