Xubilación aos 67?

Nestes días estase a falar moito de aumentar a idade dous anos máis da idade que esta establecida legalmente na actualidade

Propor un incremento da idade de xubilación dende unha cadeira de coiro situado nun despacho cos gastos pagados e cunha cota económica situada por riba da media do resto dos españois é moi sinxelo, só basta asustar á maior parte da poboación do estado español dicindo que esta en perigo as súas pensións.

Hai estudos que din que sitúan a idade media de xubilación en España ó redor dos 63 anos e estas prexubilacións son consentidas polo estado coa complicidade das empresas que ven así como liberan cargas e gastos e incrementan beneficios, pois si o goberno di que hai que cotizar dous anos máis para salvagardar o sistema pública de pensión que empecen actuando por facer cumprir a lei actual e non a beneficiar a certas empresas coas prexubilacións.

Algúns sectores profesionais poden ver como os seus integrantes poden alongar a súa vida laboral, e incluso superar unha vez superados os 67 anos pero como lle van pedir a un pobre mariñeiro de baixura que continúe dous anos máis? Cando os reflexos van diminuíndo a medida que crecen os riscos laborais. Ou que unha mariscadora que leva dende moi cativa nunha praia e que xa os osos non poden co angazo para levantar os berberechos ten que continuar dous anos máis? Ou a un mineiro, un albanel, un camioneiro, unha traballadora nunha conserveira, ..... e así unha chea de oficios nos que se require forza, reflexos, axilidade e moitas veces os traballadores se atopan con enfermidades laborais que non están recoñecidas como tal e teñen que seguir nos seus postos de traballo para poder ter unha pensión digna. Agora si me din que hai sectores como avogados, algúns médicos, enxeñeiros, investigadores, mestres, ... que poden prolongar a súa vida laboral pois o podo entender perfectamente que os que queiran continúen uns anos máis, e sobre todo tendo en conta que esas cotizacións son moito máis altas que as de moitos traballadores dos servizos terciarios.

Pero para garantir un sistema de pensión xustos primeiro hai que empezar a vixiar como se dan as pensións, e non me refiro a pensión dun pobre traballador que cobra a pensión mínima senón as altas pensións que saen das arcas públicas a mans cheas tan so porque os seus beneficiarios gozan de posuír o título de "EX", esas pensión que chaman vitalicias pero que che permiten ter outro tipo de ingresos ben remunerados cando a maior parte dos españois non saben como chegar a fin de mes.

Ser ex-presidente do estado español cobrando unha pensión vitalicia é compatible con ser conselleiro en cal quer empresa e outras actividades, cobrando máis de 6.600 € como pensión tan so por haber traballo uns cantos anos cando o resto nos piden que traballemos ata os 67 e cun chisco de sorte poder cobrar entre 600 e 800 € ao mes. Pois si están capacitados para traballar na empresa privada non deberían cobrar esas pensión que realmente supoñen un insulto aos cidadáns.

Pero Galiza non é exenta a esta situación porque a pesares de termos as pensións máis baixas do estado español si nos permitimos o luxo de ser unha das autonomías que lle damos pensións aos "EX" e incluso lles brindamos dúas posibilidades de facelo: un posto durante 12 anos no Consello Consultivo por 67.000 euros o ano ou cobrar o 60% do soldo de presidente durante dous anos. E inda lles pagamos coche, secretaria, chofer, despacho e algún que outro traballador extra mais.

E logo topámonos que as cifras do paro seguen aumentado en Galiza de forma alarmante en máis dun 15% tan so no último ano, chegando a 231.628 o número de parados galegos.

E inda por riba temos o exemplo dunha persoa de case 90 anos instalada nun escano do Senado cobrando como senador por Galiza en vez de estar na súa casa ou paseando por onde máis lle prace, pero non, seguimos aferrado a un cargo o cal por imposibilidade física e polo desgaste dos anos nos supón uns ingresos mensuais que xa moitos quixeran poder repartir entre varios familiares xubilados. Canto lle esta supoñendo isto as arcas públicas?

E por dar outros exemplos temos a Mª Teresa Fernández de la Vega, a Cospedal co seu soldo do estado, .... e así unha chea de personaxes que logo optan a pensións vitalicias desorbitadas e logo o resto de cidadáns teremos que seguir dobrando as costas pero non para manter o sistema público de pensións senón a cantidade de "vitalicias" inxustificadas que se dan.

Sigamos faenando fronte a Costa da Morte un día de decembro con marusía e asexando o temporal polo Norte con 66 anos e todo porque a 4 "señoritos de bien" ocorréuselles incrementar a idade de xubilación para que eles segan gozando do club de golf, do coidado de bonsais e de seguir facendo as abdominais ata que lle cheguen ao bigote e de que os paseen en cadeira de rodas en canto acto popular se produza en Galiza.

Hoxe máis que nunca deberiamos volver a dicir o de "cos meus impostos e suor NON", hai que cambiar a lexislación vixente pero non para prexudicar aos traballadores senón cambiala para corrixir todos estes tipos de situacións que se están dando. Comecemos primeiro por limpar a casa para logo poder explicar como se barren as casa alleas.