A CPLP: expresión económica e política internacional da lusofonía (IV)
Unha das maiores debilidades que presenta a CPLP é a fraqueza dos intercambios económicos e comerciais entre os seus diversos compoñentes. Esta debilidade leva a algúns analistas a expresar serias dúbidas sobre a viabilidade real da CPPL como ente significativo no panorama internacional e a súa imposibilidade de xogar algún papel fóra do seu ámbito. De non conseguir formar un entramado económico e comercial, a fortaleza brasileira non será suficiente por si mesma para facer da CPLP un actor no teatro internacional.
O caso de Portugal é paradigmático en canto ao fraco nivel de intercambios económicos e comercias na área lusófona africana. Segundo datos do Banco de Portugal, o investimento directo bruto de Portugal no Timor e nos países africanos da CPLP atinxiu a cantidade de 145 millóns de euros no ano 2001. O investimento caeu nos dous anos seguintes, cun mínimo de 75 millóns de euros no 2003, e aumentou de maneira ininterrompida ate o 2008, ano no que se acadou unha cifra de 977 millóns; xa no 2009 o investimento caeu o 27,2 %, quedando reducido a 711 millóns de euros, representando a penas o 8,3% do total do investimento portugués no estranxeiro. Na actual situación de crise, é moi probábel que no 2011 continúe diminuíndo o investimento.
Se ben é moi importante o incremento porcentual do 400% no período 2001-2009, as cantidades investidas son aínda pouco significativas. Un outro factor negativo é que o 78,5% do total son investimentos dirixidos a un só país, Angola. Mozambique co 20,2% e Cabo Verde co 1,2% son os seguintes países máis beneficiados. Para o conxunto de Guiné-Bissau, São Tomé Timor, queda o restante 0,1%.
Por sectores económicos, o investimento portugués está centrado na construción (46%), nos servizos financeiros (28%) e no comercio(18%). A totalidade dos demais sectores recibe unicamente o 8% dos investimentos directos brutos.
A Unión Europea e os Estados Unidos concentran a maior parte dos intercambios comercias de Portugal. Co todo, nos últimos anos rexístrase un incremento do intercambio cos países da África lusófona pasando 3,5% do total en 2005 ao 8,5% en 2009.
Cabo Verde e São Tomé son os dous países con maior intercambio comercial coa antiga metrópole. Cabo Verde exportou no 2008 mercadorías por un valor de 102 millóns de euros, sendo o 30% desta cantidade con destino a Portugal. As importacións caboverdianas nese mesmo ano alcanzaron un total de 880 millóns de euros, procedendo de Portugal o 41% do seu valor. No que a tinxe a São Tomé, Portugal é o destino do 4,10% das súas exportacións, e a orixe do 63% das importacións.
En termos porcentuais do seu comercio exterior Cabo Verde e São Tomé son sos dous estados que manteñen maior relación comercial con Portugal, pero son tamén os países, xunto con Guiné-Bissau, co intercambio exterior global máis baixo medido en cifras absolutas .
Unha evolución moi positiva estase a observar nas relacións económicas e comerciais entre Portugal e Angola. No ano 2007 houbo importacións angolanas de Portugal por un valor de 1.210 millóns de euros, pasando no 2009 a 2.246 millóns equivalentes ao 7,65% do total das exportacións portuguesas. O negativo desta situación é que as importacións portuguesas de produtos angolanos son practicamente inapreciábeis.
A relación económica e comercial brasileira cos países da CPLP non é cualitativamente moi diferente da portuguesa, se ben hai importantes diferenzas cuantitativas derivadas das respectivas economías. Non obstante, no caso brasileiro obsérvase un forte e rápido incremento económico e comercial continuado e unha vontade política de avanzar na consolidación da CPLP tamén nos seus aspectos de integración económica. Por poñer só un exemplo: as exportacións mozambicanas ao Brasil no ano 2006 non chegaron a 1.000 euros!. No 2008, o intercambio comercial xa era de 20 millóns de euros e no 2009 acadouse a cifra de 97 millóns. Este incremento comercial é moi asimétrico, pois no 2009, a penas 1,9 millóns de euros eran exportacións de Mozambique para o Brasil.
