T-Solar como diagnóstico. T-Solar como futuro

T-Solar como diagnóstico. T-Solar como futuro
É desoladora a lista de industrias que botaron o peche ou que están a piques de facelo

A enquisa de poboación activa que ven de facerse pública ponnos diante dos ollos datos devastadores en relación coa evolución do desemprego en Galiza no último trimestre. Calquera observador neutral concluiría que estes datos inhabilitarían ao Sr. Núñez Feijóo, ao seu gabinete e ao seu partido para seguir á fronte do goberno.        

A esta situación ben seguro que non é allea a primavera negra para o tecido industrial galego que vimos de vivir e que á vista dos datos, ben seguro, que virá seguida dun verán, outono e inverno negros, como si da sinfonía das catro estacións se tratar.          

É desoladora a lista de industrias que botaron o peche ou que están a piques de facelo e na maioría dos casos estas decisións, entre outros motivos, traen causa de decisións políticas tomadas polo Partido Popular.        

Un claro exemplo disto é a fábrica de T-Solar en Ourense. Non o digo eu, que ben sei que son tendenciosa e catastrofista como tantas veces me teñen recordado diferentes próceres do Partido Popular. Así o ilustra a prensa local que o pasado día 26  titulaba “T-Solar dispara los datos del paro en Ourense"        

Foron diversas as decisións políticas tomadas polo Partido Popular que propiciaron que Isolux-Corsán, accionista maioritario de T-Solar, tivese coartada para desfacerse da súa fábrica en Ourense e mesmo que puidese ocultar unha máis que dubidosa xestión empresarial. Decisións en relación co sector enerxético, decisións en relación coas antigas caixas de aforros e  decisión referidas á xestión e seguimento das axudas públicas vinculadas con compromisos de creación e mantemento do emprego.        

Coa chegada do PP ao Goberno de Madrid, sen previo aviso nin negociación coas comunidades autónomas, aprobouse o Real decreto-lei que suprimía os incentivos económicos ás novas instalacións de enerxía renovábel. A publicación, en febreiro de 2013 do Real decreto-lei de medidas urxentes no sistema eléctrico recorta aínda máis as primas á enerxía eléctrica, polo que reincide na vía de facer recaer toda a responsabilidade do déficit tarifario nas primas ás renovábeis, nunha clara aposta polas fontes de enerxía tradicionais, incluída a nuclear, fronte ás renovábeis. Como corolario estamos ás portas dunha nova regulación do sistema eléctrico que introduce “peaxes” para os usuarios particulares de enerxías renovábeis e provocará un drástico incremento da tarifa.        

Estas medidas do Goberno de Rajoy supoñen un pau a territorios como Galiza, con potenciais de desenvolvemento do sector das enerxías renovábeis, que ademais poden ser o motor industrial e arrastrar investimentos asociados. A estratexia enerxética que está a levar a cabo o goberno impide que Galiza poida desenvolver a súa economía e o seu sector enerxético a partir do aproveitamento de recursos renovábeis propios e, en especial, fréase o desenvolvemento fotovoltaico e eólico, de vital importancia nun momento de recesión económica como a que atravesamos, pois a supresión das primas poden facer inviábel o investimento.        

Si por corrupción entendemos o emprego de mecanismos que permiten que aqueles instrumentos e recursos públicos que deberan ser destinados á satisfacción do interese xeral, do ben común e das necesidades da sociedade acaban sendo destinados á cobertura de intereses particulares estamos ante un caso de libro.          

Existe algún ben común ou algunha demanda social que se pretenda satisfacer con estas decisións? Responden á resolución dalgún problema que afecte ao común da cidadanía?  Coido que a resposta nos dous casos é un non rotundo. É máis, son decisións que tanto desde o punto de vista colectivo como individual operan claramente en contra dos intereses da maioría da sociedade.          

Mais todas teñen en común favorecer en exclusiva os intereses das grandes multinacionais eléctricas. Trátase dun claro caso dun poder executivo e lexislativo axeonllado ante os seus intereses e actuando ao seu ditado. A esta altura ninguén dubida que esta simbiose tamén alimenta esa outra forma de corrupción que consiste en facer cada vez máis tenue a liña entre o ámbito das responsabilidades políticas e empresarias, esa porta xiratoria que permite que ex presidentes, ex ministros e ministras senten nos consellos de administración destas empresas cobrando suculentos emolumentos.        

