A desestabilización de Mali e a xénese do estado azawí

En artigos anteriores tratamos, de xeito global e dialéctico, a problemática da chamada primavera árabe e as súas posibles consecuencias, tratando de previr contra o simplismo baseado na construción de valoracións apriorísticas, entusiastas ou prometedoras, acerca de movementos sociais complexos e de imprevisibles e moi custosas consecuencias para a rexión e o mundo. Unha práxis común entre os analistas occidentais ven sendo a de establecer un conxunto limitado de un síntomas para calquera situación e, a partir deles, crear unha proxección hipotética futurible dos seus resultados na que se adoitan confundir desexos con posibilidades efectivas. Unha especie de exercicio banal e solemne, cando non manifestamente inútil, que enche as páxinas dos xornais e nutre a ese ídolo da banalidade contemporánea chamado curriculum ao que moitos lle sacrifican os seus afáns e ata a súa capacidade de entendemento.
Nin todas as condicións e circunstancias orixinarias eran as mesmas, nin os problemas a solucionar ou superar tampouco, nin nada determinaba que unha vontade común tivese que dar como resultado a consecución de acontecementos e resultados idénticos e non diversos entre si. Moito máis tendo en conta as forzas e vontades exóxenas que tratan de incidir na orientación e o sentido do que sucede na busca de intereses ou beneficios propios e particulares; unha actitude moi propia das estratexias con vontade hexemónica que hoxe se multiplican nun universo político crecentemente interactivo. Polo que xa algúns se apresuraban, dende o inicio, a sinalar un fin para esa conflitividade que iluminaría un futuro político estable, democrático e próspero. Coma se as palabras por si mesmas, lonxe da súa rica ambigüidade, puidesen encarnarse en realidades predicibles, concretas e definibles.
Un dos puntos máis relevantes deste proceso desembocou na guerra civil libia na que a participación militar e os condicionamentos xeoestratéxicos provocados pola OTAN influíron moi decisivamente no resultado final do proceso sen resolver ningunha das problemáticas que aniñaban na orixe do conflito. Un estado carente de estrutura e cohesión social, economicamente rico, articulado ao redor dun liderado mesiánico e protagonista de enfrontamentos aínda non esquecidos cos Estados Unidos e o mundo occidental propiciaba unha boa ocasión para favorecer un intervencionismo preventivo e corrector que servise como ameaza para a tendencia xeral a unha sublevación popular que ameazaba con estenderse. E, de paso, a ocasión para castigar a ousadía de Muamar El Gadafi e conseguir hipotéticos beneficios nunha reestruturación do sistema de aproveitamento dos importantes recursos enerxéticos da zona. O conflito escenificado entre os leais a Gadafi e os partidarios do chamado Consello Nacional de Transición esconden tras de si non poucos conflitos intertribais e territoriais, enfrontamentos étnicos e raciais e disputas entre potencias por unha incidencia hexemónica na zona e deu pé ao nacemento da nova República de Libia, despois da sanguenta derrota do exército da Yamahiriya gadafista.
O 20 de outubro de 2011 era asasinado o presidente libio. Tres días despois, o Consello anunciaba o fin da guerra e o 28 do mesmo mes a ONU poñía fin solemnemente ao conflito. Froito imprevisto e indesexado desa guerra é, de seguida, a revolta dos tuaregs en Mali, iniciada en xaneiro deste ano.
O CONTEXTO AMAZIGH
No sudoeste do territorio libio aséntanse, nunha zona hoxe marxinal dentro do estado, os tuaregs, unha etnia de orixe bérber, cuxa poboación se estende tamén por terras de Alxeria, Mali, Burkina Fasso e Níxer, ocupando estas rexións do deserto dende moitos séculos antes da constitución do mapa dos estados africanos contemporáneos. Partes dunha mesma experiencia que os levou a sufrir as consecuencias tanto do desenvolvemento do colonialismo coma do arbitrario proceso de descolonización, por igual. Unha situación que supuxo a ruptura da súa confederación tribal, hoxe representada en certa medida polo Congreso Mundial Amazigh, e a descomposición das súas estruturas parenterais e sociais, afectadas pola creación das novas fronteiras.
