A destrución de Tadmor (Palmira)

A destrución de Tadmor (Palmira)

Contemplo na pantalla a foto dos soldados sirios axeonllados no escenario do teatro romano de Tadmor, nome árabe-arameo desta impresionante cidade de Siria. Detrás deles hai outros tantos mozos moi novos armados de pistolas para asasinalos. Os terroristas gravaron este crime para lanzar ao mundo a súa macabra propaganda. E preparárono con grande solemnidade: a xente, obrigada, enchendo a cávea para asistir ao sacrificio; fondo coa marabilla das columnas do proscenio; unha especie de desfile para ir colocando as vítimas e os verdugos. Despois dos rezos fanáticos e das sentencias, os disparos e o derrubamento dos soldados do Exército Sirio. Subliño o de Exército Sirio porque noutro acto ideolóxico cruel, moita da prensa occidental, como El Mundo, ao dar a noticia, e tratando de evitar a función real dos asasinados, chamáballes "Miembros del régimen sirio".

,Non podo arrefriar a emoción de tristeza e impotencia ante esta nova bestialidade. Tamén carraxe. Mais procuro, coa análise fría, calmalas. Porque neste exemplo de tantas barbaries que seguen acendendo o mundo, únese o aspecto humano (a persoa como vítima do fanatismo), co histórico (o patrimonio como páxina imprescindíbel da historia que foron conformando os pobos), sen o cal é imposíbel a evolución e o progreso. Tadmor, a antiga, fermosa e luminosa cidade nabatea que conseguiu a súa independencia no curto reinado de Zenobia (s. III), legounos un patrimonio impresionante, dese que causa admiración e nos convida a entender como os pobos, cando son libres, son quen de facer as marabillas que despois deixan para o futuro.

O templo de Baal, do s. I, exemplo imprescindíbel para gozar desa parte máis sagrada, a cella, que en moi escasas ocasión se mantén sobre tantos séculos, foi dinamitado sen contemplacións. Lembro que cando o visitei por primeira vez sentinme tan pequeno como unha formiga. A Grande Columnata de máis de un quilómetro, coas xoias harmoniosas e intelixentes do Tetrapilon e máis o Arco de Triunfo para disimular os ángulos pronunciado da mesma, dinamitada tamén polos novos bárbaros.

Entusiasmeime cando, entre as columnas ás que Zenobia deu novo atractivo polos podios onde se colocaban as estatuas de quen sufragaban a obra; entusiasmeime, digo, ao ver outro templo ao estilo do de Baal, pero moito máis pequeno: o templo de Baalshamin, construído no s. II. Conservaba tamén a cella, pero máis enriquecida se cabe, polos nichos onde se situaban as esculturas de tres deuses palmirenos de grande culto: Aglibol (deus lunar), Baalshamin (deus do ceo) e Malakbel ou Iargibol, que era o deus do sol. Os seus símbolos, obviamente, ademais do sol e da lúa, levaban a aguia. Salváronse da destrución algúns relevos que os representan, verdadeiros acertos da escultura palmirena. E non sei se tamén o altar exterior onde se facían as ofrendas e os sacrificios.

,Non podo tampouco esquecer monumentos e artefactos fundamentais cos que a cultura nabatea personalizou a obra de inspiración grega ou romana. Falo do Val das Tumbas, deserto puro ao leste da cidade, con enormes torres funerarias que gardaban preciosas obras da escultura e mesmo da pintura. Resaltaban tres delas principais: a Torre de Elahbel, a de Hamblique e a de Kithot. Nas meniñas dos meus ollos, permanece aquela dama ao estilo romano que, apoiada nun triclinio, mostraba unha rola na palma da man. Hoxe son tamén escombro.

E o enorme león da deusa Al-lat, do s. I a.C., estatua de case catro metros de altura que apertaba unha gacela entre as súas patas. Unha escena entre a tenrura e esa resistencia do pacifismo cultural a mostrar a crueldade da fera. Estaba no xardín do museo e foi esnaquizada. Tamén outras pezas importantes que non se tiñan agachado. Para saber onde se esconderan , os terroristas raptaron ao director do sitio arqueolóxico de Palmira, Khaled al Asaad, de 82 anos, e durante un mes torturárono seguido até rematar degolándoo ao pé do Arco de Triunfo.

É obvio que o peor mal do mundo será o que ataque de calquera xeito as persoas. Pero tamén o é aquel que destrúa os vestixios e artefactos que o traballo e a arte dos pobos vai deixando como testemuña do seu paso. Tadmor nunca máis será a mesma. O dano causado resulta inconmensurábel. É a barbarie dos desalmados, diremos. Pero a preocupación máis profunda, neste momento, sería preguntarse polas causas que están levando a esta situación que incide gravemente nos pobos e nas culturas do mundo. E Occidente, a OTAN e os imperialistas de sempre, que responsabilidades teñen nela? Seguirán ano tras ano de xeito non menos cruel invadindo e roubando pobos como se este fose o xeito normal das relacións cos países máis ricos pero máis empobrecidos?

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.