Dor animal

Viaxando por estrada a Madrid, aparecéuseme, máis unha vez, o touro de Osborne, maxestoso a cortar o horizonte no alto dun outeiro. Falo en singular porque é un o que se pode ver nese traxecto, mais pasan de noventa os diseminados por todo o territorio español que sobreviviron, mercé a unha amnistía especial, á Lei Xeral de Estradas de 1988, que prohibe a publicidade en calquera lugar visíbel desde unha estrada estatal e que se explicitou en 1994 nun regulamento que obrigaba a retiralos. Xa moi perto da capital vin os de verdade, a pacer nunha devesa, ignorantes do seu destino de “sangre y arena”, non por literario menos brutal, non por tradicional menos salvaxe. Porque se os de ferro se salvaron alegando que eran xa para sempre elementos da paisaxe, de fondo significado cultural polo tanto, os de carne e óso están condenados a morrer co mesmo argumento.
Hai poucos días acudiu ao Congreso unha comisión integrada por gandeiros, empresarios taurinos e toureiros a presentar unha iniciativa popular para declarar as corridas Ben de Interese Cultural (BIC). O primeiro que pensei ao coñecer a noticia foi: “Cos meus cartos non”. Ten aquel que esteamos a ver cada día como se esboroa o noso patrimonio artístico-cultural por falta de apoio e o vaia haber para algo así. Véuseme tamén á memoria aquela pancarta vista en Portugal nunha manifestación antitaurina, que rezaba así: “Se as touradas son cultura, o canibalismo é gastronomía”.
Un artigo meu, publicado noutro medio, suxería a posibilidade de que a susodita comisión acudise á UNESCO coa demanda de que se lle recoñecese a esta mal chamada festa (aos touros pareceríalles un paradoxo) Patrimonio Cultural Inmaterial, que é o que fai este organismo para protexer tradicións, costumes, rituais, músicas…, en definitiva cousas que non existen se non se practican. Non acontecerá porque a UNESCO non será proclive máis proclive a ver primitivismo bárbaro onde outros ven cultura.
,Veremos nós, iso si, a iniciativa aprobada tal como lles augurou o presidente do Congreso, Jesús Posada, aos que a presentaron. É coherente: o Partido Popular incluía no seu programa a protección ás touradas. Esperanza Aguirre e Alberto Fabra xa blindaran estas celebracións nas súas comunidades, mais a prohibición en Cataluña pode ser invalidada por un decreto de ámbito superior.
Repítome, mais insisto: Isto acontece a carón da desidia diante de moito patrimonio, tanto inmaterial como material, que está a desaparecer ou a se deteriorar en todo o país. Un botón para mostra de tratamento desigual é a situación precaria que está a vivir o teatro na Galiza. De todo o mundo é coñecido o despedimento da directora do Centro Dramático Galego por ceder o Salón Teatro aos actores para un acto reivindicativo, disque. Compáreno, por favor, coa publicidade, recibimento e promesas que recibiron os maltratadores (mal que lles pese!) dun animal que tanto ten contribuído á subsistencia humana. O noso Castelao, nunha súa estampa, deixouno inmortalizado en frase lacónica: “¡Lástema de bois!”
Non me valen as referencias de Sánchez Dragó á loita co minotauro, tampouco as adhesións de Sabina ou Vargas Llosa entre outros. En todo caso, case sempre responden a unha liña ideolóxica ben definida no social e/ou político. Tampouco me convence o argumento de que estes animais non se conservarían de non ser para a lida. Pensemos nos lobos, especie protexida malia os prexuízos que causan e sen as utilidades dos bois. De calquera maneira, a dor dos animais debe ser a mínima imprescindíbel para a nosa subsistencia, non lles parece?