A batalla arxentina contra os «fondos voitre»
Teño un amigo que ten unha débeda cunha compañía telefónica de 130 €. Negouse a pagar porque lle parecía que non fixera esas chamadas e, aos poucos meses, unha compañía privada, que non era a telefónica, o chamou para que pagase e, nove meses despois, escribiulle un despacho de avogados reclamándolle a débeda.
A débeda do meu amigo, por incobrábel para a compañía (sen traballo e inmigrante africano), foi vendida á compañía privada por debaixo do seu valor, seica por 30 euros, e vendida despois ao despacho de avogados asturiano por 10 €. A débeda segue a ser a mesma, 130 €, e todos gañan. A telefónica porque, en lugar de perder 130, perde só 100. A compañía privada que merca a débeda gaña 100 e o despacho de avogados 120, iso si, a futuro. Por suposto é altamente arriscado a compra destas débedas de particulares, porque os particulares quebran… pero os Estados non.
Este exemplo “micro” podémolo trasladar a “macro” coa compra de débeda exterior soberana de países con problemas de liquidez, principalmente latinoamericanos e africanos. A débeda externa de Latinoamérica foi unha apetitosa enchente para os fondos que desde Estados Unidos e Europa mercan débeda externa por menos da metade do seu valor nominal.
A débeda exterior de Latinoamérica é impagábel. Ben dicía Fidel nos anos oitenta: «Fixen todos os cálculos, estudei todas as variantes e, a partir da magnitude desa débeda, no seu conxunto e individualmente en cada un dos países, chego á conclusión de que non se pode pagar, nin no seu conxunto nin case ningún dos países- Sería excepcional o país que a puidese pagar; pero diría realmente que ningún pode pagala nas actuais condicións, así, literalmente: México non pode pagala, o Brasil non pode pagala, a Arxentina non pode pagala, o Uruguai non pode pagala.»[1]
A «prea» arxentina alimento dos voitres
Distressed debt ou «fondo de situacións especiais» é o termo eufemístico que usan estes «investidores» estadounidenses e europeos en débeda soberana, que rexeitan o termo Fondos voitre, acuñado pola presidenta arxentina Cristina Fernández cando o buque escola arxentino, o Libertad, foi retido en Ghana cunha orde de embargo deses fondos en outubro de 2012.
Mentres as compañías e os particulares quebran, os Estados non poden «pechar». Así, a débeda soberana arxentina chegou a mercarse ao 20% do seu valor nominal . Pero a compra de débeda arxentina (ou latinoamericana) a eses prezos non é un asunto recente, senón dos anos 80 e 90, e a intención de facela efectiva polo seu valor nominal, que non de compra, si é actual.
O fondo voitre estadounidense Dart Container esixiu o pagamento de 493 millóns de euros, vía xudicial, contra o Estado arxentino, pero os tribunais de New York, lugar elixido para dirimir estes asuntos, fallaron consecutivamente a prol do Estado arxentino, tanto así que chegaron a fallar que era ilícito mercar débeda coa intención de litigar contra ela[2].
O caso arxentino é o mais rechamante, non porque non haxa débeda externa soberana doutros países en fondos estadounidenses ou europeos ou países máis endebedados, senón porque o «mundo civilizado» pretende amansar a fera de Cristina e o seu ministro de economía Axel Kiciloff.
Para que nos fagamos unha idea da masa da débeda arxentina con respecto á débeda doutros Estados e a porcentaxe do PIB que representa, cómpre dicir que esta ocupa o posto 40 na escala mundial[3] e representa só o 17,9% do seu PIB. Os 25 primeiros Estados da lista coa débeda , considerada só na cantidade, corresponden ao mundo industrializado. No primeiro, lugar sobresae Estados Unidos sendo o 106 do seu PIB. Nun destacado 9º lugar atópase o Estado español, cunha porcentaxe de débeda con respecto ao PIB do 167%.
As frías cifras non fan máis que confirmar que, ademais de débeda, existe unha intencionalidade retorcida en manter os de «abaixo» no mesmo lugar para que os de «arriba» sigan mandando e ameazando.
[1] 1. 1985 La deuda externa. Selección de textos de Fidel Castro, feb-sept.1985. Publicado en: Cuba, 1ª. ed., Oficina de Publicaciones del Consejo de Estado, 1985; Venezuela, Editorial Pomaire, 1986; Brasil, L&PM Editores, 1986.
[2] (N.Y. JUD. LAW § 489: NY Code – Section 489: Purchase of claims by corporations or collection agencies)
[3] http://www.diariobae.com/notas/1250-buscan-cerrar-acuerdo-con-el-club-de-paris-y-abrir-entrada-de-dolares.html