Decisións adoptadas no ámbito do Estado, nunha clara invasión das xa precarias competencias de Galiza, en relación coas antigas caixas de aforro provocaron a súa desaparición deixando o tecido produtivo galego sen un sector financeiro ao seu servizo. Tamén unha decisión madrileña co silencio cómplice da Xunta motivou os desinvestimentos que as extintas caixas galegas tiñan no tecido industrial. Esta foi unha decisión que permitiu que Isolux-Corsán puidese mercar, a prezo de saldo, o 20% que a caixa tiña no accionariado de T-Solar, converténdose en accionista maioritario.          

Este feito foi determinante para o actual desenlace. Para que o grupo Isolux poida decidir  de xeito unilateral prescindir dunha fábrica con capacidade de producir, de adaptar, malia os obstáculos, os seus produtos ás demandas do mercado.          

Finalmente, esta fábrica que naceu con investimentos públicos por valor de 65 millóns de euros, dos 80 que ao parecer custou a súa posta en marcha, deu ao longo do tempo de numerosos sinais dunha xestión empresarial cando menos deficiente e neglixente. A Xunta de Galiza tivo, agora temos a constancia, a través de diversos departamentos indicios certos de que se estaba a producir o que poderíamos considerar unha administración desleal, non orientada a producir e vender o producido, obviando as oportunidades de negocio que se lle presentaban, nalgún caso mesmo da man da propia administración, simplemente porque para Isolux nunca foi un obxectivo prioritario manter a actividade e os postos de traballo da fábrica de Ourense. Unha vez máis estamos ante unha evidencia dun liberalismo tan extremo que deixa facer libremente, mesmo cando o que están en cuestión cartos e intereses públicos.        

Estes feitos e algúns outros provocan a situación actual. Unha empresa en situación de concurso de acredores e un ERE extintivo que deixou sen emprego 170 persoas.          

Chegados a este punto podería afirmar que isto non tería acontecido se Galiza tivese capacidade real de decidir sobre un sector estratéxico como é o enerxético sen interferencias do Estado. Si tiveramos capacidade para defender o noso sistema financeiro. Si o goberno  ademais de reclamar os instrumentos estivese disposto a dotar Galiza dun Banco Público e intervir decididamente no desenvolvemento da política enerxética.      

Seguro que si. Seguro que con estes instrumentos T-Solar tería futuro. Mais non temos nin o marco nin o goberno disposto a facelo. Daquela como procuramos unha solución para T-Solar?        

A Xunta, que é un dos principais acredores no concurso ten que facer valer tal condición. Ten que ir máis aló da ameaza de expediente de devolución dos fondos recibidos. Ben sabemos que non os van devolver e, aínda que se devolvesen, nada achegarían á consecución do obxectivo de manter a fábrica. As contías polas que a Xunta é acredora deben destinarse a que a prioridade para a administración concursal sexa o mantemento dos postos de traballo e non arrepañar máis cartos nun eventual proceso de liquidación.          

A Xunta ten que estudar minuciosamente todos os posíbeis proxectos industriais interesados na fábrica e os diferentes plans de negocio que se poidan formular. Analizar a súa fiabilidade e viabilidade e logo apostar con firmeza por aquel que mellor represente os intereses colectivos prestándolle todo o apoio preciso.          

Os e as traballadoras están/estamos (xa me sinto parte deles) pechados na fábrica. Hoxe encetan o día 27 de encerro porque non queren ser os protagonistas dun remake de Os luns ao sol na súa versión ourensá. Queren que se procure un plan de viabilidade para a fábrica. Porque saben que é viábel. Porque cren que teñen dereito a un traballo. A un traballo na súa terra. 27 días agardando polo seu goberno. 27 días reclamando a atención de quen ten obriga de impulsar o emprego. Así seguirán, seguiremos, até que vexamos que se enceta ese camiño.