A hipocrisía dos gobernos de Occidente
Estado de dereito, democracia, xustiza, liberdade de expresión... Esta segue sendo a Biblia dos presidentes dos estados europeos e dos seus amigos da outra banda do mar, ou dos mares. Cada vez que se produce unha contestación ás súas políticas, sexa este da orde que sexa, sanguenta ou non, eles sacan o seu armamento e demais aparatos do terror para castigar o mundo que non se lles somete. É a vinganza como resposta, e todas esas palabras, democracia, xustiza, liberdade, etc., convértense no contrario da súa prédica, porque non se pode responder á crueldade co ollo por ollo e dente por dente. Isto non o permite a lei que enche o verdadeiro estado de dereito. E se dela se fai burla, os que así a enterran fican, como mínimo, ao nível dos feitos que horrorizan a calquera sensibilidade.
O atentado contra o semanario Charlie Hebdo foi utilizado de forma emocional e interesada polos presidentes europeos, e no caso de Hollande, o presidente francés, co claro obxectivo de mellorar a súa depauperada e triste imaxe. Non é a primeira vez que se fai isto. O que eles chaman terrorismo (non é terrorista quen loita contra os invasores da súa patria) está sendo utilizado desde hai xa ben anos para proveito propio de grupos de presión, grandes empresas e políticos que as representan. E de paso, tamén para reprimir calquera movemento que intente mudar o estado de afrontas que estamos a recibir no económico, político e de dereitos humanos, os distintos pobos da Europa.
As últimas leis aceleradas do PP contra dereitos fundamentais das persoas, esa tortura de ter que pasar controis constantes para viaxar en tren ou avión, a persecución até nas redes sociais da liberdade de expresión, a instrumentalización da xustiza contra as persoas que se manifestan pacificamente, o uso de informes policiais ditados polos propios políticos gobernantes, o poder entregado a organismos europeos que ninguén elixiu democraticamente ... estanse impoñendo en nome de combater o terrorismo e como aproveitamento dos atentados do que se deu en chamar fundamentalismo. Como se os nosos gloriosos gobernantes non usaran tamén o nome do seu Deus (ao parecer máis civilizado), para invadir países, mudar réximes políticos, asasinar presidentes non submisos, ou torturar a presos en cárceres levados e dirixidos en alto secreto sen intervención do aparato xudicial.
Non poden falar os presidentes de EE.UU., Francia, Alemania, Reino unido ou España do terrorismo dos "outros"cando eles levaron e seguen a levar a dor e a destrución, o crime en masa, a apropiación de riquezas que non lles corresponden, o mesmo enfrontamento entre cidadáns e cidadás... a países como Libia, Palestina, Irán, Iraq, Alxeria, Malí, Sahara e un longo etc., creando ou axudando (armando) a grupos yihadistas para combater s gobernos que, gústennos ou non, se deron as nacións de Oriente. O caso de Siria, por poñer un dos últimos exemplos destas vergoñas do imperialismo segue a nos poñer os pelos dereitos, porque son centos de milleiros de persoas as que se están asasinando, coa intervención dos demócratas occidentais.
Non se combate cos medios de comunicación fundados para a propaganda e a manipulación, nen coa alimentación da ira ante un suceso dramático que todos repudiamos, aos grupos que veñen aquí en situacións determinadas a cometer os seus atropelos. Porque mentres continúen as invasións e abouros por parte dos exércitos armados por occidente, tenderán, obviamente, a defenderse e contestar do xeito máis desesperado; e, con seguridade, a multiplicar os seus adeptos. Só a autocrítica clara e contundente dos presidentes antes nomeados, e dos seus amigos animadores de empresas que sacan as súas ganancias da venda do armamento asasino, e o cambio drástico da política internacional que manteñen hoxe, rematarán con estes feitos e abrirán un futuro nos que a guerra e o atentado non terán posibilidades de se manter.
Non nos defenden os nosos presidentes declarando a guerra a quen non se somete aos seus intereses. Non nos defenden dos atentados coa política de enfrontamento continuo. Si nos defenderían practicando o respecto real á soberanía e ás riquezas de cada país sen se meter nos seus asuntos internos. Daquela, rematarían guerras e atentados. Por que non é posíbel isto? Por que nós, a maioría, temos que aturar a presidentes que nacen e se proxectan na cultura infame da guerra e da opresión? Por que, neste estado de caos masivo, os propios partidos da esquerda europea, sen excepcións, calaron ante a resposta irracional, emotiva e hipócrita planificada despois do atentado de París? Cámbiase un país, os países, ocultando as nosas propias contradicións?
Todos temos que aprender. Todos e todas temos que corrixir erros e desacertos tan perigosos, se queremos realmente a paz, a liberdade, a igualdade e o respecto entre as nacións do mundo.E temos o deber neste momento crítico da historia, e con urxencia, de poñer nos gobernos a homes e mulleres que constrúan o mundo da paz e da propia dignidade, de aquí e de calquera recuncho do mundo. E varrer cos que fixeron da política un negocio para eles e os seus amigos. E xa sabemos quen son os seus amigos.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.