Xa non queda espazo para mirar

Xa non queda espazo para mirar
O que non é entendible é que nos quedemos mirando

Estamos en guerra e non sabemos moi ben contra quen. Parece que todos somos inimigos, culpables e temos que mitigar os famosos efectos colaterais antes de que non invadan coa xenerosidade de quen da esmolas envelenadas.  

O que antes era revés ou envés hoxe convertese no principio indisoluble do día a día. Quen non recorda que os famosos -hilitos de plastilina- acabaron convertidos en mantos escuros que engaiolaban as nosas augas e as nosas costas, todo era ficticio, honras fúnebres estoxadas no solpor de quen quere o mal para a nosa grande nación. Seica conspiraban as voces na eterna noite cando se negaba por pasiva a suba de impostos ( nunca, xamais ) ou cando se aletargaba a expansión incrédula daquelas que boureaban a contra vento o copago sanitario. Todo falacias, todo malentendidos que nos levaron a onde estamos. Seica son cousas que pasan, eu non quero, pero…. é o que hai. E canto vai durar esta sentencia sobre as nosas cabezas? Non o sabemos con certeza, a verdade é que tampouco nos matamos por saber o custo de todo isto, canto vai ser a nosa penitencia, ninguén quere saber cando vai morrer non?  

Claro que todo é froito do demo, temos unha amnistía fiscal que non o é, cousas da lingua, da retórica, pero o significado está aí, algo que só alimenta a seguir facendo as cousas mal e perpetuar a frase de sálvese quen poda que malo será. Despois aparecen os recortes en cultura, educación, sanidade, dependencia, etc, pero curiosamente mantéñense as axudas para a igrexa católica e defensa ( fondos reservados incluídos ) como contrapartida. Tampouco é cuestión de estañarse xa que con todos o grupos organizados que existen é preciso toda esta estrutura. Remontámonos ao medievo, como si fose preciso volver a conquistar  todo o que se estima dende a razón, dende a lóxica.  

Esperanza Aguirre, pola contra, quere subvencionar visitas escolares a praza de touros para alumnos de 3º e 4º de ESO, mentres as noticias sobre a parte cultural das touradas ou a súa proposta como ben de interese cultural  son directamente proporcionais ao noso nivel cultural, supoño.  

Con todo isto e máis que queda por contar, aparece Conde Roa para rompernos o corazón a todos e todas coa súa inocencia e coa súa disposición para darnos a solución aos nosos problemas. Non pagou o IVE porque non tiña diñeiro. Grazas Gerardo, grazas, se non fose pola túa visión de futuro non teriamos solución ningunha e agora xa sabemos que a única maneira de saír deste atranco é non pagar e punto, argumento: non temos diñeiro. E que nos quiten o bailado ou parafraseando ao mesmo Gerardo, valor e ao toro, que para iso o subvencionamos. O mellor de todo e que co entendemento de Feijoo temos que darlle as grazas por ser tan honrado e dimitir. Eu non teño claro se temos que darllas por dimitir tan tarde e unha vez que o ministerio fiscal ten mostrado publicamente que existiu a intención de defraudar ou simplemente por ser defraudador en si, cos impostos da xente que pagou ese diñeiro. Manda truco, agora xa non se mide a dilixencia dos motivos senón a gran seriedade por deixalo cando se ten descuberto todo o pastel. Será o único que baixa, xa non só a honradez senón a seriedade, bon iso e o número de hectáreas que arderon nas fragas do eume, xa que un pouco máis e quedamos a debelas para anos sucesivos, resulta paradoxal que a superficie queimada no inicio do incendio ( que non foi controlado até dous días despois ) até o seu remate non aumentaran, curioso caso de escapismo.  

Pero bon, todo isto entra dentro da lóxica na que nos movemos, o que non é entendible é que nos quedemos mirando, como naquela famosa cita atribuída a Berthold Friedrich Brech.


-----------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
-----------------------------------------------------------------