Esa situación deu como resultado o establecemento dun clima sociopolítico favorable ao enfrontamento e á revolta que tivo os seus episodios máis significativos na guerra levada a cabo contra os franceses nas marxes do río Níxer entre 1914 e 1916; e os enfrontamentos armados sucesivos que protagonizaron contra Mali e Níxer, reiterados en diferentes ocasións entre 1963, a data do primeiro, o período 1990-1995 e o de 2007-2009. En todos os casos, saldados coa derrota dos sublevados tauregs, e co resultado de miles de mortos, desprazamentos masivos de refuxiados e sucesivos tratados de paz sempre parcialmente incumpridos e que non abordaban a esixencia principal: propiciar algunha fórmula de autogoberno ou, en todo caso, asegurar a liberdade de circulación polas diferentes fronteiras para este pobo de orixe nómade e ligada sempre ao comercio caravaneiro de carácter transahariano. Eles eran os principais guías e negociantes nas diferentes rutas que posibilitaban o comercio entre as cidades mediterráneas e os pobos da negritude, facendo do Sahara unha continua pero perigosa terra de paso.
Dentro desta etnia, os tuaregs de Libia eran os que, como consecuencia do elevado nivel de vida do que gozaba o país pola explotación dos recursos petrolíferos, gozaba dunhas mellores condicións de vida e dunha estabilidade que se evidenciaba na ausencia de conflitos co seu ámbito e na adhesión, máis tácita que explícita, que manifestaban ao réxime gadafista. Un apoio que se reforzou e concretou na creación dunha forza militar de apoio, identificada pola prensa occidental como soldados mercenarios, que combateron en favor do goberno da Yamahiriya e contribuíu a prolongar a súa loita. Este continxente de nova recruta, que sufriu igualmente que o resto dos combatentes gadafistas os ataques e bombardeos do exército da OTAn, estaba composto por tuaregs procedentes dos diferentes países da zona e supoñía o recoñecemento a un trato especial entre os estados nos que se asentan. Unha axuda armada e aguerrida que algunha prensa marroquí. sempre interesada nunha política de desinformación ao servizo dos seus intereses de estado, e algúns columnistas españois non dubidaron en identificar como saharauís nun intento por desacreditar e comprometer a loita destes e debilitar a súa capacidade militar, sinalados como aliados de Saitán Gadafi e de Al Qaeda, no eixo do mal. Aínda espero, porque son así de inxenuo, calquera rectificación procedente desas fontes ben informadas, algunha delas de orixe galega, en relación cun erro tan groseiro como malintencionado.
A GUERRA DO AZAWAD
Os enfrontamentos armados entre as forzas do Consello Nacional e os tuaregs no sur de Libia nos últimos días de setembro de 2011 que trataban de pechar o lugar de paso polo que fuxían algúns partidarios do réxime en descomposición e moito armamento procedente dos arsenais da guerra a punto de rematar e que se saldou cun acordo de alto o fogo, significou o inicio dunha nova serie de acontecementos na rexión situada máis ao Sur. Combatentes e armas concentráronse na zona para incrementar a capacidade armamentística dun territorio no que xa circulaban as que Qatar facilitara ás células de Al Qaeda, nun episodio denunciado pola Libia gadafista, e as que a CIA entregaba a quen os fustrigaban ou atacaban e perseguían os refuxiados procedentes de Libia, impedindo a súa reorganización. É nese mesmo contexto no que se produce a constitución do MNLA (Movemento Nacional de Liberación do Azawad) integrado maioritariamente por tuaregs combatentes procedentes da Guerra de Libia, exguerrilleiros protagonistas das últimas revoltas, militares desta etnia desertores do exército de Mali e rebeldes de diferente orixe e antecedentes dentro da rexión (fulanis, mouros ou shongais); e entre os que, a prensa occidental, sitúa aos integrantes das diferentes células islamitas sen precisar nin cuantificar o seu verdadeiro protagonismo. Unha forma de desacreditar o valor primixenio dunha reivindicación que proclama como o seu primeiro obxectivo a creación dunha "república democrática e independente" no Azawad.
