Un castigo ás persoas socialmente máis débiles

Un castigo ás persoas socialmente máis débiles
Foi o actual presidente da Xunta e tamén, presidente, deste partido no noso País, quen manifestou que si gañan as eleicións van facer o mesmo que están facendo na Galiza

A publicación o 9 de setembro da Orde do día 5 elaborada pola consellería de Sanidade e na que se regula o dereito á asistencia sanitaria por parte das persoas sen recursos económicos suficientes e daquelas que se encontran en situación de desemprego desvela, as claras, as intencións reais por parte do Partido Popular. Ao longo destes meses de pre e campaña, o seu máximo líder sempre se mostrou moi comedido a hora de desvelar o seu programa de goberno, no caso de que gañase as eleicións. Máis, ante a insistencia mantivo unha posición teimuda de non concretar as propostas ante os grandes temas que realmente lle importan á maioría social como é o desemprego e a creación de emprego, os servizos públicos esenciais como a sanidade, educación ou servizos sociais ou, mesmamente como vai actuar para lograr os recursos necesarios e poder manter o estado do benestar.

"Mariano, mellor calado" foi a máxima transmitida por este señor, pois as poucas veces que entrou en propostas concretas amosaba as súas intencións de desmantelar as políticas orientadas a atender a aquelas persoas que peor o están pasando e que están pagando as consecuencias da crise, sen ser as responsábeis desta situación. As súas prácticas nas autonomías nas que gobernan é onde mellor podemos ver, e en tempo real, o que pretende desenvolver nos próximos catro anos. Tamén na boca de algúns ou algunhas presidencias de gobernos autonómicos xa avanzaban drásticas medidas. A presidenta de Castela-A Mancha sobre as prestacións por desemprego, a de Madrid sobre os medicamentos para as persoas xubiladas ou o mesmo candidato do Partido Popular á presidencia manifestando que a lei de dependencia é insostíbel avanzando, así, no camiño da quebra na cohesión social.

Nembargantes, non temos que ir moi lonxe para saber e experimentar nas nosas propias carnes as políticas de retallamento deste partido. Foi o actual presidente da Xunta e tamén, presidente, deste partido no noso País, quen manifestou que si gañan as eleicións van facer o mesmo que están facendo na Galiza, pero con maior énfase. O incremento dos impostos como o canón da auga, o deixar sen cubrir as baixas do persoal docente producidas no curso anterior, outro tanto do persoal sanitario nos hospitais e centros de saúde, a retirada de ambulancias, o impago dos dereitos recoñecidos ás persoas dependentes, o aprazamento masivo ata límites insospeitados dos pagos ás empresas que traballan ou traballaron para a administración autonómica, son so algúns exemplos do afogue que practican ao conxunto da sociedade, xerando quebras de empresas, máis desemprego e producindo situacións insostíbeis a aquelas persoas con escasos ou sen recursos.

Máis un dos máximos expoñentes é a Orde á que máis arriba facíamos mención. Lonxe de imaxinar que atacarían á prestación sanitaria deste xeito, optaron por castigar ás persoas máis débiles, socialmente falando, e que teñen unha situación desesperada. O incremento do número de persoas demandantes de emprego é unha constante no seu crecemento, acentuada nos últimos anos e produto dunha crise que non se albisca o seu final. Esta evolución amosa a crúa realidade na que todos os días homes e mulleres son afectadas pola enorme cantidade de expedientes de regulación de emprego extintivos ou, simplemente, polo peche da empresa onde traballaban, sumíndoos nunha situación de anguria e desesperanza, habida conta de que saben perfectamente que non é para un curto período de tempo como poden mirar nas persoas próximas que as arrodean.

Estas circunstancias agrávanse, aínda máis, naquelas persoas paradas de longa duración, é dicir, das que levan máis de doce meses buscando traballo e non o atopan pois as prestacións por desemprego, no caso de ter dereito, son de escasa duración. Dentro deste colectivo tense disparado a porcentaxe de aquelas que levan máis de vinte e catro meses, incrementándose o último ano nun 20,49%, o que representa 58.007 persoas que xa non teñen ningún tipo de prestación por desemprego.

A súa vez, das 314.304 persoas inscritas como demandantes de emprego so hai 141.335 beneficiarias de algún tipo de prestación económica por desemprego ben sexa por prestación contributiva, subsidio ou renda de inserción. Se estes datos debuxan un panorama dramático, en peor situación están aquelas familias que teñen a todos os seus membros no paro, representando máis de 61.000 fogares.

Todas estas circunstancias amosan un empobrecemento e unha precariedade da sociedade no seu conxunto que acrecenta as diferenzas sociais, no que sempre sae pagando os custes da crise aquelas persoas que menos teñen ou que son menos favorecidas. Pois ben, dende o 29 de setembro esta orde e no seu posterior desenvolvemento medíante o Protocolo de traballo para a xestión das persoas sen recursos económicos suficientes (PSR) e das que se atopan en situación de desemprego (Código 29) de data dez de outubro, aplicándoselle a estas persoas retallamentos no dereito á protección da saúde e á atención sanitaria, chegando a cualificar ás persoas sen recursos que solicitan esta asistencia como PRIVADOS, facéndolles asinar un compromiso de pago polo servizo sanitario realizado.

Esta non é unha política de prudencia no gasto, non é unha política de "austeridade" do Goberno galego, é unha política de castigo sen precedentes a un dereito básico e fundamental como é o acceso á sanidade pública en igualdade de condicións. Efectivamente, xa esta en marcha as medidas programadas dende o laboratorio de ideas deste partido de dereitas na "longa noite de pedra" para as persoas máis agredidas pola crise.