Aspasia de Mileto
Seica Julio Medem vai levar ao cine a vida de Aspasia de Mileto sumándose así á vaga de películas sobre mulleres singulares da que é boa mostra Ágora, do director Amenábar, que exhumou a figura de Hipatia. Paréceme unha idea magnífica. A personaxe posúe elementos dabondo para facela atractiva. Cómpre, porén, un bo labor de documentación para non pasar sobre a tona dos feitos que a retratan. Niso anda o director vasco desde hai catro ou cinco anos e descoñezo en que estadio se atopa o proxecto . Malia todo terá que facer moitas suposicións para nos dar a coñecer unha vida que se perde na néboa do século V a. de C. e da que temos noticia por Platón, Aristófanes, Xenofonte e Plutarco. Como se trata dunha muller, a súa traxectoria ha de ser rastrexada na dos homes aos que acompañou. Non deixa de ser significativo o feito de que os seus pasos se borren cos do derradeiro home co que estivo relacionada, Lisicles, o seu segundo esposo ou amante. Antes casara con Pericles, o político e orador ateniense que deu nome a todo un século. Parece ser que Pericles, namorado da súa sabedoría e beleza, repudiou a muller para desposarse con ela. O matrimonio duraría até a morte do político no ano 429 a. de C.
Mais Aspasia tiña méritos de seu para figurar nunha historia propia e non exclusivamente subordinada á doutros persoeiros.
,Nada en Mileto, parece ser que chegou a Atenas para se converter en hetera, é dicir, cortesá, porque só baixo esta condición lles era permitido ás mulleres participar nos círculos masculinos da intelectualidade. Foi mestra de retórica, logógrafa (historiadora e cronista) e tamén escribiu sobre xinecoloxía. Deixando á parte a peaxe que tivo que pagar para poder desenvolver os seus saberes, fálase de que foi acusada de corromper as mulleres da cidade. Celebraríase un xuízo en que o acusador sería Hermipo, un poeta cómico. Mesmo Aristófanes lle bota a culpa nunha súa obra da guerra do Peloponeso. Mais, se cadra, son invencións porque as vidas dos personaxes lendarios seguen a medrar moitos anos despois de morreren estes. Nos século XIX e XX escribíronse varias novelas inspiradas nela que talvez lle sirvan tamén de fontes ao cineasta.
O que evidencian estas vidas é que, malia o papel que se lles asignou e a ocultación deliberada das que ousaron fuxir del, moitas mulleres romperon o espello en que debían mirarse para construír unha imaxe propia.
Penso nas galegas que darían para unha película e véñenseme á mente, entre outras moitas, Rosalía de Castro, a monxa Exeria (do Bierzo, na Gallaecia?), ligada ao priscilianismo, peregrina a Terra Santa e autora do ‘Itinerarium’ ou Constanza de Castro, a filla do Mariscal Pardo de Cela, que resistiu na Caldaloba o asedio das tropas dos Reis Católicos. O Álbum de Mulleres, que edita en rede o Consello da Cultura Galega, conta xa cunha dilatada nómina, a cumprir, aínda que sexa a outro nivel, o nobre labor de rescatalas do esquecemento. Todas elas son elos dunha cadea de memoria que cómpre non romper, agora que as forzas máis reaccionarias teiman en volver atar as mulleres á outra, a da submisión e roles tradicionais.