Zapatero marcha. A súa política continúa
Se non facemos algo para evitalo, Zapatero marchará para que todo siga igual
Desvelouse un segredo a voces: Zapatero non se presentará á reelección como presidente do goberno español. A partir de aquí, correrán ríos de tinta. Columnistas, faladoiros, políticos, taxistas, profesionais da barra do bar e até a prensa do corazón teñen tema para rato.
Persoalmente, resúltame indiferente a decisión do Sr. Zapatero. Non me resulta indiferente a política que impulsou e pretende manter, co beneplácito -no fundamental- do principal partido da oposición española.
As persoas veñen e van, as políticas e as súas consecuencias perduran máis tempo. Preocúpame unha visión da separación de poderes á carta como a que vivimos co Estatut catalán, o catálogo de medicamentos galego ou máis recentemente coa ilegalización de SORTU. Preocúpame a transparencia e honestidade de quen non di nada minimamente aceptábel ante casos como os de Mercasevilla ou a entrada nas agradecidas multinacionais dos Felipes e Solbes de turno. Preocúpame o pacifismo de ocupación en Afganistán e os bombardeos humanitarios en Libia. Preocúpame unha política social baseada no aumento da idade de xubilización, a redución das pensións, ou unha lei de dependencia de moitas expectativas e pouca financiación. Preocúpame unha política laboral ditada pola patronal baseada no abaratamento do despedimento, na redución dos salarios e a eliminación da negociación colectiva. Preocúpame unha política de adelgazamento dun estado xa anémico, que como adolescente anoréxica, a pesar de estar non osos, síguese a ver gorda no espello, e sigue adelgazando a base de privatizar a grande obra pública, as caixas de aforro e empresas públicas como AENA. Preocúpame un estado na práctica intervido e no que os que realmente cortan o bacallau (Botín e amigos, Merkel e acólitos, FMI e similares), non se presentan ás eleccións. Preocúpame moito unha visión recentralizadora baseada en reducir os autogobernos de Galiza, Euskadi e Cataluña e un sistemático maltrato aos nosos sectores produtivos, ás nosas infraestruturas básicas e a nosa identidade como pobo diferenciado. Estou preocupado e o anuncio de ZP non rebaixa a miña preocupación.
Tras as caretas socialdemocratras, de terceiras, cuartas e quintas vías, máis do mesmo. Triste herdanza Zapateril que nos fai retroceder décadas no económico e no social: máis paro, máis precaridade, máis desigualdade, máis privatizacións, menos autogoberno e menos dereitos.
Nesta tesitura, o debate fundamental non debería pivotar -como o tentarán facer pivotar- en si o próximo presidente do goberno español será Rubalcaba, Chacón, Bono, Blanco ou o máis que probábel Rajoy. O debate fundamental é se debemos seguir con estas políticas (sexan da man do PP ou do PSOE) ou debemos dar un xiro de 180 grados.
Esta crise subiu das cloacas á superficie a imaxe de quen realmente manda. Eses non se presentan ás eleccións. Non se lles pode "votar" e desgraciadamente tampouco "botar". Son os que manexan os fíos dun teatrello onde PP e PSOE bailan ao son dunha melodía que non permite versos soltos.
A española, é unha democracia de baixa intensidade, baseada nun sistema de bipartidismo cuasi-perfecto ao servizo dos principais poderes económicos. Cando as políticas causan demasiado malestar, e antes de que o fartazo sexa xeneralizado, a poboación pode cambialos por outros, para que no fundamental todo siga igual: que o modelo territorial non se mova, e que os que gañan moito diñeiro o sigan gañando. Esa é a esencia desta quenda, na que o único que desafina é o nacionalismo.
Cada día a escenificación do engraxe que move todo o sistema é menos disimulada: xornalistas que realizan xuízos sumarísimos, xuíces que funcionan como políticos, políticos que funcionan como banqueiros e banqueiros que xogan a ser deuses que quitan e poñen gobernos e empregan o mapamundi a modo de taboleiro de Risk.
Se non facemos algo para evitalo, Zapatero marchará para que todo siga igual. Merecémonos algo mellor, pero non vai ser gratis. O 22 de maio teremos a primeira oportunidade. En Galiza, afortunadamente hai alternativa, hai Bloque Nacionalista Galego.