Un golpe mortal ao comercio galego

Un golpe mortal ao comercio galego
Ven de aprobarse a lei do comercio interior da Galiza cos únicos votos do partido que sustenta o actual Goberno galego

Ven de aprobarse a lei do comercio interior da Galiza cos únicos votos do partido que sustenta o actual Goberno galego. Era unha oportunidade agardada polo comercio tradicional para poder facer fronte a determinados formatos comerciais que, dun xeito agresivo e con practicas pouco claras, teñen dado un avance poderoso na súa implantación na última década.

O sector do comercio tradicional cifraba as súas esperanzas en que se esta era a última oportunidade para regular dun xeito acaído a implantación das grandes superficies e frear, así, o seu avance imparable, a destrución de emprego e o peche de moitos establecementos comerciais que tiñan desenvolto un papel vital na recuperación, estruturación e consolidación do entramado urbano durante séculos e que, agora, desaparecen polas consecuencias da práctica das grandes superficies comerciais, a crise, a restrición no consumo e do crédito para circulante.

Cunha lexislación de mais de vinte dous anos, o BNG tivo unha ocasión única cando formou parte do anterior Goberno da Xunta e tiña a responsabilidade da consellería de innovación e industria. O pretender facer unha lei que representara a todo o sector, a intromisión do Estado, a directiva europea de liberalización dos servizos e a incapacidade política dos socios de goberno para entender a necesidade de dotármonos dunha lei acorde coa nosa realidade impediu a súa  aprobación polo Consello da Xunta e a remisión ao Parlamento galego. A chegada do actual Goberno supón un punto de inflexión neste traballo que, apropiándose del, foi capaz de liquidar aquelas propostas mais sentidas polo sector, apagar as reivindicacións de determinadas representacións do sector comercial e logrou acalar as voces críticas, condenando ao comercio galego a un futuro de destrución e desesperanza.

Non é a primeira vez que o Partido Popular actúa así pois, como ben lembra o propio sector a permisividade na implantación das grandes superficies fíxoa pola porta de atrás cando modifica a lei do comercio no ano 2003 mediante a lei de medidas tributarias e administrativas incrementando a 2.500 m2 a necesidade dunha licenza comercial específica e, agora, utilizando a súa maioría absoluta non so non foi capaz de abrir un diálogo político para intentar mellorar a proposta enviada polo Executivo galego, senón que fixo caso omiso das reivindicacións do sector e que servirían para consolidar esta actividade económica como un elemento de cohesión social, imprescindíbel para vertebrar a sociedade e consolidar o entramado urbano. Pola contra, optou por renunciar as súas competencias e deixar a planificación comercial nas mans dos concellos sen importarlles a repercusión económica e social que representa isto. A propia manifestación recente do sector comercial na Coruña evidenciou que un desenvolvemento comercial baseado nas grandes superficies non so é prexudicial para o comercio de proximidade, senón que desestrutura a sociedade, ten un grande impacto medioambiental e no territorio e concentra a oferta nunhas poucas mans, neste caso nos grandes grupos de investimentos e nas canles de comercialización foráneas.

O nacionalismo propuxo unha serie de medidas encamiñadas a ordenar dun xeito mais equilibrado o sector como a necesidade de dotarse un plan sectorial de equipamentos comerciais onde, dándolle participación ao propio sector e aos concellos, servira para ordenar a oferta comercial dende unha perspectiva de País e facilitar o acceso a esta actividade a todos por igual; a proporcionalidade entre os metros cadrados de superficie comercial e o número de habitantes do concello onde se implante para que intervirá o Goberno galego e evitar unha proliferación de grandes superficies; o fortalecemento das mesas locais de comercio como instrumentos de encontro e diálogo entre os concellos e o comercio; o facilitar o acceso a esta actividade aos ambulantes dende a racionalidade e outro tipo de medidas que fortalecerían ao noso comercio e servirían para situalo nunha posición de vantaxe comparativa fronte as grandes transnacionais do sector,  mais unha actitude sectaria, incapaz e de submisión aos poderosos guiou a actuación do Goberno galego.

Mais non satisfeitos con esta tropelia, modifican a lei do solo con nocturnidade e aleivosía para que as grandes superficies teñan mais facilidades de implantación ao permitir o seu asentamento en solos rústicos de especial protección forestal ou agrícola medíante a recalificación destes, tal e como o contempla na lei de acompañamento nos orzamentos do 2011. Unha vez mais o Partido Popular opta por poñerse do lado dos poderosos e de aqueles que non teñen por finalidade o desenvolver unha actividade comercial, senón a especulación urbanística, a introdución de produtos foráneos e o investimento das ganancias noutros lugares.

Dende o nacionalismo cecais non fixemos todo canto debiamos, mais a fragmentación,o individualismo e a submisión de certas agrupacións comerciais serviu para desdibuxar as principais demandas do mesmo e situalo nunha posición na que debera extraer conclusións do que quere facer; se resistir individualmente e desaparecer ou tomar protagonismo directo e activo, sen complexos defendendo o seu futuro e evitando a toma de decisións nocivas para o seu desenvolvemento.