Superar o síndrome da derrota

Superar o síndrome da derrota
Esta batalla non a gañamos no facebook nin en internet, esta batalla gañámola coa vella receita do nacionalismo galego: pegados a xente

No mes previo a convocatoria da folga xeral os "mass-media" trataron de estender entre a poboación o desánimo, chegando a callar incluso entre os cadros sindicais, pero o éxito da convocatoria demostrou que nesta sociedade segue existindo unha gran parte da poboación disposta a dar a batalla por un cambio de modelo económico e social, e que temos capacidade para chegar ata ela.

A cabalería pesada da dereita económica deu a batalla durante o período previo á folga xeral do día 29 de setembro co fin de desmoralizar a nosa base social, nomeadamente ao mundo do traballo. Por unha banda asistimos a duros ataques contra o movemento sindical no seu conxunto aproveitando as contradicións do sindicalismo españolista; por outra, tentaron aproveitar o descontento dos sectores máis concienciados criticando o adiamento da convocatoria e transmitindo a inutilidade de saír a rúa meses despois de aprobada a reforma.

Esta campaña mediática sen precedentes tiña como obxectivo implantar o síndrome da derrota: a folga ía ser un fracaso e non valería para nada. E abofé que case chegamos a crer nas súas mentiras.

Ao inicio da campaña que levamos adiante, fundamentalmente nas empresas, moitos cadros sindicais semellaban desmoralizados, non tanto pola resposta dos traballadores e traballadoras, como por ter interiorizado parte dos ataques do poder económico. Os días previos, compañeiros e compañeiras con longa experiencia sindical comentábanme con certo amargor que non as tiñan todas consigo.

A miña visión persoal era outra, os traballadores e traballadoras que continúan en activo, cada día aturan unhas peores condicións laborais; é certo que había medo en amplos sectores do mundo do traballo, pero tamén moito malestar, moito cabreo e moitas gañas de dar unha contestación colectiva. Non só contra a reforma, senón polo malestar ante unha sociedade con dúas varas de medir e na que sempre pagan os de abaixo, o capitalismo venceu pero non nos derrotou. E como me ensinou o meu amigo Moncho de Ourense, hai que crer nos traballadores e traballadoras.

O éxito da folga xeral en Galiza sorprendeu a propios e estraños. Máis alá do baile de cifras, foi un éxito indiscutible. O contraataque do FMI e do Banco de España explicando que é imprescindible seguir coas contrarreformas é a mellor mostra.

Pero desta folga temos que tirar unha lección: o traballo preparatorio foi un revulsivo que nos levou, como nos vellos tempos, a dar o debate nos centros de traballo, na rúa, cos amigos, no bar e en calquera lugar de encontro social. E gañamos a batalla ideolóxica a pesares dos moitos medios que o inimigo puxo nesta confrontación, demostrando que hai amplas capas da sociedade disposta a loitar por un cambio de modelo económico e social, e que se nolo propoñemos somos capaces de chegar ata elas.

Que non nos confundan os que sempre falan de procurar novas vías de loita superando os vellos esquemas que cualifican de caducos. Esta batalla non a gañamos no facebook nin en internet, esta batalla gañámola coa vella receita do nacionalismo galego: pegados a xente.