Terríbel, insultante, deprimente

Terríbel, insultante, deprimente

Os adxectivos con que titulo este artigo non son meus. Son do escritor ruso Antón Chéjov, quen os aplica á banalidade e, como diso se trata, deume parte do traballo feito.

Di o contista, dramaturgo e médico: “Nada hai máis terríbel, insultante e deprimente que a banalidade”. Esa afirmación foi o primeiro que me acudiu ao pensamento cando, a través dun enlace que me enviou unha miña amiga docente universitaria, accedín a unha noticia sorprendente. Sorprendente, ou non, porque é difícil nestes tempos ‘amilagrarse’ por nada.

Resulta que a promoción de xornalistas deste ano elixiu como madriña á presentadora de Tele5, María Patiño. Ela aceptou e, con ese motivo, viaxará a Galiza en xuño. Ferrolá de nacemento, filla dun militar monfortino, criouse en Sevilla onde estudou xornalismo nun centro privado. Rematada a carreira, pronto se decantou pola prensa rosa, tamén chamada do corazón.

Do corazón e de todas as vísceras porque, nos programas en que participa, o máis frecuente é que esfolen e abran en canal ás persoas obxecto das súas pescudas e maledicencias. Neste ‘nobre’ cometido conta coa colaboración de ilustradas e ilustrados como Belén Esteban, Kiko Matamoros e outros subprodutos dos medios de (in)comunicación, dito isto sen me referir á súa dignidade como persoas, senón á súa competencia profesional e ao morboso rol que desempeñan.

Ninguén dubida da necesidade de entretemento e dunha certa futilidade para desconectar das tensións e asuntos máis transcendentais da existencia. Porén, iso nunca pode consistir na invasión das intimidades alleas e, moito menos, na difamación, cando non calumnia, do ou da sparring que toca.

É evidente que a televisión educa e maleduca. No segundo caso están este tipo de programas, unha eficaz escola de laretas e acosadores, mestres do bullying escolar, social e laboral. Como queira que eses son delitos tipificados, deberían estar prohibidos. Claro que facelo atentaría, por exemplo, contra esa liberdade que predica o Evanxeo segundo Isabel Ayuso.

Proba do anterior, é a escolla do grupo que elixiu a María Patiño como madriña de promoción. Quero pensar que non recolle o sentir da maior parte destas e destes futuros xornalistas. Necesito acreditar en que soñan con defender a verdade e a xustiza, alén da ganancia por vender a súa palabra ao mellor ofertante.

Da tolerancia que exhibe o promotor da idea, falan ben ás claras as súas respostas en internet a quen disinte da tal elección. Deféndese argumentando adhominem, o que é unha falacia consistente en non analizar o que se di, senón quen o di. A coñecida imaxe de mirar o dedo que sinala a lúa e non o astro sinalado.

Quedaría todo nunha anécdota se non se tratase dun síntoma máis da ignorancia e alienación que sofre, en grande medida, a mocidade actual. Desposuída da propia lingua e entregada con armas e bagaxes, non só ao exclusivo uso do castelán, senón a cantos anglicismos innecesarios nos colonizan, semella abondarlles co mundo cibernético; mais non utilizado como instrumento de saber, si como labirinto para non chegar a ningures.

Porque todo o que non humaniza, fainos descender na escala animal, afástanos da meta que é sermos, antes e despois, con ciencia ou sen ela, boas persoas. Sen ser boas persoas nunca seremos bos profesionais de nada. No caso do xornalismo, definiu Nicholas Nassim Taleb, ensaísta libanés nacionalizado norteamericano, autor de O cisne negro: “ Se ves fraude e non dis fraude, es unha fraude”.

Dentro desa moda universitaria de nomear padriño ou madriña, non haberá ningún galego ou galega, exercente como tal, que dignifique a profesión? Hai, non había haber, mais para coñecelos cómpre ver e ler algo máis que os programas-lixo e as revistas que se fan eco deles.