Xente nova e leña verde toda bota fume. Desmontando o clixé da emigración da mocidade

Xente nova e leña verde toda bota fume. Desmontando o clixé da emigración da mocidade
A xente nova -como a leña verde- están que botan fume

Desta vez imos darlle a volta  á frase que tanto me amolaba escoitarlle a meu avó: “Xente nova e leña verde toda e fume”, para que deixe de empregarse por unha vez o tópico tan recorrente de que a mocidade -como a madeira verde- estoupa en pouco tempo, pero tan axiña como se fai notar, esa sensación esvaece.      

O que é puro fume é a propaganda do Partido Popular á fronte da Xunta de Galiza, para ocultar a ausencia de medidas e propostas durante as ultimas lexislaturas para a mocidade galega, por parte dun Presidente que prometeu na investidura anterior rematar co paro en 40 días, e unha lexislatura despois, logrou que o desemprego subise case un 123% desde o estoupido da crise entre os menores de 25 anos, o cal supón que hoxe un de cada dous menores de 25 anos están en paro.    

Se botamos man dun recente estudo publicado pola CIG, editado con motivo dunha xornada nacional de loita convocada pola CIG-Mocidade para o 16 de xaneiro, dos 166.800 postos de traballo destruídos nestes 4 anos, 149.100 estaban ocupados por menores de 35 anos; destes, máis de 77.164 optaron por emigrar, buscando unha alternativa laboral que non atoparon en Galiza.    

Polo tanto, podemos mudar un chisco o noso refraneiro para afirmar de xeito rotundo, que cos actuais datos de desemprego e a sangría demográfica que supón a migración da mocidade, a xente nova - como a leña verde- están que botan fume.      

Porque malia ser a xeración máis formada da historia de Galiza, non atopan traballo, polo que se ven na obriga de emigrar. Tal é así, que só no ano pasado, 25.472 mozos e mozas de entre 20 e 34 anos abandonaron Galiza, 2.122 ao mes, preto de 70 cada día. Mais non van de vacacións, nin en busca de aventura, emigran por necesidade. Nada ten que ver coa imaxe bucólica que o PP pretende difundir sobre a emigración, de que é unha oportunidade para aprender idiomas, coñecer xente... o que están é a agochar a verdadeira realidade: é unha xeración perdida para o noso país que non retornará.    

Trátase dunha emigración que non ten ningunha semellanza coa de épocas anteriores, xa que daquela marchaba a poboación menos cualificada, e facíano por un tempo determinado, no cal aforraba o máximo posíbel e enviaba divisas para aquí, o que axudou moito a levantar este país. Hoxe marcha a xeración máis preparada para poder independizarse, mais na súa mente non está aforrar e volver a inverter aquí, senón vivir onde as condicións lle permitan desenvolver os seus coñecementos e ter unha vida digna.      
Lembro a famosa fotografía de Manuel Ferrol de 1957 que levaba o nome de “O home e o neno”, ou “Pai e fillo chorando. Despedida de emigrantes”  como o símbolo a nível mundial do drama da emigración galega nun peirao coruñés. Unha instantánea que no seu momento non se editou debido á censura á que non lle interesaba visibilizar o éxodo que vivía Galiza. Hoxe, a fotografía mudou de protagonistas, esta vez o fillo medrou e é el o que vai traballar fóra, escapando dun dos maiores problemas da Galiza do século XX e XXI, mais son imaxes que seguen sendo censuradas, obviadas e retocadas ao seu antollo polo actual goberno, que mesmo premiou en xullo do pasado ano aos 60 mellores expedientes universitarios nun acto celebrado na Cidade da Cultura cun cheque de 2.500 euros e unha maleta. Unha metáfora demoledora por parte de quen ten a responsabilidade de pórlle freo.    

A emigración xuvenil non só é un drama en si mesmo, senón que é unha sangría para un país avellentado como Galiza. E porque supón poñer en perigo a súa sustentabilidade social, a súa supervivencia, e fai que se saque proveito fora de Galiza dos recursos públicos que investimos en formar á nosa xuventude.        

Porque non só estamos a falar das graves cifras de desemprego xuvenil, senón tamén da situación na que se atopan. Carecen de asistencia sanitaria, ou dependen da cobertura dos seus pais e nais, ou teñen que solicitar a tarxeta para persoas sen recursos e moitos e moitas delas non poden seguir estudando porque as taxas cada vez son máis altas e as bolsas de estudo máis cativas. Se a esta falta de protección social, sumámoslle o uso fraudulento que se está a facer de bolsas para encubrir postos de traballo, os usos abusivos das modalidades de contratación específicas para as mozas e os mozos, e que cada vez se estenden até máis idade, as súas precarias condicións salariais, a temporalidade, a imposibilidade para emanciparse e a clamorosa ausencia de políticas dirixidas á mocidade, entón podemos entrever claramente, con censura ou sen ela, que mentres pretenden presentar como unha saída boa e natural a emigración, negándolles o dereito a vivir e traballar na nosa terra, están roubando o futuro das mozas e mozos , e con el, están roubando o futuro de Galiza.