Ran
É difícil para nós, persoas educadas na literatura e no cine, pensar o mundo e os acontecementos con independencia de todo o aprendido por esa vía. Descoñezo a que conclusións chegaríamos desde o adanismo; mais penso que, aínda que fosen as mesmas, custaríannos un maior esforzo e, desde logo, contaríamos con menos ferramentas para expresalas.
Confeso a miña dependencia dos referentes culturais e, ao meu pesar, por veces vexo paisaxes de cine no canto de calibrar canto de realidade hai na ficción . Por iso estes días non se me van da mente os castelos incendiados da película Ran. Xa saben, o filme de Akira Kurosawa inspirado na obra O rei Lear de Shakespeare. As fillas do rei Lear son fillos na obra do director xaponés. A ambición, a estupidez e as xenreiras traerán consigo o caos (iso significa ran en xaponés), a desintegración e a morte. Perségueme aquela escena en que Hidetora Ichimonji, o señor feudal xaponés, reúne os fillos e lles entrega un xunco a cada un coa petición de que o rompan, cousa que conseguen con facilidade. Despois fai o mesmo cos xuncos nunha gabela e ningún logra partilos. Non é preciso explicar a metáfora. Curiosamente, esta é a parábola que utiliza Manuel Lugrís Freire para falar da unidade nun mitin agrarista celebrado en Betanzos o 6 de outubro de 1907, aínda que el non fala de xuncos, senón de bimbes.
Que lles cómpre -que nos cómpre- ás fillas do rei Lear, aos fillos do Hidetora Ichimonje de aquí, para nos manter unidos? Eu coido que un baño de realidade ou, o que é o mesmo, un baño de obxectividade. Para iso é preciso que nos ispamos dos prexuízos que nos forneceu o aprendido, que rompamos o mapa que precede ao territorio porque, certamente, non o reflicte. Si, refírome ao do conto de Borges que cita Jean Baudrillard, aquel que, convertido en farrapos, xa non coincide co que representaba. A xenreira a nós mesmos lévanos a dalo por real e, rachándoo aínda máis, botarlle a culpa de todos os males. Mentres, o verdadeiro mapa segue por facer.
Xúntense os cartógrafos das diversas escolas e, a pé de territorio, sinalen as cimas e simas, os mares e os ríos, as chairas e as mesetas que nos configuran. E despois non lle reclamemos a ninguén máis que aos que non se recoñezan na obra común ou pretendan facer pasar por noso calquera outro mapa.