UXFOR versus SOFOR

Vai o mercado a solucionar os problemas do noso monte?

A Xunta de Galicia ven de presentar o pasado 5 de xullo as Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR), que son sociedades mercantís para o aproveitamento forestal e que unha vez aprobado o decreto que as regula substituirán e eliminarán as UXFOR. A través desta figura o Partido Popular quere plasmar a súa oposición política ao traballo feito polo BNG na pasada lexislatura.

Neste borrador de decreto manifestase o desprezo do actual goberno con todo o realizado con anterioridade; así a base sobre a que parte esta figura societaria non é unha lei do parlamento galego senón unha lei estatal (as UXFOR xorden da lei galega de prevención e defensa contra os incendios forestais aprobada no ano 2007 e as SOFOR nacen da lei estatal de montes do ano 2003) e as iniciativas de UXFOR non teñen posibilidade legal de poder incorporarse á nova regulación (derroga o decreto das UXFOR e con elo pecha todo posibilidade de darlle continuidade aos proxectos postos en marcha).

A actual Dirección Xeral de Montes ante a súa incapacidade para xerar en máis de ano e medio novas propostas e iniciativas para o noso monte, dedícase a destruír todas as iniciativas postas en marcha a prol do monte desde a consellería nacionalista no goberno bipartito: servizo de valorización do monte, axudas de valorización, axudas de frondosas, Foresgal, agrupacións veciñais de vixilancia forestal, plans forestais de distrito, e agora tamén as UXFOR.

AS SOFOR formúlanse en clara oposición e confrontación coas UXFOR, baixo o prisma de modelos de monte moi distintos. As dúas ferramentas parten dunha análise moi similar dos problemas existentes no monte galego: minifundismo da propiedade privada forestal, abandono da xestión, elevado risco de incendios... Pola contra a solución adoptada para resolver estes problemas é moi distinta; se as UXFOR buscan a implicación de toda a sociedade para vertebrar social e territorialmente o monte, as SOFOR agardan que sexa o mercado a través das empresas e o capital privado o que poida poñer freo ao abandono. Amais as UXFOR teñen por finalidade afondar na prevención dos incendios forestais a través da posta en valor do monte, porén as SOFOR buscan o aumento da renda agraria esquecendo a existencia dos lumes no noso país (de que serve que eu teña limpa e coidada a miña finca se a veciña non a ten?).

Desde a óptica máis liberal, as SOFOR empregan unha terminoloxía de empresa (capital social, socios, xunta xeral de socios, administrador único), para evidenciar a súa clara oposición á xestión conxunta formulada polas UXFOR. Neste tempo de crise no que o sistema económico está seriamente cuestionado, o mercado é a gran salvación para o noso monte segundo os gurús do goberno do PP.

Das mentiras e medias verdades

No anexo comparativo entre SOFOR e UXFOR que publicou a consellería do Medio Rural existen unha ducia de medias verdades e afirmacións falsas. Parte da mentira de que ningunha iniciativa UXFOR chegou á fase de solicitude de constitución, cando son 45 comisións de propietarios as que fixeron a solicitude de creación de unidade de xestión forestal segundo anexo I e II do decreto 101/2008 e que desde mediados do ano 2009 non tiveron resposta por parte de esta administración, estando en vigor o decreto de regulación das UXFOR. Continúan dicindo que as UXFOR son forzosas e o propio conselleiro Samuel Juárez afirma con rotundidade que "dada a idiosincrasia dos galegos, ter socios forzosos é un gravísimo erro". Coido que este conselleiro primeiro non está ben informado (supoño que non tivo tempo a revisar todo o feito con anterioridade) e segundo non coñece ben aos galegos e galegas. Na campaña electoral o PP empregaba a mentira para poñer as UXFOR e ao Banco de Terras como elementos que lle ían a quitar as terras a xente; e desde a súa posición de goberno seguen na mesma teima contando medias verdades, sen decatarse de que a súa obriga como xestores e buscar solucións para o país e non formular posturas ideolóxicas fundamentadas nas ideas simplistas do código binario (un ou cero, estás comigo ou en contra miña, o teu non serve o meu si).

