A cultura galega na Feira do Libro e Disco Vasco de Durango

A cultura galega na Feira do Libro e Disco Vasco de Durango

Entre os pasados 4 e 8 deste mes ven de celebrarse na cidade Durango a Euskal Liburu eta Disko Azoka (Feira do Libro e Disco Vasco) que foi inaugurada por Antón Reixa, xa que este ano a cultura galega foi a invitada. Non entro aquí si escolleron ou non a persoa mais idónea para representala, pero é de agradecer que sendo un país sen estado, coa súa cultura tamén oprimida, se solidarice coa nosa que é perseguida incluso polos organismos oficiais da súa propia terra e o seu idioma incriminado nos medios de comunicación.

Esta feira, organizada pola asociación Gerediaga elkartea, non é o mesmo que as feiras do libro convencionais que se celebran nos diferentes pobos de Euskal Herria, e tamén en Galiza, ao longo do ano. Neste caso trátase dunha única feira nacional e anual que serve de punto de encontro aos diferentes sectores que traballan dentro do mundo cultural en lingua vasca. Foi medrando cos anos e foi evolucionando con mais editoriais, librerías e distribuidoras. Este ano contou con 434 novidades editoriais e discográficas en 274 postos que ocuparon mais de 850 metros cadrados e polos que, malia a crises, nestes catro días pasaron mais de cento trinta mil visitantes e os diferentes medios de transporte público tiveron que incrementar as súas frecuencias para dar abasto aos visitantes.

A Azoka, como se lle coñece popularmente, xurdiu en 1965 cando a asociación Gerediaga elkartea da localidade veciña de Abadiño, coa axuda da Deputación de Bizkaia, empezou a expoñer as novidades de libros e discos vascos no pórtico da igrexa de Santa María de Uribarri de Durango os días 30, 31 de outubro e o 1 de novembro de ese ano, retomando deste xeito a exposición de libros vascos que entre os días 1 e 8 de setembro de 1935 se levou a cabo no Pazo de Deputación de Araba organizada polo grupo Baraibar, filial de Eusko Ikaskuntza. No primeiro ano solo contou con doce estantes para libros e dous para discos. Nese pórtico seguiu expoñendo até que no ano 1974 o Gobernador Civil, Fulgencio Coll de San Simón, lles prohibiu expoñer alí. Desta prohibición saíu beneficiada xa que ese mesmo ano foi trasladada a Praza do Mercado de onde pasa, en 1996, a unha gran carpa instalada nos terreos que mais tarde ocuparía o pavillón Landako Erakustazoka, construído expresamente para elo e onde se ven celebrando desde o ano 2003 en que foi inaugurado. A partir do ano 1980 empezouse a realizar na primeira quincena de decembro e nela expóñense as principais novidades editoriais e musicais que se produciron en éuscaro ao longo do ano.

Durante a Feira celébranse presentacións de libros, discos, audiovisuais e conferencias sobre diversos temas; entréganse premios como o Argizaiola, establecido en 1992 para o recoñecemento as persoas e institucións que realizaron labores relevantes en favor da cultura e a lingua vasca, así como outros tipos de actividades culturais.

Dixo Gabriel Aresti que as manifestacións da cultura na mesma base son as que teñen verdadeira importancia e foi unha pena que a presencia da nosa cultura fora tan institucional e non invitaran a organismos populares de base ou asociacións culturais, coas que tampouco conta o Goberno da Xunta e... así nos vai!. Non entendo tampouco como os organizadores non tiveron en conta as verbas de Aresti e prescindiran desas bases, xa que a nosa cultura soamente estivo representada por AGADIC, integrada en CULTURGAL, que contou con unha ínfima exposición do libro e disco galego, a Caixiña dos mixtos, que tivo bastante aceptación entre os nenos, e un elenco de vintecinco profesionais e artistas que tiveron mais repercusión nos medios de comunicación que entre o público asistente, ante o que pasaron bastante desapercibidos.

Onde non se notou tanto esa institucionalización foi na conferencia que, utilizando integramente o noso idioma, deu o profesor galego afincado en Euskal Herria, Xosé Estévez, sobre o Galeuzca político que, ao seu entender, deu pé a que nacera logo, en 1984, o Galeuzca literario do que, no mesmo acto, o Presidente dos Escritores Vascos, Fito Rodríguez, fixo unha breve historia e a continuación proxectouse o documental A vontade é a ponte, sobre o Galeuzca dos escritores que se celebrou en Lekeitio no ano 2000. O día 8 Ugía Pedreira pechou a Feira con un concerto xunto a Fred Martins e Mikel Urdangarin.

A Euskal Liburu eta Disko Azoka de Durango, que conta co apoio dos organismos oficiais, é un xeito de facer país e de unir a xente entorno ao seu idioma e a súa cultura, dándolle o valor e a auto-estima que merece para sentirse orgullosos dela, non como os nosos gobernantes que poñen de Valedor do Pobo a personaxes que, polo seu odio ao noso idioma, son capaces de censurar un libro e incluso eliminaría o primeiro parágrafo do artigo quinto do Estatuto de Autonomía por dicir que "A lingua propia de Galicia é o galego". Seguro que para eles o idioma galego debe ser unha cousa nova que inventamos os nacionalistas aproveitando a democracia que nos deron e abusando da boa fe de todos os españois, por iso soen dicir que os galegos non o sabemos falar ben e deben ser os rusos ou os chineses os que mellor o dominan. Que cruz a nosa!