22+29+35+44+56 = 1


Aquí estou un ano máis a estas alturas do verán a gozar do meu retiro anual na Bretaña, sen o meu querido dicionario de sinónimos, sen corrector ortográfico e, sobre todo, con este horríbel teclado azerty sen eñe (letra igualmente indispensábel para escreber en bretón...).

Mais, para alén das miudezas das miñas queixas a respeito destas pequenas incomodidades persoais, o país onde estou áchase sob a ameaza de se ver sacudido polo auténtico terremoto do proxecto de lei da contrarreforma territorial adoptada pol@s deputad@s o 23 de xullo de 2014 que fará que, partir do 1 de xaneiro de 2016, o número de ‘rexións’ administrativas pase de 22 a 13.

A intención por parte do Estado francés non é outra do que teimar no seu empeño de quitar o xa baixísimo grao de descentralización que se tiña conseguido para voltar a un estado ultracentralizado, reducindo aínda máis o papel dos capados Consellos rexionais fantoches sen competencias que xa carecen de autonomía lexislativa. Neste particular, como tamén no caso dos partidos españois, existe unha conivencia entre os partidos xacobinos franceses, quer sexan de (ultra)dereitas, quer sexan de centrodereitas (négome a honrar os criptosocialistas do P‘S’F co epíteto de ‘de esquerdas’), pois o voto favorábel á remodelación territorial transcende as diferenzas ideolóxicas tradicionais.

Facendo memoria, a partilla da África por parte do neoimperialismo europeo e a Conferencia de Berlín culminaron en 1884 nunha repartición do continente entre os diferentes estados colonizadores europeos segundo os seus proprios intereses económicos e sen tomaren en conta a composición étnica, lingüística ou cultural dos pobos africanos, criando este mapa tan absurdo que aínda hoxe perdura con fronteiras rectilíneas inhumanas que non respeitan as comunidades e as persoas. En grande medida, son estas divisións coloniais absurdas impostas desde fóra, e non un suposto carácter inherente das ‘sanguinolentas e salvaxes tribos negras’, as que provocaron –e seguen a provocar– guerras civís e auténticos xenocidios, como nos casos do Sudán, do Ruanda, ou do Malí. Do mesmo xeito tamén, o conflito que aflixe a Irlanda e a denominada ‘violencia interétnica’ non son froito dun odio visceral histórico entre as dúas comunidades relixiosas que os altruístas ingleses se afanan en separar para manter a paz, mais a consecuencia directa da colonización e repartición da illa por parte destes mesmos imperialistas ingleses.

,Infelizmente, as cousas non mudaron moito desde o século pasado, e aínda hoxe o Estado francés segue empeñándose no mesmo, fiel ao seu sempiterno designio neocolonialista uniformizador, xa non só exterior, nos seus dominios de ultramar desde o Tahití no Pacífico até San Pedro e Miguelón no noroeste do Atlántico, pasando por Kanaky (Nova Caledonia) no Trópico de Capricornio e a Guiana na América do Sul, mais tamén no interior, desde a Bretaña até a Córsega, pasando pola Occitania e a Alsacia. O goberno francés procura aniquilar cultural e lingüisticamente os pobos sobre os que manda e impera para, en definitiva, destruír o seu carácter nacional, paso previo sine qua non para erixir sobre os entullos o mito da ‘nación francesa’ tornada forzosa realidade, obxectivo polo que devecen por igual tanto Sarkozy no seu día como, hoxe, Marine Le Pen e o tándem Hollande-Valls.

Nesta mesma liña vai o actual proxecto de reorganización administrativa territorial, ao reagrupar as 22 ‘rexións’ actuais, xa de por si carentes de coherencia interna. Non existe, por exemplo, ningunha ‘Rexión basca’, con Ipar Euskal Herria integrado dentro do Departamento dos Perineos-Atlánticos xunto cunha parte da Gascuña, á súa vez integrado dentro da enorme rexión da Aquitania. Coa reforma, @s basco@s baixo dominio francés acharanse efectivamente asfixiad@s na nova rexión fusionada que vai atinxir unhas dimensións totalmente inhumanas, con 5.939.377 habitantes espallad@s sobre case 85.000 km ao xuntar a Aquitania, o Limusino e o Poitou-Charentes.