Tampouco son especialmente significativos os intercambios entre Brasil e Portugal. As exportacións de Brasil a Portugal descenderon de 1.233 millóns de euros no ano 2006 a só 887 millóns no 2009, representando neste ano o 1,7% do total das importacións portuguesas.
É pois certo que os intercambios económicos son aínda bastante reducidos, tanto no conxunto da CPLP tomada como un todo, como no caso de cada País examinado individualmente.
Agora ben, o estado actual dos intercambios e o seu lento incremento - se o consideramos en termos de porcentaxe sobre o total das economías de cada un dos seus integrantes -, non debería facernos esquecer os importantísimos recursos enerxéticos, minerais e naturais con que conta o conxunto da CPLP. É indubidábel que a medio prazo os intercambios e os investimentos directos vanse incrementar considerabelmente, tanto pola necesidade de desenvolvemento interno dos propios países como pola demanda procedente de aqueles outros parceiros máis dependentes de materias primas externas.
Non é casual a crecente demanda de afiliación -como observadores- á CPLP por parte de países non lusófonos. Demandas que proveñen de África (Guinea Ecuatorial, Marrocos, República de Mauricio, Senegal), de América (Canadá, Uruguai, Venezuela), de Asia (Filipinas, Indonesia, Nova Celandia) e de Europa (Andorra, Croacia, Romanía, Ucraína).
Hai aínda un numeroso grupo de Países que sen querer integrarse na CPLP, están moi interesados en penetrar economicamente no seu espazo. Este interese comezou xa moito antes da súa creación e, na realidade, o longo espazo de tempo transcorrido desde a independencia das colonias ata a constitución da CPLP facilitou a penetración a estes países en sectores económicos moi diversificados.
Se exceptuamos ao Mozambique, a África lusófona está dentro dunha zona - a África occidental - que é considerada estratéxica polos sucesivos gobernos franceses. Francia mantivo, e mesmo reforzou, os intereses económicos, militares e culturais coas súas numerosas ex-colonias e moi especialmente coas situadas na costa atlántica. Nesa área creou zonas económico-monetarias, estableceu numerosos acordos militares e puxo en práctica unha forte e "agresiva" política cultural. Consecuencia desa política, Guiné-Bissau é desde 1997 un dos oito estados membros, e o único non francófono, da Unión Económica e Monetaria da África Occidental, impulsada por Francia e moi ligada económica e financeiramente aos intereses franceses. Angola e São Tomé son tamén obxectivos prioritarios na política de expansión da influenza económica en África. Pola súa parte, Angola, Cabo Verde e Guiné-Bissau contan con potentes centros culturais franceses que se aproveitan do, aínda, escaso apoio e presenza portuguesa s .
No caso de Mozambique, é o Reino Unido a potencia europea interesada en sumar este País á súa rede neocolonial. Rodeada por países anglófonos, Mozambique é membro da Commonwealth desde 1995.
Alemaña está especialmente interesada na penetración económica no sur de Angola e no norte de Mozambique, zonas fronteirizas coas súas ex-colonias de Namibia e Tanzania.
África do Sur pretende ser a gran potencia económica da África Austral, englobando a Mozambique e Angola na súa área efectiva de influenza. Ten feito bastantes avances nesta dirección con Mozambique; máis difícil teno con Angola, que pretende disputarlle aos sudafricanos, a medio prazo, o papel de líderes na rexión.
A India, o Xapón e o mesmo Estado español teñen dado tamén abondosas mostras de interese nos países CPLP. No caso español, Angola, Cabo Verde e Mozambique son obxectivos preferentes, con atención especial aos caladoiros de pesca.
Non hai que esquecer tampouco a disputa, non por silenciosa menos agresiva, que chineses e estadounidenses libran en África para garantir o subministro de materias primas ou para ocupar asegurar a súa influenza en espazos xeoestratéxicos, disputa que afecta de cheo aos países de CPLP.