E tamén o catastrazo
Velaí outra manifestación do incumprimento do deber constitucional de aplicar un sistema tributario xusto inspirado nos principios de igualdade e progresividade
Non me queda outra que volver referirme neste medio á regresiva política fiscal do goberno. Acabamos de asistir en pleno mes de xullo, xusto no medio deste exercicio económico, a un cambio tributario de marcado carácter electoralista que adianta a rebaixa do IRPF programada para ser executada no ano 2016. Resultado: as rendas baixas apenas senten a redución fiscal e os máis beneficiados son os contribuíntes con rendas moi altas, de máis de 200.000 euros, que tributan uns 6.392 euros menos ao mes. Velaí outra manifestación do incumprimento do deber constitucional de aplicar un sistema tributario xusto inspirado nos principios de igualdade e progresividade.
Pero agora voume referir ao coñecido popularmente como catastrazo, que está sendo aplicado de forma silenciosa e aceptado resignadamente pola maioría dos destinatarios. Oficialmente denomínase “procedemento de regularización catastral 2013-2016” e foi introducido pola Lei 16/2012, de 27 de decembro, pola que se adoptan diversas medidas tributarias dirixidas á consolidación das finanzas públicas e ao impulso da actividade económica. Ben sabemos que sentido teñen as palabras cando os promotores destas medidas as usan para encubrir a realidade disfrazándoa con eufemismos. Consolidar as finanzas equivale a practicar recortes sociais, reducir prestacións e incrementar os ingresos a costa dos máis débiles.
Vexamos como e a quen afecta de cheo o catastrazo. En primeiro lugar, por cada inmoble sometido a este denominado procedemento de regularización, os destinatarios reciben unha notificación que vai acompañada dunha taxa de 60 euros baixo ameaza, en caso de impagamento, de embargo. Isto é, por un procedemento emprendido de oficio pola Administración catastral, o contribuínte é obrigado a satisfacer un trabuco establecido pola norma que o introduce, a Lei 16/2012, incumprindo o concepto do que a Lei Xeral Tributaria estabelece como taxa: tributo cuxo feito impoñíbel consiste na utilización privativa ou no aproveitamento especial do dominio público, a prestación de servizos ou a realización de actividades en réxime de dereito público que se refiran, afecten ou beneficien de modo particular ao obrigado tributario, cando os servizos ou actividades non sexan de solicitude ou recepción voluntaria polos obrigados ou non se presten ou realicen polo sector privado. ¿Como se pode xustificar que un proceso administrativo como este que non afecta á utilización do dominio público, que tampouco está orixinado por un servizo nin por unha actividade que afecte ou beneficie de modo particular o obrigado tributario e que, nin moito menos, se produce por solicitude de contribuíntes, que non reciben nada a cambio, leve aparellado un pagamento baixo a denominación de taxa? Trátase, de xeito evidente, dunha aberración xurídica. Con este argumento, a Administración podería estabelecer taxas por realizar calquera acto de revisión ou de inspección das actuacións dos administrados: por solicitar que os condutores de vehículos mostren o carné que os habilita para esa práctica, por sometelos á proba de alcoholemia, por sernos notificada unha declaración paralela por parte de Facenda, por sermos sometidos a un control policial…
Nesta carta con acuse de recibo dirixida aos afectados notifícaselles ou ben que nas súas propiedades se produciron novas construcións, ampliacións, rehabilitacións, reformas, demolicións ou derrubamentos -parciais ou totais- das xa existentes, modificacións de uso ou destino, segregacións, divisións, agregacións ou agrupacións de bens inmobles. E isto supón, na maior parte dos casos, aumento da superficie e o conseguinte incremento do valor catastral nun 200 e 300 por cento, valoración sobre a que se aplicarán os tipos de gravame nos diversos impostos relacionados con ela, de maneira especial o IBI, e non só no futuro senón tamén, con efectos retroactivos, nos catro anos anteriores.
¿E quen son os destinatarios do catastrazo? Nomeadamente, os residentes no medio rural que se dedicaron no pasado ou se dedican hoxe a actividades gandeiras e agrícolas. Até os anos oitenta do século pasado era usual que os animais convivisen na mesma casa que as familias que os coidaban e que a carón da vivenda existisen palleiras, pendellos, alboios e outras construcións que gardaban relación cos traballos que se practicaban. Co paso do tempo, os animais foron estabulados en construcións afastadas dos núcleos urbanos e as cortes nuns casos foron abandonadas por carencia de funcionalidade e noutros foron rehabilitadas de forma total ou parcial como cuartos de aseo ou como garaxes e almacéns. ¿E como actúa o catastrazo? Considera que todas as dependencias da vivenda tradicional, incluídas as antigas cortes dos animais e mesmo os galiñeiros, independentemente de que experimentasen reformas ou non, pasan a ter a consideración de inmóbel urbano residencial. Con isto, na maior parte dos casos, a Administración incrementa a superficie do ben inmóbel un cento por cento. Se, por necesidade agrícolas ou gandeiras, se realizara no pasado algunha construción arrimada á vivenda, este incremento tamén se considera residencial e a nova valoración pode supor un 300 por cento do actualmente en vigor.
Aínda máis, o catastrazo tamén se estende a todo tipo de construcións existentes nos predios rústicos. Isto é, os labregos e os gandeiros vense na obriga de tributar non só pola superficie das antigas cortes dos animais hoxe carentes de funcionalidade senón tamén por aqueloutras que, situadas fóra das vivendas, nuns casos existían desde tempos inmemoriais e noutros foron construídas para substituíren as antigas cortes situadas na planta terreira das súas casas. Deste xeito, construcións antigas, algunhas delas posiblemente anteriores ao Catastro de Ensenada, son valoradas a efectos de tributación.
Mais isto non remata aquí. O catrastazo non afecta a todos os concellos senón exclusivamente aos eminentemente rurais. Así, aqueles cuxa poboación ten os índices máis baixos de renda per capita non se libran do catastrazo. Pola contra, outros con maior nivel de riqueza fican automaticamente excluídos deste proceso. Dos 93 concellos da provincia de A Coruña, o catastrazo execútase en 53. Dos 67 de Lugo, en 54. Dos 92 de Ourense, en 46 e dos 62 de Pontevedra, en 33. ¿Por que non se aplica, por exemplo, en Oleiros, Sanxenxo ou en cidades como Ourense, A Coruña e Santiago? ¿Acaso tan só estaban sen regularizar os incrementos de superficie producidos nas vivendas rurais e non se construíron piscinas, garaxes, rochos, canchas de tenis, merendeiros, grellas, terrazas cubertas… nestes outros concellos?
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.