Ai, as hemerotecas!


Estaría ben que os xornalistas de memoria curta acudisen algo máis ás hemerotecas; pero, como di o refrán, en casa do ferreiro, coitelo de pau. Seguramente as hemerotecas son condenadas ao ostracismo para que ao partido que nos goberna non lle caia a cara de vergonza. Claro que os partidos non teñen cara, senón caras e, nalgúns casos, “carotas”. Todo isto vén a conto de como se nos informa de certas novidades que non o son. Recoñecelo sería aceptar que o Bloque Nacionalista Galego tiña razón e a iso poucos están dispostos. Vaiamos a algúns exemplos:

No seu día, a deputada María Pilar García Negro denunciou no Parlamento as manobras da Fundación Camilo José Cela. Datos en man, falou das millonarias subvencións que esta estaba a recibir de varias Deputacións, RENFE, Xunta e Estado, co agravio comparativo para outras fundacións e diante do abandono do patrimonio cultural galego. Expresou, así mesmo, as súas dúbidas sobre a correcta administración do capital recibido, porque a sospeita de irregularidades xa circulaba por aí. Miraron para o dedo que sinalaba a lúa e, mais unha vez, á denunciante chovéronlle as críticas, tanto no hemiciclo como na prensa oficial. Agora, moitos anos despois e tras a ruína que esixiu a intervención da Xunta, admítese a denuncia dunha veciña de Iria Flavia e, vistos os indicios, a viúva do Nobel é acusada de transvasar cartos da fundación aos seus negocios.

,De como Marina Castaño, tamén chamada Marina Mercante nun significativo xogo de palabras, usaba hai uns anos os medios públicos para o seu proveito, dá fe unha entrevista que eu escoitei na radio galega. Non recordo que falara de literatura nin do seu ilustre cónxuxe, mais sei que ela levou a auga ao seu muíño e falou todo o tempo do negocio que acababa de poñer en marcha: unha empresa de venda de colares desparasitadores para cans. Ponderou as calidades do produto e, por suposto, non emitiu a marca nin o xeito de adquirilo. Supoño que chamaría á emisora anunciando un novo proxecto e, pensando que se trataba de algo relacionado coa cultura, chamárona e o anuncio saíulle gratis. Cónstame que o asunto chegou ao consello da RTVG, mais non pasou nada. Outrora Blanco Campaña tivera que dimitir por algo semellante; mais o concesionario de automóbiles ao que beneficiara coa presentación dun novo modelo no medio público non debía pertencer á beauty full como a marquesa.

Tamén sería oportuno acudir ás hemerotecas para recordar neste momento en que moitas voces se alzan para demandar a reforma do Senado e a supresión das Deputacións, que xa hai anos o BNG presentou estas propostas co resultado que coñecemos.

A Cidade da Cultura é outro caso de amnesia culpábel. No seu día, a deputada que xa amentei, trasladou ao Parlamento a oposición do Bloque ao megalómano proxecto. Argumentou a súa non pertinencia por copar este a práctica totalidade do presuposto da consellaría correspondente e non ser preciso, ademais, nunha cidade xa de seu chea de atractivos como Santiago de Compostela. Naturalmente que tivo que escoitar aquilo de “os do non” por parte dos defensores da idea. O tempo tamén demostrou que, como García Negro anunciara, o presuposto inicial non alcanzaría para levar a ramo a obra. Nunca fixeron a palinodia os que repartiron pólvora para ela e magnolias para unha concelleira que, en contra da postura acordada, se manifestou a favor.

Recordar estas cousas, abofé que non é vitimismo, senón memoria histórica. Mais xa se sabe que a algúns iso da memoria histórica lles produce sarabullo.