Vehículos eléctricos con enerxía eólica

Vehículos eléctricos con enerxía eólica
Investimentos en innovación

O plan Movele, proxecto piloto para demostrar a viabilidade técnica e enerxética da mobilidade eléctrica nos entornos urbanos, mais coñecido como o plan do vehículo eléctrico é a última gran aposta do goberno central para o fomento da demanda, industrialización e I+D+i. Dos 590 millóns de euros que se destinan a este plan, 240 millóns destinaranse á compra directa de vehículos, para o apoio á industria 140 millóns, 35 millóns para poder implantar a rede de abastecemento e 173 millóns á investigación.

A estrutura de desenvolvemento e de axudas dun proxecto, cuxo obxectivo e promocionar e vender un produto que contribúe a unha economía sostible é dende o meu punto de vista a do plan Movele: investigación + implantación + comercialización.

Pero o vehículo eléctrico, non é como di o Ministerio unha nova tecnoloxía, a investigación neste campo está xa moi avanzada, existindo no mercado modelos híbridos comercializados, que todos coñecemos. Polo tanto Movele, é un proxecto piloto, denominación que incluso utiliza en diversas ocasións o propio Ministerio. A distribución orzamentaria, entón, non é a que debería ser. Para o desenvolvemento de proxectos pilotos, coma este, é necesario un apoio claro á posta en marcha da comercialización, un bo método é o apoio directo á compra e á implantación das redes de distribución. Pero a todas luces é excesivo inxectar 173 millóns de euros neste campo de investigación e 140 millóns nas industrias do automóbil e eléctricas.

O impacto en Galicia deste proxecto será practicamente nulo, só temos que pensar a parte que nos tocará dos 35 millóns para a implantación da rede de distribución, outra medida máis que só incidirá na desestruturación do país.

Mentres tanto, infestamos o país de decorativos muíños de vento cuxa enerxía se desperdicia na maior parte. A enerxía eólica só pode descargar na rede eléctrica cando o consumo é alto, cando a rede non o necesita esta enerxía pérdese, por exemplo, pola noite. Tampouco existe un mapa de aproveitamento óptimo da enerxía eólica nin de distribución efectiva da mesma. Podería o sector primario aproveitar esta enerxía, a través da xeración de hidróxeno como combustible? Por que non entón, un proxecto estruturado coma o Movele para un maior aproveitamento da enerxía eólica? E por que non, tamén, 590 millóns de euros para un plan que si pode fomentar no país a demanda, a industrialización, a I+D+i e o desenvolvemento dunha economía sostible a longo prazo.