Tivemos o goberno pero non tivemos o poder

Tivemos o goberno pero non tivemos o poder
Definitivamente o poder do PP é inmenso

Definitivamente o poder do PP é inmenso. Esta afirmación que parece non dicir nada novo, mostra a estupefacción coa que algúns e algunhas de nós estamos a seguir as noticias sobre o catálogo de medicamentos xenéricos que quere poñer en marcha a Consellaría de Sanidade.

Sería impensable que unha forza política como o BNG puidese afrontar unha reforma de este calado coa pax que se respira entre os colectivos de médicos e de farmacéuticos, pero sobre todo a tranquilidade social sabiamente arrolada por certos medios de comunicación.

Pero, que é o catálogo? Trátase de escoller, de entre todos os fármacos pertencentes a un mesmo conxunto -isto é, co mesmo principio activo- financiados pola sanidade pública, aqueles que teñan o prezo máis baixo. Estes serían os medicamentos que o SERGAS financiaría, quedando fóra os que sexan "iguais" -bioequivalentes -pero máis caros.

Parece de sentido común, incluso alguén podería pensar por que non se tivo feito antes, pero as circunstancias que rodean á escolla dun fármaco no momento da dispensación por parte dun médico son complexas, e van desde aspectos clínicos até a aceptación do mesmo polo propio paciente ou a confianza nunha marca. Polo tanto, reducir moito esa escolla vai supoñer un cambio radical no exercicio da profesión médica e o éxito da Lei dependerá en grande medida do que aconteza nas consultas.

Cando un laboratorio saca un novo medicamento, o Ministerio de Sanidade autoriza a súa venda e decide se vai formar parte ou non dos financiados polas Comunidades Autónomas. Consecuentemente, quen paga a factura no noso caso é o SERGAS. A empresa dispón de dez anos -ás veces once- para comercializalo en exclusiva e, a partir de aí, poden fabricalo outros laboratorios baixo nova marca ou baixo especialidade xenérica, é dicir, sen marca e co nome do principio activo que contén.

Con todo este elenco de fármacos elabórase o Nomenclator onde se recollen todos os medicamentos e, segundo a Lei de Garantias, serán dos que dispoña calquera médico da sanidade pública en calquera territorio do Estado Español.

Polo tanto o Ministerio pon os prezos e o SERGAS paga. Por se non fose dabondo, os medicamentos de marca, maioritariamente, rozan o máximo prezo que establece o Ministerio mentres que os xenéricos bioequivalentes, ao estaren exentos pago de patentes e ter menos custes comerciais, están próximos aos mínimos.

Poñendo en marcha a idea do catálogo podemos aforrar, todos e todas -non só a Consellaría-, unha cantidade que segundo fontes oficiais ronda os 100 millóns de euros ao ano. Probablemente sexa un cálculo moi optimista porque non sempre se vai poder receitar o fármaco máis barato debido a dificultades no proceso de fabricación, distribución ou no abastecimento das farmacias. Mais aínda con que só for a metade do aforro, a cifra é para tela en conta. Algo bo tería que traer esta crise.

Evidentemente, depois de presentar varias emendas ao vago proxecto de Lei que deixa todo aberto e sen concretar -hábil artimaña para regatear á Xustiza-, o BNG deu o seu apoio.

O PSOE, na súa función de "mamporrero" do Ministerio de Sanidade, opúxose porque, segundo eles, baixa a calidade sanitaria, cando estamos a falar de medicamentos xenéricos que están no Nomenclator en pé de igualdade con calquera outro por caro que for.

A cuestión que non deixa de sorprendernos é a práctica ausencia de manifestacións de rexeitamento entre os posibles grupos de presión ameazados. Porque... se o SERGAS aforra cen millóns de euros na factura farmacéutica, as farmacias deixan de facturalos. Ú-los farmacéuticos e as súas queixas? Os médicos van ver reducida a súa marxe na dispensación. Ú-los colexios médicos e as súas queixas? Só a industria farmacéutica parece estar activada, pero supoño que será consciente do escaso respaldo social que suscita, aínda que o xudicial podería telo.

Este acontecimento debería usalo o BNG para facer pedagoxía, con sabiduría e astucia, aproveitando a maré de concienciación cidadá que está a facer a prensa e explicar que a Soberanía Nacional que o PP rexeita é útil e beneficia incluso ao propio PP, e que ao BNG só o moven intereses que beneficien ao pobo galego veñan, conxunturalmente, de donde viren. Non podemos dicir o mesmo do PSOE, neste caso, como do PP noutras ocasións.

Cal sería a posición do PP de Madrid se o BNG forza un posicionamento no Congreso a favor do Catálogo?

Onde quedará o catálogo se o PP chega a gobernar en Madrid?

O sentido da responsabilidade que o BNG exhibe nesta cuestión pode verse frustrado se os cartos aforrados van para financiar os hospitais privados que están en proxecto en Vigo e Pontevedra.

A medicina do futuro está encamiñada a curar á persoa e non só á enfermidade, e para iso precisamos recursos humanos e técnicos, tempo para atención ó paciente, novos campos terapéuticos...

Queda camiño e batalla. Temos que estar dispostos a dala.