A actual Dirección Xeral de Montes di que as SOFOR parten dun estudo pormenorizado dos distintos modelos societarios existentes e conclúe que o máis acaído para os montes galegos é o da Sociedade de Responsabilidade Limitada. Porén, esqueceu revisar as distintas figuras de agrupación de xestión de montes existentes na Península Ibérica que ofrecen solucións ben distintas como se pode comprobar en Andalucía (agrupacións de defensa forestal creadas polo artigo 56 e 57 da lei 2/1992 forestal de Andalucía), Castela e León (agrupacións de xestión forestal creadas polo artigo 103 da súa lei 3/2009 de montes), Cataluña (agrupacións de defensa forestal creadas polos artigos 34 a 38 da súa lei de montes 6/1988), Navarra (agrupacións de montes creadas polos artigos 61 e 62 da lei foral 13/1990 de protección e desenvolvemento do Patrimonio Forestal de Navarra), Madrid (agrupacións forestais recollidas nos artigos 46 e 74 da lei 16/1995 forestal e protección da natureza da Comunidade de Madrid), Portugal (zonas de intervención forestal (ZIF) a través do Decreto-Lei 127/2005, reformada profundamente a través do Decreto-Lei nº 15/2009). No caso das ZIF portuguesas reúnen, ao igual que as UXFOR, nunha mesma ferramenta a xestión forestal coa prevención dos incendios forestais.

En todo momento coidouse moi moito a terminoloxía empregada para definir as SOFOR (dereito privado, carácter voluntario, regulación pactada, os terreos e os dereitos mantéñense), deixando as medias verdades para as UXFOR (dereito administrativo, forzosa, non o permite o marco xurídico, indefinición do marco xurídico). Este feito ratifica que as UXFOR son unha ferramenta moi potente que desde a óptica liberal se quere afastar a toda costa para non falar das verdades e necesidades do noso monte. Non se pode entender que ante un problema de ordenación do territorio e que afecta a toda a sociedade a administración quede como simple espectadora e o goberno deixe facer ao mercado o que queira.

A necesidade dunha solución integral para o noso monte

Coa chegada das UXFOR rompeuse a inercia do esquecemento e o abandono polo monte, e iniciouse un novo camiño que tiña por misión sumar esforzos para resolver os atrancos da xestión conxunta do monte. De este xeito, as UXFOR permiten por primeira vez realizar unha verdadeira vertebración do monte (e por extensión de todo o territorio) superando os atrancos da propiedade a través da propia xente que se une para resolver un problema común. Acádase tamén a vertebración social, ao teren os propietarios e propietarias que organizarse para realizar a xestión conxunta do seu monte.

Estes dous elementos: vertebración territorial e vertebración social son as bases para ofrecer unha solución integral ao noso monte, xa que se mergullan no fondo do asunto: o abandono da terra. Pola contra as SOFOR ofrecen solucións parciais para unha parte do país (zona produtiva costeira) e para unha parte das persoas propietarias (as xa organizadas e activas). Mais a cuestión fundamental é como vai resolver as SOFOR os milleiros de hectáreas de monte con millóns de parcelas sen documentación, sen propietarios coñecidos e sen rendibilidade económica? Que empresa se vai a facer cargo? E a todo isto temos que preguntarlle a este goberno se vai mirar para outro lado ante os verdadeiros problemas do noso monte?

O noso rural non se pode permitir a perda dunha ferramenta que xerara a ilusión de milleiros de persoas propietarias que iniciaran un cambio significativo na súa relación co monte e apostaron pola construción do territorio en conxunto. Non debemos permitir unha solución parcial aos problemas do noso monte, cando temos riba da mesa unha ferramenta que aborda a solución de forma integral e que ten xa máis de dous anos de rodaxe. Non se explica a necesidade de desbotar unha medida normativa que non se deixou avanzar na súa aplicación no territorio se non é a través do uso partidista das institucións.

Por todo isto, teremos que seguir repetindo as verdades das UXFOR para que non caian no esquecemento.