Pola prensa coñecemos, tanxencial e tardiamente e en función do seu éxito sen paliativos, o desenvolvemento dun conflito iniciado en xaneiro de 2012 que provocou o desprazamento de 50.000 civís refuxiados e que non conseguiu atraer a atención dos nosos perspicaces informadores de prensa nin das empresas que os alimentan ata a práctica desintegración do estado maliense por un chamado golpe de estado que derrocou ao presidente Amadou Toumani Touré e creou un Comité Militar de carácter provisional ante a incapacidade demostrada polo estado para dirixir unha guerra da que xa se aceptaba e asumía a inminente derrota. O rexeitamento ante este ataque á lexitimidade institucional por parte da Unión Africana tivo tivo como consecuencias a instauración dun breve interregno caracterizado por un baleiro de poder e a tardía restauración da legalidade na persoa do presidente do Parlamento e novo mandatario Dioncounda Traoré. Entre o 20 de marzo e o 13 de abril establecérase unha loita política interna que non fixo senón acentuar e acrecentar o rotundo fracaso no plano militar.
,Aínda que os enfrontamentos se viñan producindo dende o mes de xaneiro tan só o 23 de marzo, unha vez producido o levantamento militar contra o goberno de Mali, o diario "O País" publicou o seu primeiro artigo acerca do conflito, elaborado en Madrid, e titulado "La primavera árabe hace rebrotar la rebelión tuareg" para, menos de dous meses despois, o 15 de abril, ironizar, dende outro texto elaborado na zona de conflito, dende Madrid, sobre o feito de que "Los tuaregs ponen puertas al desierto" e comentando das súas aspiracións retrógradas e antihistóricas os proclama "convertidos al nacionalismo decimonónico con dos siglos de retraso" en palabras do seu redactor e analista Javier Valenzuela. Unha frase que ben podería cualificarse de antolóxica se na Europa do século XXI os intereses xerais (que non os de grupo) terían triunfado sobre as estratexias políticas dos estados a nivel internacional e se o grao de representatividade de España ou Francia fose semellante ao de Córsega, Bretaña, Galicia e Catalunya, proxectos comúns nun marco harmonioso e sen conflito. Parecería que se os tuaregs ancorasen no século XIX o articulista voase no seu imaxinario ata o XXII ou XXIII.
Unha situación de facto que estableceu o dominio dos tuaregs sobre unha vasta rexión do norte de Mali delimitada por Tessalit e Tinzawatene na fronteira alxeriana e as cidades de Tombuctú e Gao na marxe setentrional do río Níxer. E que, despois de aceptada a creación de Sudán do Sur e a súa ruptura do mapa procedente da descolonización, deixa as portas abertas á constitución dun novo país, por agora rexeitado por toda a comunidade internacional. É máis, a satanización da súa hipotética alianza con AQMI presaxia a oposición decidida dunha boa parte das democracias occidentais máis predispostas a posicionarse que á busca de solucións operativas. Estaremos diante dun novo horizonte de guerra global?
A incógnita abre novos interrogantes e incide sobre o futuro dunha rexión en permanente tensión dende o comezo do século pasado, Porque, ao meu entender, non está determinado se a evolución deste conflito incide nin de que xeito ou en cal sentido sobre os tres importantes puntos de fricción vivos nesta área do deserto sahariano: o posible enfrontamento entre os dous estados sudaneses polo control do petróleo; a capacidade de acción dos grupos islamitas radicais na súa defensa dun discutible purismo relixioso, identitario e primixenio; e a reivindicación do exercicio dos seus dereitos políticos e cidadáns polo pobo saharauí no contexto dunha continuada esixencia independentista. Todas as tres abertas a unha posibilidade de futuro aínda por decidir e concretar.
----------------------------------------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
----------------------------------------------------------------------------------------------