Non hai, pois, que pecar de inxenu@s: se ben, á primeira vista, podería aparecer como un arrebato aleatorio, como se algún ministro dese un mapa e un par de canetas hidrográficas e un paquete de lapis de cera a un pícaro, a verdade é que nada do que fan os amos para manter encadeados e calados os seus escravos é froito do azar. No caso da Aquitania en concreto implica, entre outras cousas, encaixar amplas zonas tradicionalmente da lingua d’oc cunha zona onde predomina sobre todo unha lingua d’oïl (pictavo-sántone) para alén, claro está, do francés, lingua con que esta está estreitamente emparentada, á diferenza das variedades occitanas.

E que hai da Bretaña? O título deste artigo recolle a consagrada consigna que plasma a vontade de reunificación da Bretaña histórica, similar á divisa tradicional basca Zazpiak Bat (‘As sete [Provincias son] unha’), onde cada número representa un departamento administrativo que, dito sexa de paso, non coinciden coa división territorial endóxena tradicional, nomeadamente: Aodoù-an-Arvor (fr. Côtes-d'Armor, 22); Penn-ar-Bed (fr. Finistère, 29); Il-ha-Gwilen (fr. Ille-et-Vilaine, 35) e Mor-Bihan (fr. Morbihan, 56). Falta o 44 que representa o Liger-Atlantel (fr. Loire-Atlantique), onde se acha a cidade de Gwenrann (fr. Guérande), punto extremo da extensión do bretón a principios do século XX. Este departamento está nucleado ao redor de Naoned (fr. Nantes), que alberga o castelo dos Duques da Bretaña cuxas murallas orixinarias datan do século XV, a maior cidade da Bretaña con máis de 870.000 habitantes (zona metropolitana), que representa un importante polo económico. Porén, apesar da súa identidade claramente bretoa –ou, máis ben, debido a ela– este departamento non forma parte da chamada Rannvro Breizh (‘Rexión Bretaña’), mais fica integrado dentro da fantasiosa rexión denominada ‘Países do Loira’. O caso é que, en 1941, durante a ocupación nazi e sob o réxime colaboracionista de Vichy, esta parte importante e tan esencial do país lle foi amputada e arrebatada, sen que os sucesivos gobernos franceses, independentemente da súa cor política, movesen un dedo para reparar esta aldraxe xurdida deste período tan vergoñento, apesar das multitudinarias e repetidas manifestacións a favor da reunificación.

O fenómeno que consiste en mutilar un país asoballado ao atentar contra a súa integridade territorial histórica non se restrinxe, desde logo, á Bretaña e a consigna Divide et impera é unha das tácticas preferidas do colonialismo e do imperialismo, como, por exemplo, na separación de Euskal Herria entre o norte (Iparralde), a denominada ‘Comunidad Autónoma Vasca’ (CAV) e Nafarroa, a partición da Irlanda ou o proprio caso da Galiza irredenta...

No entanto, se se aplicar toda a lóxica (se a houber) do espírito da referida reforma territorial, debería, en principio, ser positiva para a Bretaña, ao basearse no agrupamento de varias rexións contiguas para crear macro rexións. Cabería esperar, pois, a reunificación da Loira Atlántica dentro da Rexión Bretaña. Pois non! Este é –curiosa, mais moi previsibelmente– un dos pouquísimos territorios que non se ven afectados pola reforma. Por que será?!

Xa van máis de 70 anos desde que tentan en van crear e impor o mito dunha identidade artificial á Loira Atlántica, mais o pobo resiste e segue a reclamar masivamente e cada vez en maior número a Bretaña histórica dos 5 departamentos, como demostra a última manifestación do 28 de xuño cando 17.000 persoas tomaron as rúas de Naoned exixindo a reunificación. Son, pois, como diría Castelao, uns imperialistas fracasados e sempre o serán ante a vontade popular da nación.

Stourmomp betek an trec’h! (Loitemos até a vitoria!)